Martes. 16.04.2024
El tiempo

A parroquia de Lama xa está na rede

A parroquia de Lama xa está na rede
parroquia-lamas Ata o ano 1793, a parroquia de Lamas estivo unida á de Baio. Imaxe: Evaristo Domínguez Quedan xa poucas parroquias por percorrer no apartado de “Zas polo miúdo” da web oficial do concello de Zas. A última en subirse á rede foi a información sobre a freguesía de Lamas elaborada por Evaristo Domínguez Rial e Xosé Mª Lema. A xeografía, a toponimia, o patrimonio cultural e natural e os personaxes que residiron neste lugar son algúns dos temas dos que se pode atopar neste apartado. Tal e como se describe na documentación, Lamas forma parte do grupo de parroquias situadas na zona noroccidental do concello de Zas, configuradas en torno ó val medio do río do Porto. Presenta unha superficie moi achanzada, agás nos lindes, onde hai pequenos outeiros que a separan das parroquias de Vilar e Bamiro e San Cremenzo. Case a totalidade do seu territorio está formado por un val de fondo moi plano onde son imperceptibles os desniveis. Estivo unida a Baio ata o ano 1793, sendo Lamas a parroquia matriz. No Antigo Réxime formaba parte da xurisdición de Vimianzo, do señorío do conde de Altamira. O seu principal curso de auga é o río de Zas ou de Lamas - que nace na parroquia San Martiño de Meanos - e será unha das achegas máis importantes que terá o río do Porto. É o seu afluente máis longo (16,4 quilómetros). Trátase dun río eminentemente de chaira, con tan só uns pequenos desniveis na zona de Pedra Vixía antes de xuntarse co principal. Por esta zona, na súa marxe dereita, atópase o dolmen de Pedra Moura de Pedra Vixía, sendo o monumento megalítico do concello de Zas máis coñecido despois da Arca da Piosa. igrexa-gotica-parroquia-lamas Unha das peculiaridades da igrexa de Lamas é a súa bóveda de estilo gótica. Imaxe: Evaristo Domínguez Rial Da igrexa parroquial de Santa María de Lamas o máis salientable é a capela maior, gótica do século XVI, cuberta por unha bóveda estrelada con nervaduras moi traballadas que se cruzan nunha clave central e catro secundarias. Chama tamén a atención o arco apuntado, tamén gótico e do XVI, que comunica a capela maior coa nave. A reconstrución da nave do templo no século XVIII custou “ferro e fariña” xa que os veciños non estaban moi de acordo cos mandatos do visitador do arcebispado e o párroco tivo que acudir a un notario para ameazalos por escrito con penas de excomuñón “y prisión de sus personas y otros apremios” se non se aviñan a colaborar nas obras prestando serventía. Chama a atención o atrevemento destes fregueses, tendo en conta o poder absoluto que tiña a Igrexa na época; foran ben atrevidos, desde logo. As ordes de reconstrución déranse en 1721, pero ata 1734 non se iniciaron, rematándose en 1743. Desta época son as esculturas de pedra da fachada e o cruceiro do adro, obra de Xoán Martínez, canteiro e tallista de Borneiro. O retablo maior do interior foi realizado en 1773 por un fillo deste, tamén escultor, chamado Ignacio, residente en Troitosende (A Baña). Esta parroquia foi o lar nativo dunha importante familia fidalga galega que tomou o nome da propia freguesía: os Lamas. Ao parecer era das primeiras e das mellores do reino de Galicia, cunha antigüidade que se remontaba a principios do século XVI. Un dos seus membros, Álvaro Núñez de Lamas, foi quen mandou construír, contra 1540, o templo parroquial de Zas. O seu brasón familiar - unha torre con dous cans ó seu pé - escolleuse como motivo principal do escudo do Concello de Zas. O lugar das Pereiras foi escenario de dous contos do escritor baiés Enrique Labarta. Outro escritor de Baio, emigrado na Arxentina, dedicoulle unha longa poesía - publicada na revista Alborada de Buenos Aires entre 1930-1940 - á festa deste lugar. De Lamas é a xornalista e presentadora do Tempo da TVG Mabel Montes.

Máis información

Novas relacionadas

Máis novas

Fonte

Comentarios