Venres. 29.03.2024
El tiempo

Tatiana Rellán: "A proximidade que ofrece a autovía é unha vantaxe para campañas comerciais como a do Punto Rojo"

Tatiana Rellán: "A proximidade que ofrece a autovía é unha vantaxe para campañas comerciais como a do Punto Rojo"
tatiana-rellan-asociacion-empresarios-soneira Tatiana Rellán é dende o 2015 a presidenta da asociación de Empresarios Comarca de Soneira Unha invasión de puntos vermellos chegou estes días a Baio. O motivo é a próxima campaña de promoción do pequeno comercio que ten xa preparada a asociación de Empresarios Comarca de Soneira que terá lugar os días 4, 5 e 6 de agosto. Tatiana Rellán é a presidenta da entidade que traballa estes días a ritmo frenético para conseguir que esta edición volva a ter o éxito das anteriores. En total repartirán 1000€ en premios nun sorteo que se realizará entre todas as compras que se fagan nos establecementos de Baio ligados á campaña (case todos) entre o venres e o domingo. Como de costume, os bares ofrecerán tapas por 1,5€ e nos locais comercias haberá importantes descontos de fin de tempada. Ademais, haberá mercadillo na rúa, tren por toda a vila, venda de coches de segunda man animación musical e inchables e outras actividades para nenos.
  • QPC: Cantos establecementos participan na 3º edición do Punto Rojo?
En total son 59 establementos os que participan na campaña que arranca este venres e que se prolonga ata o domingo. Entre eles hai comercios de todo tipo; bares, restaurantes, tendas de calzado e roupa, de electrodomésticos, de droguería, de parafarmacia, óptica,...
  • QPC: A Pelota Amarilla e o Punto Rojo son dúas campañas que perseguen o obxectivo de incentivar o comercio local. ¿Cales son as diferenzas entre estas dúas actividades?
No Punto Rojo a maioría dos bares ofrecen varios tipos de tapas e ademais moitos deles trasladan as súas cociñas á rúa; mentras que na Pelota Amarilla unicamente traballan cun só prato.  En canto aos comercios, os descontos son maiores no Punto Rojo xa que como se fai ao final da tempada o que se persegue é liquidar o stock do verán. Os comercios colocarán o seu stand na rúa co fin de que o cliente teña maior accesibilidade ás ofertas.
  • QPC: É o verán unha boa época para este tipo de campañas?
O verán ten a complicación de escoller unha data pola cantidade de festas e outras actividades que hai case todos os fins de semana. De feito esta edición adiantouse na data o cal esperamos que sexa positivo, xa que a xente pode facer as súas compras de verán e ainda quedan meses de bo tempo para desfrutalas. Cando eliximos esta data fomos conscientes de que se celebraba tamén a Festa da Carballeira de Zas, un referente da música folk. Así que a nosa idea é que o Punto Rojo sexa un atractivo máis para que a xente da contorna se achegue esta fin de semana a Baio. O sábado, á medianoite, poñeremos un autobús gratis desde Baio ata Zas e outro de volta ás 5 da madrugada.
  • QPC: Cal é o principal público que acode ás vosas convocatorias?
Sobre todo a xente da vila e tamén doutros puntos da Costa da Morte tales como Camariñas, Vimianzo, Carballo,... e incluso na Pelota Amarilla houbo xente que veu dende Arteixo ou dende Ordes. A proximidade que ofrece a autovía é unha vantaxa para este tipo de campañas comerciais.
  • QPC: As ventas online seguen aumentando día a día. Como se adapata o pequeno comercio a esta nova tendencia?
Hai un longo camiño por percorrer. Xogamos coa vantaxa de que no pequeno comercio o cliente recibe un trato moito máis próximo pero hai outros hándicaps. Para adaptarnos aos novos comportamentos dos consumidores, dende a asociación de Empresarios Comarca de Soneira temos en mente crear un marketplace - unha plataforma online de ventas - da Costa da Morte así como unhas tarxetas de fidelidade cun moedeiro que se poida canxear en calquera establecemento da bisbarra. Para poñer en marcha estas accións contamos co apoio da Federación Galega de Comercio.
  • QPC: Cales son as principais dificultades coas que se atopa hoxe en día o comercio local?
O principal inimigo a día de hoxe do comercio local é Internet que ofrece unha gran cantidade de tendas online con ducias de facilidades para o consumidor (entrega rápida, devolucións, bo prezo,...). Outro dos problemas cos que nos atopamos é que o cliente é reacio á marchar do establecemento sen mercar nada cando o positivo sería que entrase a mirar sen ter ningún compromiso de compra. E por último, o pequeno comercio non pode ofrecer a financiación das compras e iso nótase en épocas como o nadal onde o consumidor ten que facerlle fronte a todos os gastos no mesmo mes.

Novas relacionadas

Fonte 

Comentarios