Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Lucía Regueiro: "O sábado estarei por Baio para gozar coas curtamentraxes que participan nos Premios Fouciño"

Lucía Regueiro: "O sábado estarei por Baio para gozar coas curtamentraxes que participan nos Premios Fouciño"
lucia-regueiro-premios-foucino A actriz Lucía Regueiro é a madriña da II edición dos Premios Fouciño de Baio que terán lugar este sábado en Baio Despois destes días de proxeccións, nas que participa un bo número de veciños e veciñas, Baio preparáse para vivir o seu día grande. Os organizadores da II edición dos Premios Fouciño - que corre da man da asociación cultural Adro - teñen todo preparado para que este sábado, día 8 de xullo, Baio sexa a capital do audiovisual galego. Hoxe falamos coa madriña do evento, a actriz Lucía Regueiro.
  • QPC: Goza actualmente de boa saúde o audiovisual galego?
Estamos nun momento no que se están producindo bastantes obras audiovisuais, e iso é un bo sinal. A cara negativa son as condicións nas que se está producindo. E desde logo non podemos falar de boa saúde para o audiovisual mentres non haxa unha boa saúde laboral para as súas actrices. Ata que non haxa papeis interesantes para nós en todos os formatos non poderemos falar dun audiovisual que funcione con normalidade. É unha asignatura pendente sobre todo no ámbito cinematografico.
  • QPC: Como lle afectou a crise ao audiovisual galego?
Afectoulle sobre todo ás condicións de traballo. Os horarios laborais do sector son incompatibles coa vida persoal e familiar. Hai que producir no menor tempo posible, así que as xornadas de traballo prolónganse ó longo de moitas horas ás que se engaden a maiores os desprazamentos e, no caso dos actores, os tempos de caracterización e de estudio. O obxectivo de estas xornadas excesivas é reducir os períodos de rodaxe, co cal os contratos son máis curtos e hai que traballar contra reloxo, co conseguinte impacto na calidade do producto final e tamén na calidade de vida dos equipos. E o máis descorazonador é que non vai mellorar a medio prazo.
  • QPC: Protagonista na serie Serramoura, na mítica Libro de Familia, presentadora do Luar,... cal é o próximo proxecto de Lucía Regueiro?
Aínda queda moita Serramoura! Polo de agora o meu proxecto máis inmediato é seguir interpretando á sarxento Neira mentres contemos co respaldo dos espectadores. Teño tamén unha proposta televisiva para setembro... pero está aínda sen concretar así que non podo falar dela! 
  • QPC: Cal é o papel máis difícil que tiveches que facer?
O personaxe máis esixente que interpretei ata o momento foi o de Helena no espectáculo de Teatro do Atlántico "Memoria de Helena e María", de Roberto Salgueiro. Interpretaba a unha xoven nai asasinada durante a Guerra Civil, o formato era prácticamente de monólogo e as emocións polas que transitaba eran de alto impacto. Ese traballo foi a miña reválida como actriz.
  • QPC: E cal é o papel que desexarías interpretar?
Gustaríame moito darlle vida a Rosalía de Castro no cine. Ou a María Pita, a María Casares, á monxa Exeria... Vese que teño fixación coas mulleres icónicas da historia de Galicia!
  • QPC: En que medio de expresión te sintes máis cómoda?
Medrei no teatro e sempre considerei que a escena era o meu territorio natural, pero agora mesmo creo que a televisión é o medio no que prefiro traballar. Encántame "entrar" nas casas dos galegos e aportar o meu graíño de area para facer que os espectadores pasen un anaco agradable e entretido con nós, ben sexa como actriz ou como presentadora, faceta coa que gozo enormemente.
Estou encantada e ilusionada co nomeamento, é unha honra. Ademáis, son membro do xurado, o que me enche de curiosidade pero tamén de responsabilidade... espero estar á altura!
  • QPC: Entón, ímoste ver por Baio estes días?
O sábado día 8 de xullo estarei en Baio para gozar das curtametraxes e estar presente na entrega de premios que será a partir das 23 horas na praza do parque infantil da vila. Ademais, agardo poder participar tamén na festaza musical que están preparando na que estarán grupos como Oîma. Leo i Arremecaghona, Atrás Tigre, Mounoulious DOP e The Fakes. Actividades dos Premios Fouciño Os Premios Fouciño, organizados pola asociación cultural Adro de Baio, continúan hoxe no auditorio municipal da vila (ás 21:30 horas) co documental "7 days, 7 cities" de Mandeo Films. Mañá terá lugar nas Torres do Allo a presentación oficial deste certame do audiovisual e a contuación proxectarase a primeira longametraxe rodada na Costa da Morte que lle da vida a estes premios "Fouciño Sanghento". Tamén ás 21:30 horas. Xa o sábado, día 8, o programa ábrese xa ás 12 horas con dúas actividades. Por unha parte, haberá un obradoiro de cine da modalidade Stop Motion dirixido a nenos e nenas de menos de entre 8 e 12 anos. E, por outra, varios expertos do mundo audiovisual - como Jorge Boquete (Porco Bravú), Carmen Rey (Numenius) Miki Martínez (Vychokos Entertainment) e representantes do programa Youtubeir@s – participarán nunha mesa redonda para falar de como empregar a linguaxe audiovisual para falarlle ao mundo de universos persoais e locais. Xa pola tarde o certame trasládase aos establecementos hostaleiros de Baio, lugar no que se proxectarán as curtas participantes no concurso así como as cedidas por outros creadores. E rematadas as visualizacións comezará a soar a música na praza do parque infantil de Baio que poñerá o broche final ao certame. Ao redor das 21:30 horas, mozos e mozas da vila farán unha sesión de regueifas que lle dará paso ao concerto de Oîma. A continuación, terá lugar a entrega de premios que está prevista, aproximadamente, para as 23 horas. A festa continúa cun festival de música emerxente.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios