Xoves. 25.04.2024
El tiempo

Os orzamentos prorrogados, a debate en Zas

Os orzamentos prorrogados, a debate en Zas
concello-de-zas

Segue o Concello de Zas cos orzamentos prorrogados de 2015. Unha situación que non é inusual en outros concellos da bisbarra, pero que o PP considera “inadmisible”, e culpa á “inoperancia e de falta de xestión”. “Estamos ante unha mostra máis da improvisación e a ausencia de profesionalidade dun alcalde que é dos mellor pagados de Galicia en concellos de menos de 5.000 habitantes”, subliñou o portavoz popular David Gómez.

Pola súa banda, o alcalde Lolo Muíño asegura que “esperamos pechando o ano, para empezar a elaboración para telos aprobados inicialmente no mes de xaneiro”. En todo caso, apunta que “parece claro que o Concello funciona igual perfectamente”, e mesmo critica a Lei de Medidas de Racionalización das administracións públicas, aprobada por Montoro, “que intervén demasiado, e ás veces por unha serie de restricións é case máis cómodo e efectivo traballar sen orzamentos”. Muíño critica que “se ben a lei era necesaria porque había moitos concellos endebedados, pero non distinguiu e a pagamos os que estamos ben economicamente, e nos penaliza moitísimo. De feito, temos case 3 millóns de euros aforrados no banco, como un orzamento anual polo que poderíamos pasar un ano sen ingresos, e aínda así o goberno central nos obriga a aforrar máis, non nos deixa gastar e mesmo temos que facer un plan de estabilidade”. “Mesmo creo que deberíamos preguntarnos a funcionalidade dos orzamentos, porque ao final de ano, despois de modificacións e modificacións, non se parece demasiado ao que se previu”.

Critica tamén o voceiro do PP “a ausencia de novos proxectos e iniciativas. As únicas obras que se puxeron en marcha son con diñeiro da Xunta de Galicia ou da Deputación da Coruña, porque o Concello de Zas, nin está, nin se lle espera”. Algo que dende o Concello vén con sorpresa: “É evidente que en todas as administracións locais, boa parte do orzamento vén do Ministerio. Aquí ademais, recibimos moi pouco na Xunta e bastante máis da Deputación”.

O PP fixo fincapé en que o soldo de Muiño e do seu tenente alcalde cústalle aos veciños de Zas case 80.000 euros ao ano, sendo o gasto en persoal menor do 40%. “Se cobran como profesionais, deben comportarse e actuar como tal”, afirmou Gómez, reabrindo un debate que o alcalde considera “superado”.

Por último, Gómez volveu denunciar a “total ausencia de transparencia” na xestión municipal do equipo de Manuel Muiño, ao que o popular acusou de “facer e desfacer ao seu antollo”, esquecéndose das leis que establecen os prazos para a entrega de información que fai referencia ás contratacións administrativas levadas a cabo polo Concello de Zas.

Novas relacionadas

Comentarios