Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Cinco razóns (ou máis) para visitar as Torres do Allo

Cinco razóns (ou máis) para visitar as Torres do Allo
visita-teatralizada-torres-allo A compañía de teatro Os Quinquilláns ofrece todos os domingos ás 19:30 horas unha visita guiada teatralizada O pazo das Torres do Allo, un dos primeiros de Galicia, é xa todo un referente turístico da Costa da Morte. Unha mostra diso, é a gran cantidade de visitantes chegados de distintos puntos da península que estes días visitan o monumento. Ademais, do seu valor arquitectónico, natural e cultural o concello de Zas (encargado da xestión dos visitantes) ofrece unha variedade de actividades gratuitas coas que se amplían así as razóns de visita. Repasámolas:

Visitas guiadas

Todos os días, ás 13 e ás 17 horas, hai un servizo gratuito de visitas guiadas. Un percorrido que engloba o pazo, como peza que encaixa no puzzle da súa privilexiada contorna natural e etnográfica.

Visitas guiadas teatralizadas

A compañía de teatro Os Quinquilláns ofrece todos os domingos (xullo e agosto) unha visita teatralizada na que lle devolven a vida aos últimos habitantes do pazo -Francisca Riobóo e Víctor López Seoane -  para dar a coñecer seu o día a día.

Xogo de Pistas

Outra das actividades estrela da programación de verán das Torres do Allo son “Os secretos ocultos nas Torres”; un xogo de pistas para os máis pequenos e para os curiosos. A través de distintas pistas sobre a historia do pazo, os participantes descubrirán os secretos que se agochan tras as paredes deste edificio.

Concerto de música clásica

Este venres, ás 20:30 horas, o violinista Kamo Petrosian ofrecerá un novo concerto de música clásica no que fará un percorrido polas principais obras de autores como Mozart, Beethoven, Bach, entre outros. Este será o último dos concertos que ofrecerá o violinista dentro do programa de actividades de verán das Torres do Allo. Precisamente o pasado sábado, unhas cincuenta persoas asistiron ao concerto ofrecido por Petrosian.

Concerto "Ao encontro de Martín Códax"

E xa o domingo, ás 20:30 horas, terá lugar neste espazo un concerto que se enmarca dentro do "Ao encontro de Martín Códax" e que correrá a cargo de Xoán Curiel e Iris Gey. O espectáculo será xusto despois da visita teatralizada que ofrecen a compañía de teatro Os Quinquilláns todos os domingos ás 19:30 horas e que son xa todo un referente na #axenda da Costa da Morte.

Concurso de fotografía

Por outra parte, o pasado domingo rematou o prazo para participar no I concurso de fotografía co Móbil “Enfoques do Allo”. Máis de 150 fotografías, enviadas por visitantes procedentes de distintos puntos da península, participan no concurso. O xurado escollerá 10 fotografías finalistas que se darán a coñecera través das redes sociais de Facebook e Instagram “Torres do Allo” o vindeiro 26 de agosto. Logo será o público quen bote polas tres mellores imaxes.

Máis información

Novas relacionadas Fonte

Comentarios