Venres. 29.03.2024
El tiempo

#17vitaminas para o galego, e tamén na Costa

#17vitaminas para o galego, e tamén na Costa
Continúa en marcha a campaña de Vitaminas para o galego, que neste mes das letras galegas ponse máis de actualidade que nunca. De feito, os xa 29 medios (entre radios, prensa, internet...) que participan (QPC é un dos 7 organizadores) comeza para estes días coa proposta Vitaminas 17, incidindo na sinalada data do Día das Letras Galegas.

Unha campaña esta da #17vitaminas que recollerá o manifesto da campaña en 17 concellos, 17 colexios, 17 países e 17 linguas. Convertiremos así o blog da campaña nun "vídeowall" onde colgaremos todos os vídeos que nos cheguen.
Ademais, tamén servirá para achegar lapis coma estes a moitas escolas do país, “lapis pretenden ser unha chiscadela de humor e ironía para propiciar a reflexión arredor da utilización da nosa lingua”, como apuntaba Henrique Sanfiz, de Radiofusión, na posta de longo da campaña no Concello de Lugo.
Unha rolda na que tamén participou Alfonso Ribeiro, do diario en papel, De luns a venres, que indicou que segundo os dados do EXM, o 40% dos seus leitores teñen como primeira lingua o castelán, o que demostra “que a utilización do idioma galego non é en absoluto un obstáculo para chegar a todo tipo de públicos”.

17 Vitaminas na Costa

E son varios os Concellos da bisbarra que se unen, trala mediadión deste diario, a colaborar nesta actividade expansiva que fai fincapé na necesidade de medios en galego para prestixiar o idioma e garantir a súa transmisión interxeneracional.
Así, o Concellos de Zas, Carnota, Vimianzo, Carballo e Corcubión realizaron diversas encargas de material (lapis e marcapáxinas); e ademais representantes dos de Carnota, Corcubión, Muxia e Vimianzo lerán o manifesto e enviarán o seu vídeo.

Especial atención merece o Concello de Carballo, que organiza un acto co nome de Vitaminas para o galego, cun concerto e todo. Alí estaremos por certo.

29 medios vitamínicos

Segundo indicaron os organizadores, “nestes momentos xa se sumaron á Vitaminas para o galego 29 medios de comunicación, o que é unha proba da receptividade da sociedade diante desta iniciativa”. A campaña Vitaminas para o Galego está artellada polos medios de comunicación: Galicia Confidencial, Tempos Novos, Radiofusión, Praza Pública, Novas da Galiza, Val Miñor.info e Quepasanacosta, ademais dos medios colaboradores Certo xornal dixital de Barbanza e Noia, Osil.info de Valdeorras e Crónica3 da Mariña Lucense, Radio Nordés (Cadena Ser Costa da Morte), Terra Cha Xa, Crónicas da Comarca (Arzúa – Melide), a revista de surf www.surfgz.com; Cadernos de Comunicación e Analise; Lalín e Comarca; “Hermes e Atenea” (xornal en galego de deporte e cultura); Disquecool, o medio de tendencias made in Galicia; De Luns a Venres; Cabozo, a rede social galega; a rede de blogues Vencello; Cartafol, a revista multimedia para Ipad; A Nova Peneira (www.apeneiradixital.com) o programa radiofónico Plástico Elástico,  Cerne Xornal da Terra de Melide, Gaceta de Fene, a Revista Kubus, Gzvídeos e Gzmusica.

Novas relacionadas

Programas das Letras Galegas

Fonte

Comentarios