Sábado. 12.10.2024
El tiempo

O concello compra a carballeira de Baio por 43.000€ e asume a organización da festa do vindeiro 25 de xuño

O concello compra a carballeira de Baio por 43.000€ e asume a organización da festa do vindeiro 25 de xuño
concello-zas-compra-carballeira-baio Óscar Lema, Manuel Muíño e Manuel García anunciaron en rolda de prensa a adquisición dos terreos da Carballeira de Baio Xa hai veredicto despois da tensión e dos rumores varios que circulaban estes días por Baio. O concello de Zas acaba de anunciar a adquisición dos terreos da Carballeira de Baio - onde cada último domingo do mes de xuño se celebra unha romaría - por 43.000€. A compra do terreo puxo en xaque a propia festa e incluso a asociación cultural Adro - entidade que organiza a festa dende o ano 1980 - se desentendiu da organización do evento ao non dispoñer do tempo nin do terreo para organizala. Así que xunto co anuncio da compra, o alcalde de Zas - Manuel Muíño - comunicou que será o propio concello o encargado de organizar a festa que se celebrará o vindeiro 25 de xuño. "Para o goberno municipal e para min especialmente - xa que Lolo é natural de Baio e desfrutou deste sitio dende neno - é un orgullo que as negociacións chegaran ao seu fin e que os veciños e veciñas dispoñan dun patrimonio natural cunhas características únicas", sinalou durante a rolda de prensa ofrecida hoxe na que estivo acompañada de Óscar Lema - tenente alcalde - e Manuel García Velo - concelleiro de Cultura -. Ainda que o rexedor tamén recoñeceu que para el "foi moi doloroso" ver como xente "significativa" de Baio usaba este tema para danar ao goberno municipal. Precisamente neste punto, o alcalde fixo alusións “a un terceiro actor que ninguén invitou a participar nas negociacións e que as entorpeceu”, en relación ao portavoz do PP, David Gómez, “que utilizou o tema para facer dano na vida política do concello”. Ao respecto, o propio Gómez considera que “o señor Muíño  quere solventar esta chapuza que fixo, intentando comprar un espazo que non facía falta, un capricho, a base de ameazas, e a nosa postura foi de tratar de que se chegase a un acordo”. Así mesmo Muíño recoñeciu que a súa prioridade era chegar a un acordo amistoso e que a expropiación nunca estivo na súa mente, solo que cada unha das partes utilizou as ferramentas e os instrumentos que ten ao seu alcance. As propietarias da Carballeira pedían inicialmente 56.000€ polo terreo nunhas negociacións que segundo o goberno municipal xa comezaron no mes de xaneiro. O concello fixo unha primeira tasación en base a cal ofreceron 30.000 euros. O goberno municipal mantén que tivo que facer unha segunda valoración xa que na primeira opción os técnicos non deran o valor económico da madeira na que o valor ascendeu a 43.000€. A carballeira de Baio ten actualmente uns 400 carballos dos cales - segundo un estudo técnico - 90 están danados en distinto grao. Polo que o primeiro paso que vai dar o concello é protexer este espazo coa figura ambiental correspondente e, posteriormente, elaborar un plan ambiental para recuperala. "A nosa intención é preservar e controlar un patromino natural único como este", dixo Muíño. O prezo O portavoz do PP - David Gómez - sinala que a súa primeira valoración é que “nos alegramos, tantos os veciños de Zas como o PP local por ter chegado a un acordo e que os veciños de Zas en xeral, e de Baio en particular, poidan paticipar na festa da Carballeira. Aínda que sexa sen a participación de Adro, algo que pode facer que perda parte da súa maxia. En todo caso, lamentamos ter chegado ata este punto mantendo en vilo a todo o pobo por unha mala xestión do señor alcalde, por ter xerado un problema onde non había. Nós seguimos pensando que non era necesario comprar á carballeira, pero se as partes chegaron a un acordo, parécenos ben. Si que os 30.000€ nos parecía un prezo excesivamente curto. Pero en fin, será un capricho do alcalde que nos custará 43.000€”. Festa da Carballeira Festa-da-Carballeira-de-Baio-2012 O concello anunciou que organizará a festa do vindeiro 25 de xuño Sobre a propia festa, que se celebra o vindeiro 25 de xuño, Manuel Muíño sinalou que se vai a manter a esencia da mesma, coa típicas comidas familiares e coa ambientación musical que a caracteriza. Ademais, o concello ten intención de promocionar este espazo para que sexa de disfrute dos veciños e veciñas e darlle visibilidade como "recurso turístico".

Novas relacionadas

Máis novas

Fonte

Comentarios