Imprimir

30 mozos de 4 concellos deseñan o seu futuro laboral con prácticas empresariais

que pasa na costa | 24 de setembro de 2015

Mozos costeiros nas prácticas empresariais Mozos costeiros nas prácticas empresariais Boa é a experiencia que están tendo 30 rapaces e rapazas da zona. Teñen entre os 14 e os 17 anos, e xa están realizando a súa primeira experiencia profesional. Fano a través da primeira edición do proxecto “O Noso Futuro na Costa da Morte”, unha iniciativa promovida dende a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia e á que se acolleron os Concellos de Camariñas, Mazaricos, Muxía e Vimianzo. Este proxecto finaliza este sábado coa clausura, onde os mozos compartirán as súas sensacións. Estas prácticas en empresas da zona permítelles achegarse á realidade socio-laboral e empresarial da súa contorna e, ao mesmo tempo, ir pensando cara a onde queren enfocar o seu futuro profesional. Un total de 18 de empresas de diferentes tipoloxías e pertencentes a diferentes sectores -o gandeiro, o de ocio e tempo libre, o da electricidade, o téxtil, o da distribución, o sanitario, o hosteleiro etc.- colaboraron neste proxecto de forma totalmente altruísta xa que permitiron que os rapaces e rapazas experimentasen de primeira man que é estar nun negocio, como é atender o público, como se tramitan pedidos, como se reparte material etc. Califican esta experiencia de moi satisfactoria, tanto os participantes como as empresas colaboradoras. Este sábado xuntaranse de novo todos estes rapaces e rapazas en dúas visitas a empresas participantes (Naturmaz ás 10:00 h e SAT Busto Corzón ás 11:00h) e nunha divertida xornada de formación na Casa da Cultura de Vimianzo, que rematará ás 19:00. Nesta xornada realizarase tamén a entrega de diplomas por parte dos Alcaldes dos Concellos participantes e contarase coa presenza da Directora Xeral de Xuventude e Voluntariado, Cecilia Vázquez. Cómpre salientar a colaboración das empresas Geriatros, Santitel Video Láser, Agrícola Benedicto e Amigos do Liño en Vimianzo, Supermecado Día, Restaurante O Meu Lar, Calzados Silvia, Distribucións O Vilán, Kerubín, Lady Xul e Bar O Curbeiro en Camariñas, Naturmaz e SAT Busto Corzón en Mazaricos así como o Albergue @Muxía, Casa Ceferinos, Casa Fontequeiroso, Electricidade Mouzo e Eléctrica Caamaño en Muxía.

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/camarinas/30-mozos-de-4-concellos-desenan-o-seu-futuro-laboral-con-practicas-empresariais/20150924120437078875.html


© 2019 que pasa na costa

COPYRIGHT 2019 QUE PASA NA COSTA