Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Música, teatro e humor para o Nadal zaseiro

Música, teatro e humor para o Nadal zaseiro
Nadal en Zas 17

Manuel Manquiña, nada menos, será o encargado de abrir este sábado 16 de decembro o programa de Nadal do Concello de Zas. Co permiso do alumeado, que cobrou vida a semana pasada e que xa loce polas parroquias.

O programa, ademais das citas para os adultos (monólogos, concertos e teatro), teñen nos obradoiros de Nadal e a visita dos Reis Magos son as actividades estrela para os máis pequenos.

A cita con Maquiña será este sábado ás 21:30 horas no auditorio do Concello, en Zas.

Ao longo da semana, as actividades trasládanse aos centros educativos do municipio; así que o alumnado do CPI de Zas e do CEIP Labarta Pose terán dúas citas moi musicais. A primeira é o luns 18 de decembro, co concerto de Píscore que será ás 12:30 horas.

E a segunda das citas é o mércores, 20 de decembro, cun concerto a cargo de Xoán Curiel.

O público infantil será tamén o protagonista do espectáculo de contacontos de Trinke Trinke que terá lugar o martes, día 19, ás 18 horas na Axencia de Lectura de Baio.

A partir do venres 22 de decembro, a maior parte das actividades múdanse á carpa que estará situada no centro de Baio. Ese mesmo día, ás 21:30 horas, a compañía Os Sete Magníficos Máis Un representará Menú magnífico; unha obra de teatro dirixida a todos os públicos. Ao día seguinte – sábado 23 de decembro - haberá sesión dobre na carpa. Ás 21:30 horas os membros da compañía de teatro municipal Sen Tempo Teatro subiranse ao escenario para interpretar a obra Unha de romanos e, a continuación, Caxade ofrecerá un concerto de música indie-folk co seu toque reivindicativo e metafórico.

As actividades volven á carpa de Baio o venres 29 de decembro con outra dobre sesión. Ás 21:30 horas a compañía Chévere ofrecerá o seu espectáculo As fillas bravas, dirixida a todos os públicos. E de seguido, será a quenda do grupo Los Claretes que ofrecerán un concerto coas súas mellores versións de clásicos do rock. E para rematar o ano rindo a esgalla, o sábado 30 de decembro, ás 22 horas Carlos Blanco desprazarase ata Baio para ofrecer un dos seus mellores monólogos.

Obradoiros conciliadores

Entre a variedade de actividades, cabe destacar os distintos obradoiros e xogos de nadal dirixidos a nenos e nenas de entre 5 e 12 anos e que se desenvolverán os días 27, 28 e 29 de decembro no Centro Sociocultural de Baio e o 2, 3 e 4 de xaneiro no Centro Sociocultural de Zas. Para participar neles é necesario anotarse previamente nos números de teléfono 981 718 056 e 981 751 398. A programación do Nadal promovida polo Concello de Zas péchase o 5 de xaneiro coa tradicional visita dos Reis Magos ás distintas parroquias do municipio. Ademais, farán as súas respectivas recepcións en Baio e en Zas onde estarán acompañados dunha actuación infantil.

Concurso PanxoliñaZas

Por outra banda, continúa aberto o prazo para participar no concurso de Nadal “PanxoliñaZas” organizado polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Zas. No concurso poderá participar toda a veciñanza do municipio, tanto de forma individual como en grupo, sen límite de idade. Os participantes deberán gravar un vídeo cantando en galego unha panxoliña ou un canto de Aninovo ou de Reis que poden ser tradicionais ou de creación propia.

Nadal 17

Fonte

Comentarios