Tesouros de Berdoias (XXI): Ermidas, Capelas, Cruces e cruceiros

Continuamos da man da “Asociación Parroquial de Berdoias“ e do Seminario de Estudos Comarcais (SEMESCOM), recuperando o rico e variado patrimonio que atesouran os lugares da parroquia vimiancesa de Berdoias.

MOSTRA DO PATRIMONIO MATERIAL DA PARROQUIA DE BERDOIAS (XXI):
CONSTRUCIÓNS DE RELIXIOSIDADE:
ERMIDAS. CAPELAS, CRUCES, CRUCEIROS DA PARROQUIA DE BERDOIAS

Deixando á parte a Igrexa parroquial e o cruceiro do adro, ímos referirnos a algunhas daquelas sinxelas arquitecturas de finalidade relixiosa, tales como:

- A ERMIDA DE SANTA CRISTIÑA, en Sta. Cristiña, que se compón dunha pequena nave rectangular e unha capela maior de planta cadrada,. Ten unha fachada de esquema pentagonal e que remata nunha pequena espadana que alberga unha campá procedente, tal como constatou o camariñán Xosé Troiano, do vapor ingles Priam, que naufragou en. 1889 polas illas Sisargas. Esta pequena ermida, a carón dos montes do Faro e de Ogas, ten pretiño unha fonte milagreira, e o seu culto está vinculado ó mundo agrario. Precisamente, a caron do seu altar hai un oco con terra sagrada que, mediante a realización de determinado rito, é benéfica para os partos e para unhas boas crianazas.


 Ermida de Santa Cristiña


 Furna con Terra da fertilidade, a carón do altar da ermida


Fonte milagreira de Sta. Cristiña


Detalle da campá da ermida

- A CAPELA DE SAN ROQUE E O CRUCEIRO, en Boallo, son dúas pequenas arquitecturas, hoxe en estado ruínoso e de abandono, vinculadas ao pazo de Boallo, construído a mediados do século XVII. Da capeliña tan só quedan as paredes. Do cruceiro, unha plataforma escalonada de catro banzos,sobre o que se conserva só o varal: cuadrangular na súa parte baixa, e cilíndrico e acanalado no resto onde hai esculpida unha figura non identificada. Cabe a posibilidade de que a imaxe represente a do bispo San Ildefonso ou mesmo a de San Martiño, xa que calquera dos dous teñen nomes que aparecen na liñaxe desta casa dos Lema de Berdoias.


Capela de San Roque e Cruceiro, en Boallo


Varal do cruceiro do pazo de Boallo

 

- AS CRUCES DE PEDRA DO FRADE: unha delas, coa plataforma dun penedo natural, ten como lenda asociada a dun monxe devorado por lobos neste lugar, cando ía de camiño polo monte cara o mosteiro de Moraime. A outra das cruces, está situada nunha encrucillada en pleno lugar de Pedra do Frade.


Cruz da Pedra do Frade


Cruz no lugar da Pedra do Frade

- A CRUZ DE GRIXOA, coñecida como a Cruz do Varelo, á saída do lugar de Grixoa, no inicio do camiño que conducía ata a vella igrexa parroquial, hoxe desaparecida, e que ata o século XVII estaba en Grixoa (precisamente o nome de Grixoa vén de “igrexa”).


Cruz de Grixoa ou do Varelo, en Grixoa


Cruz de desgraza, nunha parede, camiño de Sta. Cristiña.

 

TESOUROS DE BERDOIAS