Venres. 29.03.2024
El tiempo

1ª Galicia: Loitando por obxectivos dispares

O Fisterra queda só á fronte da clasificación xunto co Sigüeiro. Foto: Steffen A. Pfeiffer
O Fisterra queda só á fronte da clasificación xunto co Sigüeiro. Foto: Steffen A. Pfeiffer
1ª Galicia: Loitando por obxectivos dispares

O Fisterra queda só á fronte da clasificación xunto co Sigüeiro despois de que estes dous conxuntos sacasen os seus partidos adiante ante Bertamiráns e Soneira e de que o Flavia caese na casa do Val do Ulla.

Pola súa banda, o Baio certificou a cuarta posición despois de vencer con contundencia ao Tordoia nun partido no que foi superior de principio a fin e o Dumbría caeu in extremis ante o Unión nun encontro moi disputado.

Na zona baixa da clasificación, a Esteirana pagou a súa falta de efectividade de cara a portería e non logrou pasar do empate sen goles ante o Lalín nun encontro no que mereceu unha vitoria que podía ser un gran paso cara a permanencia.

SD Esteirana 0 – 0 CD Lalín

SD Esteirana: MJ, Simón (Samuel m.85), Josiño Alves, Maroñas, Álex Rama, Adrián (Pablo m.61), Josiño Barreiro (Manu de Yi m.80), Dani Rama, Elías (Róber Pladur m.56), Tobío e Raúl.

O encontro comezou marcado pola abafante calor e polas constantes imprecisións de ambos conxuntos pero segundo ía transcurrindo o partido, a Esteirana foi mellorando e achegándose á portería rival, aínda que lle faltou precisión nos metros finais para crear perigo.

Na reanudación, os esteiráns saíron a por todos pero a falta de acerto non lle permitiu atopar o premio do gol nas numerosas ocasións coas que contaron, nas que viron como un defensa evitaba o gol baixo paus e tamén pediron unha man dos visitantes dentro da área que o colexiado non sinalaría.

Nos minutos finais, o Lalín tivo dúas boas oportunidades pero quedarían en nada e habería reparto de puntos no Xosé Luis Vara Olveira.

Bertamiráns FC 0 – 5 SD Fisterra

Bertamiráns FC - SD Fisterra

SD Fisterra: Iván Bouzón, Breixo (Fabián m.63), Aarón, Makaay, Jesús (Dani Martínez m.54), Cote (Piti m.57), Rubia, Roco, Iván González (Roa m.60), Andrés, Capelo (Pablo Lestón m.46).

Goles: 0-1 m.15: Iván González; 0-2 m.23: Makaay; 0-3 m.33: Makaay; 0-4 m.48: Cote; 0-5 m.80: Makaay.

Un cuarto de hora foi o tempo que aguantou un Bertamiráns que recibiría o primeiro gol nun man a man que materializaría Iván González.

A partires de aí, o dominio dos fisterráns foi total, os cales sacarían proveito da defensa adiantada que propuxo o conxunto local.

O xovencísimo gardameta local Simón foi o mellor xogador dos seus e evitou o gol dos visitantes en numerosas ocasións, pero aínda así, Makaay por dúas veces lograría ver portería para poñer o 0-3 co que se chegaría ao tempo de lecer, o cal foi curto para o visto sobre o terreo de xogo.

Na segunda metade, Cote e Makaay redondearon unha goleada que puido ser moito maior de non ser pola gran actuación de Simón e algunha que outra decisión protestada do colexiado. Desta maneira, os fisterráns seguen no máis alto da clasificación, aínda que despois da derrota do Flavia, a loita polo título parece ser cousa de Fisterra e Sigüeiro.

CF Dumbría 1 – 2 CD Unión

11 inicial do Dumbría ante o Unión

CF Dumbría: Iván Baña, Canario, Matías, Marcos Mouro, Rivi, Yuyo, Cespón (Carreira m.82), Darío, Xacobe (Xabi m.61), Alberto (David m.61), Charly (Iago m.61).

Goles: 1-0 m.21: Yuyo (p); 1-1 m.27: Garrido (p); 1-2 m.91: Reboiras.

Expulsións: O adestrador visitante José Manuel Miguens e o seu xogador Garrido no descanso e no minuto 69, respectivamente.

Na primeira parte, non houbo ocasións claras ata que chegou o penalti por unha man dun xogador visitante que transformaría Yuyo no minuto 21. Pero pouco lle duraría a alegría aos dumbrieses, xa que o Unión lograría devolver as táboas ao marcador cun gol de Garrido dende os once metros despois de que Iván Baña derrubase a un atacante rianxeiro.

Tras isto, os de Julián Ferreiro trataría de crear perigo con balóns ás costas da defensa pero sen logralo, mentres que os visitantes terían un par de oportunidades en sendas contras que se quedarían en nada.

Na reanudación, Yuyo tivo unha ocasión moi boa para adiantar de novo aos seus pero o porteiro do Unión gañaríalle a partida ao dianteiro camariñán do Dumbría.

Mentres que os rianxeiros tamén tería dúas opcións claras de gol, pero Iván Baña evitaría o tanto dos de Asados con dous auténticos paradóns.

A continuación disto, os visitantes quedaríanse cun home menos pola expulsión de Garrido, o que fixo que os dumbrieses se fosen arriba pero non lograrían crear excesivo perigo.

E co partido tocando ao seu fin, un gol de Reboiras significaría a vitoria do Unión por 1-2 no Conco.

Sigüeiro CF 2 – 0 Soneira SD

Soneira SD: Javi Souto, Darío (Pose m.76), De La Sierra (Samu m.60), Aarón, Mayor, Sandelo, Alemán (Agra m.76), Brais (De La Sierra m.60), Taibo, Pichi e Luis.

Goles: 1-0 m.56: Juan Castro; 2-0 m.70: Juan Castro.

Primeira parte aburrida na que o Soneira competiu moi ben, mentres que o Sigüeiro non se sentía cómodo. A ocasión de maior perigo teríaa Pichi cunha volea dentro da área que se lle marcharía arriba, polo que se chegaría ao descanso co empate sen goles.

Na segunda metade, o Sigüeiro sairía con outra marcha e pechou ao Soneira atrás, logrando varias ocasións de perigo e Juan Castro cun lanzamento de falta faría un golazo para os seus.

Tras isto, Samu cun trallazo dende fora da área avisaría por parte do Soneira pero o meta local faría un auténtico paradón e nun erro na saída de balón do Soneira, Juan Castro faría o definitivo 2-0.

CD Baio 4 – 1 SD Tordoia

CD Baio - SD Tordoia

CD Baio: Julián, Álex Figueiras (Dani Varela m.79), MC, Bieito, Moreno (Josiño m.67), Porti, Peke (Guau m.63), Damián, Santi Díaz (Sergio m.51), Yago e Isaac.

Goles: 1-0 m.24: Moreno; 2-0 m.29: MC; 3-0 m.42: MC (p); 4-0 m.48: MC; 4-1 m.83: Denis.

O Baio deu un paso case definitivo para certificar a cuarta praza da clasificación deste Grupo 2 da Primeira Galicia e fíxoo logo de mostrarse moi superior a un Tordoia que aínda non ten a permanencia garantida.

Tres goles nos últimos vinte minutos da primeira metade, obra de Moreno e de MC por partida dobre, deixaron o encontro practicamente decidido a prol dos de Pablo Torreira, quenes nada máis voltar dos vestiarios aumentarían a súa vantaxe cun novo gol dun MC que completaba o seu hattrick.

A partires de aí e a pesares de que os tordoienses melloraron a súa imaxe, o Baio tivo o control en todo momento e xogou moi cómodo.

A falta de sete minutos para o final, Denis faría o definitivo 4-1 co que remataría o encontro do Platas Reinoso.

Comentarios