1.110 alumn@s e 500 maiores gozaron do completo programa do Mes da Fundación Fernando Blanco
12:03 30/10/18
Sesion escolar no Mes da Fundacion Fernando Blanco
Rematou a 6ª Edición do Programa O Mes da Fundación. A última cita tivo lugar o pasado sábado co Concerto "Músicas da lusofonía" de Falua, grupo integrado por Sara de Sousa e Gonzalo Goás, e que tivo unha boa acollida. Foi unha das citas enfocadas ao público en xeral, das que disfrutaron arredor de 500 persoas, cifra coa que a oirganización está máis que satisfeitos posto que os asistentes tiveron que "loitar" contra as inclemencias meteorolóxicas, en dúas das catro xornadas, ademais da coincidencia con outros eventos na zona.
Sesión de nutrición no Mes da Fundacion
En todo caso, o completo programa do mes de outubro ten unha segunda liña de actuación enfocada ao alumnado dos centros de ensino da vila de Cee. Das actividades programadas para os colexios, beneficiáronse 1100 nenos e nenas, así como tamén os usuarios e usuarias de Aspadex, aos que sempre convidamos.
Os máis pequenos, uns 220 nenos e nenas de 1º e 2º de Primaria, mergulláronse nun conto titulado “Conto para escoitar mentas bailamos un vals”, da man de Caxoto Cativo, e que tiña por finalidade descubrir a esencia da música.
A mesma cifra, xa de 3º e 4º de Primaria, asistiron ao espectáculo “O ritmo do camiño” da Compañía A Tropa de Trapo, onde coñeceron a fermosa historia de amizade entre unha nena galega, chamada Antía, e un neno do Congo chamado Wamba.
Pola súa parte, o alumnado de 5º e 6º de Primaria viaxou ao mundo dos mouros e das mouras con Raquel Queizás, nunha actividade que levou por título “O Eco das pedras” e que tiña por obxecto poñer en valor o noso rico patrimonio cultural, material e inmaterial.
Máis de douscentos alumnos da ESO participou nunha conferencia impartida por Alexandra Bello, de Cooperativas Lácteas Unidas CLUN, coa que se pretendía concienciar sobre a importancia de adquirir uns hábitos de alimentación saudables.
E por último, os rapaces e rapazas de bacharelato asistiron a unha charla co profesor de Fisioloxía da UDC, Casto Rivadulla, onde se falou de ilusións, de maxia ou de confusións da percepción, poñendo en dúbida a fiabilidade dos nosos sentidos, e a súa capacidade para procesar toda a información que reciben.
Sesion no Mes da Fundacion para os alumnos dos IEs de Cee