Mércores. 03.03.2021
El tiempo

Un pleno xudicial, eólico e de obras en Vimiazo

Pleno Vimianzo 1
Un dos plenos telemáticos celebrados no Concello de Vimianzo
Un pleno xudicial, eólico e de obras en Vimiazo

Vén de lonxe a problemática co arquitecto municipal do Concello de Vimianzo. Unha historia chega de procesos xudiciais, que en principio, remataba onte coa “execución de sentenza RPT área de arquitectura urbanismo e posto de arquitecto municipal”. Segundo o grupo de goberno, o Concello ten que “regularizar o posto de arquitecto técnico municipal”, polo que volverá ao seu posto de traballo despois de varios anos de inhabilitación.

Unha decisión criticada polo grupo de Adiante Vimianzo (que votou en contra da moción), pois considera que o acordo plenario sobre o arquitecto non se axusta á sentenza. "O feito de acordar devolver ao arquitecto municipal á mesma situación na que estaba no ano 2006, non é cumprir co que dicta a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza. Cunha lectura minimamente comprensiva da sentenza podemos entender que o que se solicita do concello de Vimianzo é unha resolución onde se motiven os cambios que se aprobaron na RPT respecto da praza de arquitecto municipal”.

 

Aprobación do POS+

O pleno aprobabo (O propio grupo de Adiante Vimianzo sinala que varias das obras eran previstas polo goberno anterior) adicar 919.094,35 euros do Plan Único a gasto corrente, obras e gastos sociais extraordinarios. Destinaranse 356.000 euros a gasto corrente e 338.000 para investimentos, entre os que se destacan os 347.215,60 euros á rede de saneamento en Carantoña; a pavimentación no lugar de Mouzo e na mellora do viario de Subeiro A Carballa.

Dos 232.419,12 euros que teñen que ser destinados a gastos sociais extraordinarios, 202.419,12 euros se adicarán a ampliar o Servizo de Axuda a Domicilio en todas as súas modalidades, dentro da nova licitación. 10.000 euros serán para ampliar e dotar as partidas destinadas a garantir investimentos suficientes ás persoas soas ou familias maiores, persoas con diversidade funcional e mulleres en risco de exclusión social ou vítimas de violencia de xénero. Outros 10.000 euros para axudas ás familias para gastos que faciliten a escolarización, material informático e acceso os medios dixitais. Os restantes 10.000 euros serán para reforzar os servizos e axudas económicas para respiro familiar e medidas de conciliación.

Tamén se aprobou a inclusión no Plan Complementario do ano 2021 os investimentos financieiramente sostibles de arranxo do pavimento interior no lugar de Xora (Fase 1); a mellora no viario de Santa Comba (Baíñas) e a mellora no viario de Romar (Berdoias).

Eólicos de Berdoias

Igualmente Adiante Vimianzo presentou unha moción para apoiar a petición de tres entidades -Asociación Parroquial de Berdoias, Colectivo A Rula e Semescom- que presentaron alegacións ao parque eólico de Berdoias. A moción non foi apoiada polos demais grupos, baixo o pretexto da necesidade de informes técnicos e xurídicos. “O noso grupo non entende os reparos de PSOE e PP a apoiar esta moción, cando hai antecedentes doutras mocións que recolleron peticións de diferentes asociacións e foron aprobadas por unanimidade sen necesidade de informe algún ao respecto”, sinalao grupo da oposición.

En todo caso, o grupo de goberno destacou “o Concello xa presentou alegacións en tempo e forma porque temos como deber protexer o noso patrimonio. O Parque Eólico de Berdoias non é conforme á ordenación urbanística e o impacto sobre o territorio é dunha enorme trascendencia para a etnografía de Vimianzo e de Galicia desde o momento no que afecta de modo destrutivo a unha área con un extraordinario potencial arqueolóxico”.

Pola súa parte, o BNG de Vimianzo manifestou a súa preocupación pola construción do parque, que lamenta a afectación a dolmens coma o da Casota ou o de  Freáns, núcleos coma o de Santa Cristiña ou incluso camiños como a Vía Mariana ou o Camiño de Santiago que chega a Muxía. Confirmaron que o deputado do BNG Daniel Pérez  levará unha iniciativa ao Parlamento Galego na que se pedirá explicacións a Xunta por este asunto, ademais de solicitarlle que elabore un plan de posta en valor dos conxuntos arqueolóxicos afectados polo parque eólico para protexelos de calquera salvaxada que poidan sufrir durante as obras .

Novas relacionadas

comentarios