Para facer certas afirmacións, especialmente tan rotundas como -cito textualmente- “a Covid-19 é unha nova enfermidade sen base científica” e poñer en dúbida a creación dunha vacina que a combata, é preciso a previa lectura da gran cantidade de artigos científicos publicados sobre a materia, ademais dun coñecemento científico amplo, que permita ter un pensamento crítico sobre a información que nos aportan.
Basearse na ética das compañías farmacéuticas -dubidosa, niso estou, en parte, de acordo- e utilizar información sesgada para moldear a realidade ó gusto de cada un é un grave erro, especialmente cando se utiliza como artigo periodístico, cuxa principal finalidade debería ser informar á xente que, por uns motivos ou outros, non ten acceso a esa información científica directa.