Martes. 16.04.2024
El tiempo

1ª Galicia: O Fisterra cre no título e a Esteirana na permanencia

A Esteirana celebrando a vitoria ante o Esclavitud
A Esteirana celebrando a vitoria ante o Esclavitud
1ª Galicia: O Fisterra cre no título e a Esteirana na permanencia

A vitoria do Fisterra ante Chaián fai que os da fin da Terra se manteñan na loita polo título de liga cos seus dous rivais máis directos como son o líder Sigüeiro e o Flavia, mentres que a goleada da Esteirana sobre o Esclavitud fixo que os de Geno sumasen tres puntos fundamentais na loita pola permanencia.

Pola súa banda, o Baio logrou vencer a domicilio ao Bertamiráns para volver á senda do triunfo nun encontro no que os visitantes rematarían con oito xogadores.

As malas novas desta xornada déronas un Dumbría que caeu por 2-0 nun partido para olvidar ante un Bastavales que grazas a estes tres puntos abandonou a última posición da clasificación, e un Soneira que caeu pola mínima ante o Cordeiro nun encontro insulso.

Bertamiráns FC 2 – 4 CD Baio

Bertamirans-Baio

CD Baio: Dani Varela, Álex Figueiras, Norberto (Sergio m.75), MC, Bieito, Moreno (Isaac m.65), Iván Rojo, Rubio (Raúl m.85), Peke, Damián (Guau m.7) e Yago.

Goles: 1-0 m.11: Cacho; 1-1 m.15: Yago; 1-2 m.42: MC (p); 1-3 m.64: Iván Rojo; 1-4 m.74: MC; 2-4 m.80: Dani López.

Expulsións: Os locais Cacho no minuto 68, Alejandro no 77, Jorge Paz no 89 e Alfonso co encontro rematado.

O partido comezaría con tres ocasións case consecutivas dun Baio que non lograron materializar Iván Rojo por dúas veces e Bieito. Tras isto, o Bertamiráns poñeríase por diante cun gol de Cacho nun erro da defensa visitante.

Non tardaría en empatar o Baio e faríao por mediación de Yago nunha xogada a balón parado. E así sería como chegaría o 1-2, despois de que MC aproveitase un penalti cometido sobre Álex Figueiras.

No segundo tempo, o 1-3, obra de Iván Rojo, e as expulsións que sufriu o Bertamiráns deixaron o partido visto para sentenza.

MC faría o cuarto para os baieses e con nove xogadores, os locais farían o definitivo 2-4.

SD Esteirana 5 – 0 Esclavitud SD

SD Esteirana: MJ, Simón, Maroñas (Samuel m.85), Álex Rama (Pachi m.89), Adrián, Róber Pladur (Xián m.89), Pablo, Josiño Barreiro (Manu de Yi m.80), Codesido, Tobío e Dani Rama.

Goles: 1-0 m.51: Pablo; 2-0 m.65: Josiño; 3-0 m.68: Róber Pladur; 4-0 m.79: Josiño Barreiro; 5-0 m.85: Róber Pladur.

A igualdade foi a tónica predominante dunha primeira metade na que os equipos estiveron máis pendentes de non conceder ocasións ca de crealas e de aí que a única oportunidade chegase nunha transición rápida que Róber Pladur se toparía con Flori.

No segundo tempo, a Esteirana sairía a por todas e lograría facerse co dominio total do partido.

Pablo, Josiño Barreiro e Róber Pladur, estes dous por partida dobre, serían os encargados de facer os cinco goles dunha Esteirana que lograría unha contundente vitoria por 5-0 ante un rival da zona alta da clasificación como é o Esclavitud.

UD Bastavales 2 – 0 CF Dumbría

11 inicial do Dumbría ante o Bastavales

CF Dumbría: Iván Baña, Canario, Matías, Marcos Mouro, Rivi, Marcote, Cespón (Xabi m.68), Darío, Xacobe (Iago m.46), Yuyo (David m.46) e Alberto.

Goles: 1-0 m.32: Richi; 2-0 m.65: Farrah.

Mal partido dun Dumbría que non tivo o seu mellor día ante un Bastavales que chegaba como colista a esta xornada e que mostrou moito empeño, actitude e ganas para sumar os tres puntos.

Pasada a media hora do encontro, Richi adiantaría ao Bastavales e faría o 1-0 co que se chegaría ao tempo de lecer.

Tralo descanso, o Dumbría sairía un pouco mellor que nos primeiros corenta e cinco minutos e contaría cunha boa ocasión para empatar pero o remate de Rivi estrelaríase co longueiro.

A raíz desta oportunidade, o partido recuperaría a tónica inicial e o Bastavales volvería a impoñerse para aumentar a súa vantaxe cun gol de Farrah, mediada esta segunda metade.

Antes do pitido final, Iván Baña evitaría o terceiro dos locais ao deter unha pena máxima, polo que o encontro remataría co resultado coñecido de 2-0.

SD Fisterra 2 – 0 Chaián CF

Fisterra-Chaián

SD Fisterra: Iván Bouzón, Bruno (Isaac m.57), Fabián, Breixo, Aarón, Makaay (Dani Martínez m.73), Roa (Piti m.70), Pablo Lestón (Cote m.46), Jesús, Rubia e Julio.

Goles: 1-0 m.44: Aarón; 2-0 m.59: Jesús.

Primeira parte bastante mala en canto a xogo, aínda que ambos conxuntos contaría cunha ocasión moi clara. A do Fisterra chegaría cun remate de Makaay dende o punto de penalti que se marcharía a rentes do pau, mentres que a dos visitantes produciríase logo dunha indecisión entre Julio e Iván Bouzón que a piques estivo de aproveitar un xogador visitante pero o pau salvaría aos fisterráns.

E ao fío do descanso, un córner que remataría Aarón convertiríase no 1-0 co que se chegaría ao remate dun primeiro tempo no que o bochorno presente no Ara Solis pareceu afectar ao encontro.

Na segunda metade, o Fisterra saíu algo mellor aínda que algo imprecisos e nunha boa xogada de Jesús, o xogador local facía o 2-0 que resultaría definitivo.

A raíz deste tanto, os da fin da Terra puideron golear pero Isaac vería como un defensa lle sacaba o gol baixo paus e o gardameta local faría dúas boas intervencións ante Dani.

Tamén habería tempo para a polémica xa que o colexiado non sinalaría un claro penalti sobre Aarón.

Soneira SD 0 – 1 Cordeiro CF

Soneira SD: Javi Souto, Darío, Chapela, Madiop (Aarón m.64), Basti, Sandelo, Fran, Alemán, Álex Taibo, Pichi e Luis.

Gol: 0-1 m.85: Moisés.

Partido insulso o que se puido vivir entre o Soneira e o Cordeiro, no que non houbo intensidade nin tampouco chegadas de perigo. Os locais tiñan máis dominio de balón pero sen lograr darlle velocidade ao xogo ante un conxunto visitante repregado en campo propio.

Na reanudación, o Cordeiro estirouse un pouco máis e faría intervir a Javi Souto nunha boa ocasión na que entre o gardameta local e o pau evitarían o gol.

E a falta de cinco minutos para que se cumprise o tempo regulamentario, un remate cruzado de Moisés convertiríase no 0-1.

Na segunda metade, o conxunto visitante estiraríase un pouquiño máis e comezaba a dar sensación de perigo sobre a portería rival, tanto foi así que Javi Souto desbarataría unha ocasión do Cordeiro coa axuda do pau.

Pero o gardameta carballés do Soneira nada podería facer ante un tiro cruzado de Moisés que se convertiría no definitivo 0-1.

Antes do pitido final, a defensa visitante evitaría o empate baixo paus nun remate de Basti.

Comentarios