Imprimir

17 novos despedimentos caldean o amibiente para a nova concentración dos traballadores de Ferroatlántica

que pasa na costa | 30 de xaneiro de 2020

Alfonso Mouzo, no centro, é o novo presidente do Comité de Empresa de Ferroatlántica-Foto-Rafa Quintans
Alfonso Mouzo, no centro, é o novo presidente do Comité de Empresa de Ferroatlántica-Foto-Rafa Quintans

A nova parada do forno 13 e o retraso do Estatuto da Industria Electrointensiva xa son boas razóns para recuperar, este venres, as mobilizacións dos traballadores de Ferroatlántica. E a esta complicada situación súmanse estes días 17 novos despedimentos.

17 traballadores eventuais, que viñan cubrindo baixas e excedencias nos últimos anos, veñen de ver como se lles rescinde o contrato, e segundo informa o novo presidente do Comité, Alfonso Mouzo (CIG) “non se pensa cubrir as baixas”. Unha situación que “pode provocar accidentes porque agora non somos suficientes para cubrir todos os turnos, e se non se respetan os tempos de descanso podemos ter serios problemas”.

Mouzo valora ademais que a apertura do forno 13 en agosto foi unha cortina de fume, pois apenas 6 meses despois pecha “e sen data de volta a encender, como se viña facendo as últimas veces, nas que si se indicaba canto tempo ía estar apagado”.

Así, a situación volve tensarse este venres 31 de xaneiro cando centos de traballadores volvan manifestarse ás 19:30h, diante do Concello de Cee, para esixirlle á Xunta que elabore, xunto co Comité, un Plan de Viabilidade real para as fábricas; e ao Goberno estatal que aprobe dunha vez o Estatuto da Industria Electrointensiva.

NOVAS DO CONFLITO #FERROATLÁNTICA

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cee/17-novos-despedimentos-caldean-amibiente-nova-concentracion-traballadores-ferroatlantica/20200130144104116966.html


© 2020 que pasa na costa

COPYRIGHT 2019 QUE PASA NA COSTA

Banner xunta axudas copia