Luns. 16.12.2019
El tiempo

O alumnado do IES Maximino Romero de Lema artella unha espectacular Foliada de Baio

Foliada de Baio 2019
Foliada de Baio 2019
O alumnado do IES Maximino Romero de Lema artella unha espectacular Foliada de Baio

Se o venres é a presentación do Disco Ao Son Delas, o sábado chega ao Auditorio de Baio a IV Foliada Solidaria de Baio, organizada polo alumnado de Artes Escénicas e Xestión Cultural do IES Maximino Romero de Lema.

Un ano máis o alumnado de Artes Escénicas e Xesión cultural decidiron organizar un festival benéfico que terá lugar no auditorio do pavillón de Baio. Con este proxecto o alumnado quere facer fincapé na sensibilización coa xustiza social, posto que as doazóns simbólicas recibidas coa entrada serán integramente doados a Lúa Awel Pedreira “diagnosticada medicamente” con microcefalia, atrofia cerebral e leucomalacia multiquística periventricular severa. (www.nenarostroo.com).

Contan co apoio e a colaboración do alumnado de Imaxe e Son e Igualdade de 2º BACH, do grupo tradicional Vintenbaio, da ANPA, da asociación cultural ADRO, de Badius e do Concello de Zas.

Como actividade práctica de clase, negociaron e conseguiron levar a cabo o proxecto. Xestionaron a produción técnica e buscaron a colaboración desinteresada de diversos grupos de música galega, todos vinculados dalgunha maneira ao pobo de Baio.

Este ano antes de comezar a Foliada, en colaboración coa Concellería de Turismo do Concello de Zas, realizarase un faladoiro interxeracional coa xente maior do concello como protagonista. De seguro que nos contarán cousas moi interesantes. Aprendendo “Ao Son do Rural”, ás 19:00h nas aulas do Auditorio de Baio.

En clave de muller

A IV Foliada Solidaria, seguindo coa liña do Proxecto “Ao Son Delas” pretende homenaxear ás mulleres artistas do país. A gala comezará ás 21:00 horas coa presentación das regueifeiras Lupe Blanco e Alba María. Serán as encargadas de facernos rir e pensar ao mesmo tempo. Porque a regueifa é retranca, pero tamén diversión, feminismo e compromiso activista. E para seguir viaxando e danzando polo mundo adiante seguiremos co virtuoso dúo de Ameixeiras e Caamaño. Antía e Sabela agasallaránnos con un marabilloso transporte no espazo-tempo ao son dun violino e un acordeón. E para rematar, e antes de continuar coa foliada libre, Habelas Hainas mostrará a súa capacidade para mesturar o folque, coas letras combativas e con unha mensaxe clara e inequívoca de que bailaremos “Ao Son Delas”.

A artista multidisciplinar Laura Romero realizará unha “Foliada Sketchers”. Unha serie de debuxos ao vivo que poderemos mercar, se o desexamos, para colaborar economicamente co proxecto de Lúa. E ainda queda algún grupo por confirmar ao longo da semana

O faladoiro comezará ás 19:00h. A entrada é de balde.

O concerto comezará ás 21:00h e o bono axuda será de 5 euros. Mercando o disco de “Ao Son Delas” a entrada é de balde. Todo o recadado será integramente doado a Lúa Awell Pedreira. Ao finalizar os concertos, sobre as 23:00h, dará comezo unha foliada aberta, polo grupo de gaitas do centro “Vintenbaio” e [email protected], á que todos e todas estarán convidados a bailar, tocar e cantar. A Cantina, xestionada polo alumnado de 1º e 2º de BACH, terá petiscos de balde.

Novas relacionadas

MÁIS NOVAS

Comentarios