Venres. 29.03.2024
El tiempo

O PP de Zas denuncia a presenza dun vertedoiro ilegal

O PP de Zas denuncia a presenza dun vertedoiro ilegal
vertedoiro-ilegal-zas O vertedoiro está situado nas proximidades do pavillón municipal de Zas nunha finca propiedade do concello O grupo municipal do Partido Popular de Zas, encabezado polo seu portavoz, David Gómez, denunciou onte a existencia dun vertedoiro municipal “ilegal e incontrolado” nas inmediacións do pavillón municipal de Zas, no que - segundo os populares - se poden atopar restos de material de obra, uralitas, plásticos, colchóns e ata un coche. Ao parecer, varios veciños trasladáronlle ao PP a súa preocupación ante unha situación “especialmente grave” e que atenta contra o medio ambiente e contra a saúde pública. “Estamos a falar de uralita con amianto e todos sabemos que iso é un material que se debe tratar con moito coidado e que non se pode manipular de calquera xeito”, dixo Gómez, que denunciou tamén a presenza de numerosas ratas na zona. Coñecida esta anomalía, desde o Partido Popular de Zas instan ao goberno local a que tome medidas no asunto xa que, tal e como explicaron, o vertedoiro atópase nunha leira de titularidade municipal e da que se ten que facer cargo o concello. “É curioso que Manuel Muíño presuma de ser un alcalde que se preocupa polo medio ambiente e polo desenvolvemento sustentable e despois atopámonos con estas sorpresas”, afirmou Gómez, quen cualificou o problema como “unha proba máis” de que o rexedor de Zas “pregoa moitas cousas, pero logo non cumpre case ningunha”. Almacenamento provisional Pola súa banda, o rexedor de Zas - o nacionalista Manuel Muíño - sinala que ésta é unha finca de titularidade municipal na que "en algún momento se almacenan provisionalmente residuos para posteriormente tratalos da forma correcta nunha planta de reciclaxe". En canto ás uralitas con amianto, Muíño sinala que lle resulta extraño xa que o concello non retirou nos últimos tempos ningún residuo deste tipo polo que apunta a que o máis probable é que alguén as depositase alí. En todo caso, indica que non supón ningún perigo para a cidadanía xa que pode ser perigosa só cando se manipula. Ao rexedor de Zas tamén lle resulta paradóxico que sexa a oposición quen denuncie este tipo de vertedoiros, xa que normalmente é a propia Xunta de Galicia a través do departamento de Medio Ambiente o da Guardia Civil quen notifica a presenza do vertedoiro. David Gómez avanzou que, á espera das medidas que decida poñer en marcha o concello de Zas para limpar a leira na que se atopa o vertedoiro, a súa formación trasladará ao Seprona esta situación. Novas relacionadas Fonte  

Comentarios