Venres. 19.04.2024
El tiempo

Éxito total para a 26ª edición do Ciclo de Teatro de Ponteceso

30112019 vida_de_cans
Imaxe da obra Vida de Cans.
Éxito total para a 26ª edición do Ciclo de Teatro de Ponteceso

O Ciclo de Teatro de Ponteceso bateu nesta edición o récord de público dos seus 26 anos de historia. Un total de 900 espectadores asistiron ás cinco funcións que se celebraron no salón de actos do Edificio das Escolas ao longo do mes de novembro. As limitacións do espazo provocaron moitísimas estreiteces, e aínda que se lle intentou sacar o máximo rendemento ao local, nalgunha ocasión tivo que quedar xente fóra. 

30112019 vida_de_cans_publico

Ao longo do mes de novembro fixeron un percorrido polo teatro galego máis actual e converon á muller en protagonista do Ciclo de Teatro con espectáculos como “Elisa e Marcela”, da compañía A Panadaría; “Cinco mulleres que comen tortilla”, de Señora Supina, ou “Bernarda”, de Malasombra. Ademais, a semana pasada riron a gargalladas cos “Cranios privilexiados” de Mofa&Befa, e este sábado poderase volver gozar de teatro de calidade con Talía e a súa divertida “Vida de cans”.

O éxito deste Ciclo de Teatro, plenamente consolidado despois de 26 anos de historia, cun público fiel e novos espectadores que se lle unen en cada edición, é un dos numerosos argumentos a favor do proxecto de construción dun auditorio en Ponteceso. Dende o goberno municipal están a traballar para realizar no Edificio das Escolas as reformas precisas para dispoñer dun espazo cultural con capacidade para 400 persoas que permita dar cabida á crecente afección ao teatro do concello e da contorna.

Comentarios