Mércores. 08.07.2020
El tiempo

Mabel Montes: "Despois de 12 meses de seca pertinaz, en novembro volve a auga a Galicia"

Mabel Montes: "Despois de 12 meses de seca pertinaz, en novembro volve a auga a Galicia"
mabel-montes-otempo-tvg Mabel Montes, unha das caras máis coñecidas da sección do tempo da TVG, naceu en Zas hai 41 anos Cun pé en Zas, outro en Baio e coa vista sempre (ou case sempre) no ceo. Mabel Montes é unha desas caras coñecidas que día a día se mete no fogar dos galegos e galegas para falar dun tema que tanto nos preocupa: o tempo. Naceu en Lamas (Zas) hai 41 anos. Recoñece que mira pola fiestra nada máis erguerse da cama para ver que tempo fai. Gústalle viaxar pero tamén lle gusta todo o relacionado co audiovisual. E precisamente ela é unha das alma mater dos Premios Fouciño de Baio. Falamos con ela sobre a climatoloxía.
  • QPC: Cando choverá?
É a gran pregunta! Pero por fin podemos dicir que despois de 12 meses de seca pertinaz, en novembro volve a auga a Galicia. Agardamos chuvascos desde hoxe pola noite e ata o domingo polo menos. Non abondarán para revertir a situación de falta de auga pero os modelos indican que novembro se presenta algo máis húmido, con máis frontes que traerán chuvia. Crucemos os dedos!
  • QPC: Estamos ante un dos anos con menos precipitacións rexistradas. É este un síntoma do cambio climático?
Todo indica que si. Xa ninguén discute que o clima está cambiando, o debate está nos prazos. A temperatura do planeta aumenta rapidamente. E iso ten consecuencias a nivel macro e micro. Os científicos vaticinaban que co aceleramento do cambio climático os fenómenos meteorolóxicos se volverían máis extremos e máis duradeiros: furacáns, secas, inundacións... E de todo isto estamos a ter sobrados exemplos ultimamente.   Os Acordos de París obrigan aos países asinantes a facer esforzos para conter o aumento da temperatura global por debaixo dos 2ºC . A partir de aí os científicos advirten de que as consecuencias serían non xa graves, senón incontrolables.
  • QPC: E cara onde apuntan eses cambios no clima galego?
É imposible prognosticar o que vai pasar pero hai pegadas: estamos na Península Ibérica, enriba de África e augúrase que o clima en boa parte da Península acabará parecéndose ao Sahara e que quizáis tan só o norte se libre da desertización. En Galicia semella que se están difuminando as estacións. Os periodos de tempo seco alónganse e os de chuvias acúrtanse.  mabel-montes-foucino-baio Mabel Montes é unha das organizadoras dos Premios Fouciño de Baio
  • QPC: Aquí sempre nos queixamos do tempo... Seriamos máis felices con outro?
É verdade, falar ou protestar polo tempo vai na nosa idiosincrasia porque o tempo aquí é (ou era) moi cambiante e amais, dependemos moito del: no agro, no mar... Antes tiñamos a honra de ser a comunidade máis chuviosa do estado pero xa non ostentamos tan digno posto. É certo que a chuvia, a humidade, o vento e as horas de luz afectan aos hábitos, aos costumes e mesmo ao humor. Con sol saímos máis da casa, temos unha cor saúdable e non nos doen os ósos. Pero tamén estamos comprobando as desastrosas consecuencias de como a seca e a calor nos poden prexudicar. Acabamos de pasar un episodio de incendios forestais realmente dramático.
  • QPC: Que ten de especial o tempo na Costa da Morte?
Eu creo que o tempo forma parte do atractivo da rexión! En inverno por exemplo (falamos dos invernos habituais de Galicia) temos un tempo bastante duro na Costa da Morte: non temos rías demasiado resgardadas e a costa é agreste e está moi exposta ao mar polo que por aquí é por onde nos entran todas as borrascas e tamén os temporais, tanto se veñen de norte ou noroeste, coma de sudoeste. Tamén inciden e moito! o nordés ou o vendabal . E amais temos montes que fan que as nubes se "enrosquen" enriba de nós e non den avanzado e precipiten. Pero pode estar nubrado en Laxe e cara a Camariñas estar despexado. E é que a orografía determínao todo e en Galicia deberiamos falar de climas, en plural, porque cada comarca ten o seu.
  • QPC: Ainda que pareza paradóxico, algunhas vilas da Costa da Morte (e da comunidade) teñen problemas co abastecemento da auga. Deben os políticos locais repensar a xestión deste recurso?
Espero que o estén facendo xa polo ben de todos porque levamos máis dun ano cunha seca moi seria. O problema é que o chan galego non retén a auga. Así que dependemos moito das chuvias. Hai que tomar conciencia e os governos, tamén os locais, deberían ver este asunto como unha prioridade e anticiparse a estas situacións. Pero a nivel persoal os usuarios tamén temos unha responsabilidade importante. A auga non é un recurso ilimitado. Non podemos fialo todo a mirar para o ceo e esperar que chova. 
  • QPC: Cal é a estación da que máis che gusta informar?
Debo ser de secano así que a miña favorita é o verán; verán da Costa da Morte eh? suave, nada de 40 graos á sombra!. Para informar é a que nos da menos sustos. No verán o tempo é máis estable, non adoita haber sorpresas e "acertamos" máis e mellor. Para "emocións fortes" temos o resto de estacións en que pode pasar de todo!
  • QPC: Que ferramentas empregades para predecir o tempo?
Unha chea pero a maioría están dispoñibles en internet. Na TVG temos un convenio con Meteogalicia e para facer os mapas apoiámonos moito nos seus recursos: satélites, modelos de previsión, estacións meteorolóxicas... Consultamos tamén os modelos da AEMET e os de axencias doutros países como Portugal e do resto de Europa. E dispomos tamén de webcams, redes sociais, fotografías que nos envía a xente... Malia aos avances tecnolóxicos que permiten prognósitcos cada vez máis precisos a maior prazo, a observación do ceo segue dando moitas claves do tempo que vai vir.
  • QPC: Eres capaz de erguerte da cama sen mirar ao ceo?
Mirar pola fiestra é algo que fago instintivamente, coma todos, non? Pero a meteoroloxía ensinoume tamén a desconfiar. En Galicia o tempo nunca é o que parece!  
  • QPC: Cando miras un mapa do tempo, cal é o primeiro punto no que te fixas?
Creo que me fixo naqueles en que o prognóstico era máis dubidoso. A ver se acertamos ou non ;-)
  • QPC: E como muller do tempo... estarás xa cansada de que che pregunten que tempo vai facer!
Eu creo que é ó revés, que a xente debe estar cansa de oírme falar sempre do mesmo! É broma. Ao contrario, non supón ningún problema, estamos para iso!   Novas relacionadas Fonte

comentarios