Venres. 29.03.2024
El tiempo

"Ao son delas", un dos 5 proxectos "excelentes" de innovación educativa en dinamización lingüística

Ao son do rural-Charla coa percebeira de Corme Mari Lista e Guadi Galego no IES de Baio
Así comezaba no IES de Baio o proxecto Ao son delas, coa Charla coa percebeira de Corme Mari Lista e Guadi Galego
"Ao son delas", un dos 5 proxectos "excelentes" de innovación educativa en dinamización lingüística

Seguen os centros educativos da Costa da Morte demostrando o seu pioneiro papel dinamizador. Un dos máis activos é o IES Maximino Romero de Lema de Baio, que acaba de ser recoñecido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e mais a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa na convocatoria de proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística. A chave é o proxecto “Ao son delas”, un dos 5 proxectos considerados “excelentes” pola Xunta.

E non nos estrana nadiña, desta experiencia educativa ideada na asignatura de libre configuración de Centro "Artes Escénicas e Xestión Cultural" en 1º Bacharelato, en colaboración co alumnado de “Imaxe e Son” e “Igualdade” de 2º Bacharelato. Xa puidemos ver pasar polo centro a xentes como a percebeira Mari Lista ou a artista Guadi Galego, Benedicta Tomé ou Sés. Porque “Ao son delas”, así como o proxecto consecuente #Aosondorural, trata de involucrar dun xeito innovador a toda a comunidade educativa (profesorado, alumnado, e familias). Neste caso convertindo a música galega como elemento vertebrador da normalización lingüística, facilitando a mellor música galega do momento á mocidade para ser usada como ferramenta normalizadora subliminal.

Dsenvolvéronse diferentes faladoiros, talleres… que conectaron artistas e alumnado e deixaron para sempre nas frases das escaleiras, tatuadas na mármore para as futuras xeracións. Pero ao mesmo tempo son un documento audiovisual vivo dunha realidade que segue a emocionarnos.

Un proxecto que este ano terá un peche moi emotivo, con varias accións en marcha: A edición do disco “Ao Son Delas”, cun tema de cada artista participantes, presentado polas regueifeiras Lupe Blanco e Alba María. Ademais, varias empresas de transporte rotularán os seus autobuses co lema “Ao Son Delas... Quilómetros de Igualdade”, lucindo o orgullo pola nosa lingua por todo o país. E ademais a canle de Youtube do IES Baio, xa está en marcha.

Así comezaba o proxecto “Ao son delas” en xaneiro de 2018:

Agradecementos

Dende o centro, o seu director Manolo Maseda, sinala que ”este recoñecemento ao traballo por proxectos é grazas ao alumnado participante e a todo o profesorado implicado no proxecto. Agradecer tamén, a maiores, a complicidade e xenerosidade das artistas implicadas así como das empresas de autobuses que se brindan a visibilizar esta marabillosa iniciativa”.

Xunto ao centro tamén foron ontiveron a calificación de excelente:

  • O Prado fala galego, proxecto conxunto do IES Carlos Casares (Vigo) e mais do IES Santa Irene (Vigo)
  • A cidade sen barreiras, do CEE Nosa Señora do Rosario (A Coruña)
  • Cóxegas: caixas de investigación e creación como experiencia estética e emocional de acompañamento lingüístico, do CEIP Heroínas de Sálvora (Ribeira)
  • Miserábeis, do IES Illa de Ons (Bueu).

Cada un deles recibirá unha dotación económica de 2 000 euros. O profesorado implicado activamente no desenvolvemento dos 5 proxectos seleccionados recibirá unha certificación de Primeiro Premio de Innovación Educativa, cunha equivalencia de 30 horas de formación permanente do profesorado para a persoa coordinadora e de 20 horas para o profesorado participante.

Novas relacionadas

Comentarios