Xoves. 25.04.2024
El tiempo
Miro Villar
13:26
15/05/20

A 35 anos da publicación da revista muxiá Decrúa (1985-1986)

Revista Decrúa-maio-1985-01 copia
Revista Decrúa-maio-1985-01 copia
A 35 anos da publicación da revista muxiá Decrúa (1985-1986)

En maio de 1985 vía a luz o número 0 da revista muxiá Decrúa, editada pola A. C. Decrúa, Os Muños (Muxía) e que se vendía ao prezo de "Dez pesos". No seu Editorial, sen sinatura mais da autoría de Manuel Vilar, explicaban a razón do seu nome e os seus obxectivos, dos que reproduzo apenas e literalmente dous parágrafos significativos:
«Chegadas as primeiras calores do verán, aló polo mes de Xuño, antes do S. Xoán e do S. Pedro, cando a terra  ainda garda nas suas entrañas a humidade que foi armacenando durante o inverno e o sol peta xa con forza alá no alto do ceo, as herbas más comezan a medrar con forza e non deixan agromar o millo novo. É o tempo de darlle a primeira sacha, de desterrar estas herbas. É o tempo de facer a decrua, se logo queremos recoller o froito dourado aló no prateado Outono. (...)

DECRUA foi idea dun grupo de xente moza que, decatándose da nosa situación de miséria e vendo que as institucións nada fan por remediala, decidémonos a dar un primeiro paso no camiño de traballar arreo pola cultura, é dicer, de todo aquilo que é produto de viver en sociedade, nun determinado lugar e nun determinado tempo. Queremos, con iso, enlazar co pasado, con aquela Muxia de antes de época de Franco, onde habia dous casinos, un periódico quincenal, os poetas facian versos e as festas de carácter colectivo, como os carnavais, estaban moi metidas nas ideas das xentes. Pero non só queremos mirar ao pasado, senón que as nosas miradas están postas neste presente e no futuro inmediato. Decrua é tamén o título dunha obra de Gonzalo López Abente. Con iso tamén queremos rendirlle o noso homenaxe a un dos mais significativos poetas muxians, seguindo no camiño que el escomenzou alá nos primeiros anos deste século.»

Sobre esta revista Decrúa algo xa teño escrito con anterioridade. Da miña autoría é a ficha incluída no proxecto do Dicionario da Literatura Galega. Tomo II. Publicacións periódicas (1997), que publicou Galaxia, coa coordinación de Dolores Vilavedra, crítica e profesora de Literatura Galega na USC. Velaquí a miña achega: 

DECRÚA

Revista editada pola asociación cultural Decrúa, dos Muños (Muxía). De periodicidade irregular, publicou o seu número 0 en maio de 1985. O último número, sen datar, é o 4, que aparece no ano de Castelao (1986). A publicación estaba coordinada por Xosé M. Currás Rúa, sendo o historiador local Manuel Vilar a alma mater da entidade e do seu boletín. Redactada integramente en galego, informa sobre diversas novas locais e comarcais, con especial énfase en artigos que recollen aspectos de etnografía e historia local. Ademais, publican poemas Rivadulla "Corcón", Tino Rivadulla, Miro Villar, Rafa Villar, Oreiro e Lino Braxe. O propio Rivadulla "Corcón" asina varias colaboracións, unha delas sobre Gonzalo López Abente. Deste escritor muxián reprodúcese un artigo tirado de Nerio. Outros artigos recollidos nas súas páxinas, tamén fan referencia á nosa literatura; así, o coordinador escribe sobre Losada Diéguez e Francisco Rodríguez faino sobre Rosalía de Castro. Outro interesante artigo, asinado por Xoán de Toba, deita luz para unha nova hipótese de datación do poema "A campana de Anllóns" de Pondal.

A necesaria brevidade das fichas bibliográficas dese Dicionario deixou fóra algúns datos de interese que agora completo número a número:

Decrúa, nº 0, maio de 1985: A revista ábrese coa reprodución do artigo «Duas verbas nada mais», de Gonzalo López Abente, datado en Muxía, agosto de 1921 e tomado da publicación corcubionesa Nerio, nº 15, 1-9-1921, páxina 3, no que o poeta describe dun xeito lírico a súa vila. Novas de política local, mais tamén internacional coma o artigo «Labregos e mariñeiros perante a entrada do Estado Español na CEE» ou unha conversa co Patrón Maior da Confraría de Muxía, Carlos Barrientos Soneira. Na sección «As nosas Letras» os poemas «Costa da Morte», de Rivadulla "Corcón" e «Todo é mentira» de Tino Rivadulla, e dous artigos sen asinar «Gonzalo López Abente e E. Pondal» e «Antón Losada Diéguez», autor ao que se lle dedicaban as Letras Galegas nese ano. Outras novas de carácter local e deportivas, uns breves apuntamentos históricos «Anacos dun tempo pasado» e o artigo de Francisco Rodríguez «Rosalia no proceso da história», que pechaba o número.

Decrúa, nº 1, xullo de 1985: Un breve artigo, asinado polo seudónimo Nasua Tinta, explica as repercusións da aparición da revista e como sentou mal en determinados ambientes reaccionarios da vila muxiá. Desta volta as novas locais de diferente xorne complétanse con artigos como «Muxia, refúxio de navegantes e turistas», sen asinar, e que describe as potencialidades das praias muxiás. Tamén se reproduce unha fotografía antiga co rodapé «Antigua Playa de las Lanchas, año 1929» da que non se cita autoría, mais que é do histórico fotógrafo Ramón Caamaño. E pecha o número o artigo do historiador Francisco Carballo, xa finado, «O plebiscito do 28 de Xuño do 1936».
Decrúa, nº 2, setembro de 1985: Boa parte deste número está dedicado ás festas da Barca. Manuel Vilar asina os artigos «A protección do patrimonio» e «Algunhas liortas entre a Igrexa e os veciños» sobre a construción dun novo templo parroquial no ano 1729. O coordinador da revista, X. Currás asina un reivindicativo artigo «A necesidade dun hospital comarcal», que aínda tardaría uns anos. Na sección «As nosas Letras» os poemas «Perto de min (no 148 ano do nacemento de Rosalía», de Rafa Villar, datado en febreiro de 1985, «No centenario do pasamento de Rosalía» de Oreiro e «Déixame ser» de Miro Villar (un poema que, por certo, non figura en ningún dos meus libros), o conto infantil «O meu amigo Kyky», de Carol e a prosa «Costa da Morte», de Catia Negro. Ademais, outro artigo reclama unha «Homenaxe a unha vida exemplar», a do fotógrafo Ramón Caamaño. Por parte, Rivadulla "Corcón" lembra «As festas da Barca nos primeiros de século» e Luís Balboa Díaz asina «A defensa das aves rapaces».

Decrúa, nº 3, sen datar (novembro), 1985: Sabemos que é de novembro porque entre a abondosa publicidade que sempre facía posible a revista neste número aparecen dous anuncios electorais do BNG e da Coalición Popular para as autonómicas que se celebraron o 24 de novembro. A portada reproduce un dos impactantes debuxos de Castelao a toda plana, aquel que se titula «Os Anti-Rexionalistas», tirado de A Nosa Terra, 20-XI-1917. Alén das novas locais, a maioría con alusións ao período electoral, publícase o artigo «E ti, campana de Anllóns», asinado por Xoán de Toba, seudónimo do médico Juan López Bermúdez, cunha nova hipótese de datación do poema de Pondal. Eduardo Noia fala da desfeita patrimonial en «Muxia, ou a destrución dun povo». Na sección «As nosas Letras» os poemas «Xa despertou a mañán», de Dona, «Que digan o que queiran», de Tino Rivadulla e «Canción de inverno», de Oreiro. Pecha o número «Un pouco de história de Moraime», da autoría de Fernando dos Santos.

Decrúa, nº 4, sen datar (xaneiro), 1986: Foi o quinto e derradeiro número da revista e pódese datar polas referencias a Castelao que en xaneiro estaba de centenario do seu nacemento. O seu coñecido retrato de Maside ocupa boa parte da portada. Chama a atención unha carta ao director intitulada «Gravado na auga», que asina o seudónimo Xoán de Nemiña para denunciar o esquecemento de Gonzalo López Abente por parte do concello. Desta volta as novas locais complétanse cunha longa «Entrevista a Xoan Barja de Quiroga», coronel de artillaría retirado e contrario á presenza do Estado Español na OTAN.  Na sección «As nosas Letras» os poemas «Sinfonía das montañas de Galiza», de Lino Braxe, «Vou recollendo as doces estáncias» de Rafa Villar e «Habia humidade nas furnas dos meus ollos» de Miro Villar (outro poema que tampouco figura recollido en ningún dos meus libros). Rivadulla "Corcón" realiza unha «Breve análise do Antroido actual» e dúas páxinas de banda deseñada e humor dan remate ao número.
Isto, que non foi pouco, deron de si os cinco exemplares de Decrúa, unha revista que, como sucedía coa prensa corcubionesa da que xa falamos aquí, aínda non se atopa dixitalizada na monumental base de datos do proxecto Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.

 

Revista Decrúa-2-setembro-1985-Muxia

  • Miro Villar, en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, é profesor de lingua e literatura galegas, ademais de poeta, narrador, tradutor e crítico literario en diversas revistas e publicacións periódicas. Autor do blog As crebas.
 

Artigos relacionados

Outros artigos de Miro Villar en QPC

ARTIGOS SOBRE LÓPEZ ABENTE

Comentarios