Sábado. 20.04.2024
El tiempo

O Concello de Zas recolle 9 toneladas de plásticos agrícolas

O Concello de Zas recolle 9 toneladas de plásticos agrícolas
plasticos-agricolas-zas

Facilitar “a correcta xestión dun residuo que tradicionalmente é obxecto de vertido ou incineración incontrolada”, é o principal obxectivo da campaña que semestralmente realiza o Concello de Zas. Nesta segunda recollida do ano, foron nada menos que 9 tonedadas de plásticos agrícolas as que o Concello recolleu porta a porta na totalidade das parroquias do municipio.

Lonas do silo e sacos procedentes dos rolos de herba son os principais residuos que moitas veces os veciños non saben onde tirar. Con esta iniciativa ambiental promovida polo Concello de Zas é posible, por unha banda, manter limpo o contorno e, por outra, xestionar estes refugallos do xeito apropiado.

Unha empresa xestora de ámbito autonómico encárgase posteriormente do transporte dos plásticos ata a planta de tratamento, onde son sometidos a un proceso mecánico de reciclaxe do que se obtén materia prima para a fabricación de bolsas de lixo ou polietileno, dándolles así unha nova vida.

Unha proposta da que deberían tomar nota o resto de concellos agrícolas da bisbarra.

Fonte

  • Concello de Zas.

Comentarios