Xoves. 18.04.2024
El tiempo

Novo e asombroso achado arqueolóxico en Vimianzo dunha misteriosa osamenta de muller

Novo e asombroso achado arqueolóxico en Vimianzo dunha misteriosa osamenta de muller
Cranio achado en Vimianzo un Dia dos Inocentes

Sorpresa e expectación é o que se está a vivir estes días en Vimianzo, o motivo, un achado fortuíto que ten abraiada a comunidade científica. En palabras dos estudosos, estariamos ante unha das descubertas arqueolóxicas máis importantes das últimas décadas incluso a nivel internacional, polo que fan un chamamento á cautela e responsabilidade, solicitando á veciñanza que eviten visitar o lugar nestes momentos, saturado de científicos e medios de comunicación.

Achado fortuíto

Segundo a testemuña dun informante, o achado tivo ocasión cando un veciño do lugar procedía a preparar as súas terras para iniciar unha plantación de eucaliptos. A impresión de atoparse ante o cadaleito dunha muller como non vira antes, “alta e chea de ouro como unha raíña”, levárono a comunicar o feito ás autoridades locais. Dende entón o lugar converteuse rapidamente en tránsito de personalidades do mundo da ciencia, pero tamén da política ou dos medios de comunicación. O enclave – que non nos está permitido desvelar con precisión- localízase nun emprazamento próximo a un campo de mámoas e semella que a misteriosa muller podería gardar relación precisamente coa cultura do megalitismo: a das mámoas e os dolmens, que tanto abundan nestas terras vimiancesas. En relación cos restos óseos, os arqueólogos estudan a aparición dunha lousa de gran tamaño que cubriría o corpo (podendo ser causa de morte o esmagamento pétreo) así como unha roca de fiado atopada a súa beira.

Misteriosa muller

Poucos son os datos proporcionados ata o momento por parte dos científicos celosos de discreción, porén a imaxe dun cranio de muller en perfecto estado, enxoiada e con abondoso cabelo dourado peitado en elegante moño, xa está a dar a volta ó mundo.

Como xurdida de terra de lendas asoma a que poderiamos imaxinar como muller de poderosa presenza, para lembrar de seguido os vellos relatos das mouras que construían os dolmens ó tempo que fiaban na súa roca. Segundo as palabras dalgún dos investigadores consultados estariamos ante un achado sen precedentes. Neste respecto E.C. Harris, considera que “a emoción que nos embriaga non debe interromper o método científico”, mentres o paleontólogo J.L Arsuaga admira a conservación dunha estrutura ósea da que “non existe dúbida que pertencería a unha muller alta, ben proporcionada e loura, de extraordinaria beleza e afouteza”.

O caso é que en Vimianzo, terra de antas, toma forza o dito aquel de “eu non creo nelas, pero mouras, habelas hainas”.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios