luns. 16.02.2026
El tiempo

Zas lanza unha nova campaña de reciclaxe de vidro na hostalería

 

Contedor de vidro en Zas
Contedor de vidro de Zas
Zas lanza unha nova campaña de reciclaxe de vidro na hostalería

O Concello de Zas pon en marcha esta semana unha campaña integral de recollida e reciclaxe de envases de vidro dirixida ao sector da hostalería, coa colaboración de Ecovidrio. A iniciativa busca fomentar a recollida selectiva e os hábitos responsables entre os locais hostaleiros, contribuíndo á sustentabilidade do municipio e á economía circular. 

A campaña desenvolverase mediante visitas personalizadas aos establecementos hostaleiros, onde un equipo de educadores ambientais realizará enquisas e ofrecerá información sobre as prácticas correctas de reciclaxe e as vantaxes sociais, económicas e medioambientais de depositar o vidro nos colectores adecuados. 

57.970 quilos de envases reciclados

Durante o ano 2025, o Concello de Zas recolleu un total de 57.970 quilos de envases de vidro procedentes de todo o municipio, unha cifra que reflicte o avance das políticas municipais en xestión de residuos e sensibilización ambiental. Estes datos serven como referencia para a nova campaña, que pretende incrementar aínda máis a reciclaxe e implicar de forma activa á hostalería local, responsable dun volume significativo de envases dun só uso. 

Cómpre lembrar que o vidro depositado nos colectores recíclase ao 100 % e pode reutilizarse de forma indefinida sen perder as súas propiedades, contribuíndo ao desenvolvemento sostible, á transición cara á economía circular e ao cumprimento da Axenda 2030 e dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.

Comentarios