Xoves. 28.03.2024
El tiempo

10 exemplos de boas prácticas costeiras de proxectos culturais que fomentan o Desenvolvento Local

Boas-Practicas-Cultura e Desenvolvemento Local na Costa da Morte
A AFiprodel vén de publicar unha guía de boas prácticas
10 exemplos de boas prácticas costeiras de proxectos culturais que fomentan o Desenvolvento Local

A Asociación Finisterrae de Profesionais de Desenvolvemento Local de Galicia (Afiprodel-Galicia) vén de facer un informe de Boas Prácticas sobre Cultura e Desenvolvemento Local. E como a entidade coñece moi ben a comarca, onde naceu, acaba de realizar un documento/ libro electrónico para espallar por toda Galicia 10 experiencias costeiras que serven para aprender. Un documento que podedes descargar en www.afiprodel.org.

Os Axentes de Desenvolvemento Local (ADL) da comarca, despois do activísimo papel que xogaron na redacción de medidas de reactivación económica durante a pandemia recuperan a liña aberta nos últimos anos de defender o papel do patrimonio cultural na construción da identidade dos territorios e na xeración de riqueza. Un xeito de deixar claro que “as políticas de desenvolvemento local deben potenciar a vida e o “bo vivir” (calidade, sostenibilidade, orgullo e identidade) despegándose de perspectivas meramente economicistas que converten a cultura propia e as persoas en capital desprovisto do valor social”.

Así, os ADL destacan o labor da Asociación de Empresarios de Camariñas para manter vivo o Faro Vilán; ou todo a vida cultural que move o Castelo de Vimianzo e o seu Asalto.

Pero centran esta publicación nunha serie de propostas desenvoltas por Concellos, entidades ou persoas. Encántanos ver que son moitas as accións que se desenvolven arredor do #MundoQPC!

- “A esencia do facer” do Obradoiro de ebanistería artesanal Woodworks Buschmann Bella, que rexentan Frank Buschmann e María Bella dende Corcubión, e que xa ten recibido premios e proxectos de recuperación histórica como o Arquivos do Común, arredor do Prestige.

- “A voz libre”, o Obradoiro de artesanía e creación artística de Viki Rivadulla. A tamén colaboradora de QPC leva a artesanía e a igualdade como bandeiras.

- “Escaparate da Costa da Arte” de Stoupa, a galería que comercializa e divulga de arte, artesanía e cultura da Costa da Morte. Impagable o traballo nestes anos de Begoña Fernández e Juan Carlos Leis Caruncho na promoción dos nosos artistas.

- “Esencia MZ”, a campaña da Asoc. Cultural Eu Son Mazaricos pola Promoción da cultura e tradicións locais. Espectacular, emotiva e moi fermosa, a campaña de autopromoción cultural e turistica desenvolta pola asociación co apoio municipal.

- “Cultura e patrimonio local”, o exemplo de Promoción da cultura e tradicións locai da man de Xesús Antonio Jurjo Lado. O técnico de Cultura de Mazaricos espalla no FB e en QPC a historia do seu Concello, e da comarca, con extensos e documentados artigos.

- “A besta do Camiño”, Territorio Vákner. Proxecto multidisciplinar do Concello de Dumbría de Recuperación e posta en valor de patrimonio inmaterial arredor do Camiño e da mitolóxica figura do vákner como motor de recuperación económica.

- “Mitos e lendas da Costa da Morte” de Aantena. A comañía teatral costeira realiza unha serie actuacións e actividades de divulgación e posta en valor do patrimonio cultural arredor dos Naufraxios da Costa, con accións en lugares simbólicos da comarca como son os Faros.

- Festival Fisterra Blues Experience. “Non somos a fin da terra, somos o centro do mar!”. A música de raíces promocionando espazos naturais singulares.

- Festival Internacional Mares do fin do mundo Promoción de cultura visual. Unha proposta que se viña desenvolvendo dende Lira pero que este ano marcha para Outes, que promove o compromiso co medio natural e a cultura mariñeira, a pesca artesanal, dende a creación audiovisual internacional.

- Feira quilómetro cero” no Víndemo ver. Exposición e venda de produto e cultura local nunha feira con sabor auténtico que promove o Concello de Carnota.

 

Novas da Afiprodel

Proxectos Culturais recoñecidos

Comentarios