Xoves. 25.04.2024
El tiempo

3ª Galicia: O Camariñas pega na mesa e o Montelouro apreta ao Outes

Porteno - Montelouro-Foto-Edu Olveira 3
Imaxe do Porteño - Montelouro-Foto-Edu Olveira
3ª Galicia: O Camariñas pega na mesa e o Montelouro apreta ao Outes

Un solitario gol de Nazo enfílalle o título da 3ª a un Camariñas que saca 3 puntos ao Outes, despois de derrotalo no Cunchido. A derrota sáelle cara ao cadro da Serra que ve como o Montelouro mete presión para pelexar por esa segunda praza de ascenso directo.

A loita pola promoción segue a ser moi vivida, con 5 equipos metidos en 7 puntos para pelexar por 3 prazas. Paso clave do Laxe, vencendo ao Seaia, que cede a 6ª praza un Camelle que aproveitou as carencias do Ameixenda.

 

Outes - Camariñas (0-1)

  • Outes: Álex, Jura, Robert, Martín, Álvaro, Iván, Chía, Roberto, Bugallo, Eloy. Tamén: Veleiro, Caamaño, Santi e Kevin.
  • Camariñas: Pablo, Sule, Oliver, Carlos Pasantes, Moriño, Pablo Suárez, Fran Barreiro, Mario Suárez, Roi (Miñones, m.15), Nazo e Brandon (Miki, m.80).
  • Gol: 0-1, m.50: Nazo a centro de Brandon.

Partido de poder a poder, con dous grandes conxuntos, pero cun choque moi trabado por continuas interrupcións. Tirou de efectividade o líder, demostrando por que os de arriba (e iso que faltaba Javi) marcan as diferencias. Nazo marcou un golazo pola escuadra a pase de Brandon, que mandou outro balón ao longueiro. Na outra área, o porteiro Pablo foi clave, facendo 3 paradas de gran mérito que permiten ao seu equipo sumar 3 puntos fundamentais.
O Outes tivo que xogar os últimos 20 minutos cun home menos, o que lle impediu meter ao Camariñas na súa área.

Foi este o último partido de Abel no banco camariñan, pois para a semana volve Berto tras innumerables sancións.

 Camarinas celebrando a vitoria en Outes
O Camariñas celebrando a vitoria no Cunchido que os achega ao título da 3ª

Nantón - Castrelo (1-2)

Castrelo -Foto-Vanessa
11 do Castrelo nas Fontiñas -Foto-Vanessa

  • Nantón: Guille, Amado (Eloy, m.30), Pasarela, Costa, Fran, Redondo, David (Rafa, m.65), Pablo Fuentes, Iván, Cristian (Pastor, m.65) e Josiño (Maikel, m.75).
  • Castrelo: Iván, Iván Chans, Samuel (Gus, m.75), Quintelo, Dani Picallo, Maikol, Esteban (Miguel, m.80), Roget, Capote, Rodri e Adrián Pasantes.
  • Goles: 0-1, m.11: Luís Roget; 1-1, m.78: Iván; 1-2, m.90: Capote.

Nanton e Castrelo-Foto-Vane

Sobre a bocina venceu o Castrelo nas Fontiñas, ante un Nantón que xa comezaba moi impreciso o partido. Varios erros en defensa deixaron claras oportunidades aos vimianceses, que pronto se colocaban por diante. Pouco a pouco foron meténdose no partido os de Fachal, pero nin Cristian, nin Josiño conseguían superar a Iván.

A segunda metade foi de cor branca, con moitas ocasións para os locais, que conseguiron encerrar aos de Sergio no seu campo. Iván facía o empate dun Nantón que confiaban na remontada, pero nunha saída xa co tempo cumplido os vimianceses lanzan un balón longo, peitea Adrián pasantes e Capote, ás costas da defensa, define tras unha boa cabalgada. Quedaban só 4 minutos de balóns colgados sobre a meta visitante que non se traduxeron en gol.

 

Laxe - Seaia (4-1)

  • Laxe: Eloy, Jacinto, Dani, Reigía, Borja, Bieito, Adrián, Jorge, Andrés, Óscar Toja e Carra. Tamén: Gora, Zurich, Jacobo.
  • Seaia: Joel, Josi (Fabián, m.70), Parga, Iván, Vistas, Toni (Adrián, m.80), Michi (Pablo Camaaño, m.85), Dimaga, Pablo Souto (Cristian, m.50), Jorge (Quintas, m.65) e Isaac.
  • Goles: 1-0, m.51: Carra; 1-1, m.59: Isaac; 2-1, m.61: Dani; 3-1, m.77: Carra; 4-1, m.87: Adrián.

Partido igualado, que comezaba cun Seaia máis enchufado a pesar das numerosas baixas provocadas polas sancións da xornada pasada. De feito, foi Joel, centrocampista xuvenil, o que se puxo baixo paus no equipo de Da Silva, e cumpliu moi ben a pesar do resultado.

Na primeira metade, o Seaia controlou ben as armas ofensivas do Laxe, e mesmo se achegou á meta de Eloy por medio de Dimaga e Parga.

Propuxo máis fútbol o Laxe na segunda metade, facendo dano pola bandas, e pronto se adiantaba por medio de Carra. Empataría de contado Isaac (dianteiro xuvenil que debutaba) para os malpicáns. Pero apenas na seguinte xogada, unha perda deixaba unha contra clara para que Dani volvese a poñer por diante aos de Antelo. Estirou liñas o Seaia, e o Laxe sentenciou á contra.

 

Ameixenda - Camelle (0-2)

11 do Ameixenda
11 do Ameixenda-Foto-Fernando

  • Ameixenda: Rivers, Nico, Esteban, Samuel, Ariel, Pablo Trillo, Fer, Ezequiel, Carro, Papin e Javichu. Tamén: Iván.
  • Camelle: Calipo; Ruso (Tedín, m.75), Ucho, Pablo, Maka (Rodri, m.50), Adrián, Marcelino (David, m.85), Dido (Lado, m.80), David Vieitez, Felipe e Riveiro.
  • Goles: 0-1, m.27: Felipe; 0-2, m.40: Dido.

Partido dominado, sobre todo na primeira metade, por un Camelle mandón, movendo o balón e buscando os espazos. Ben dirixidos por Riveiro no medio campo, tardou en abrir a lata, a pesar das numerosas ocasións, sendo Felipe o que marcaría o primeiro á media hora. Apenas facía perigro o Ameixenda, que acusaba a baixa de Pichino na dianteira. Non tardou o Camelle en facer o 0-2, aproveitando Dido un erro no despexe para marcar.

O segundo tempo foi máis igualado, pero con menos intensidade. Dispuso o Ameixenda dalgunha ocasión para meterse no partido e Rivers (a fichaxe de inverno foi o mellor dos ceenses), desbaratou cas súas paradas dúas ou tres ocasións de gol dos de Ordóñez.

 Rivers porteiro do Ameixenda
O novo porteiro do Ameixenda pode dar firmeza atrás a un cadro ceense que sempre ten problemas na portería

Porteño - Montelouro (1-2)

  • Porteño: Josiño, Marcos, Manu, Anxo, Robinho; Vicente, Mario (Cachi, m.65), Ángel, Joseba, Wii (Porto, m.70) e Nené.
  • Montelouro: Marcos, Abel, Chouza, Borja (David, m.50), Pablo, Raúl, Dani, Verán, Pesco, Rapante (Joaquín, m.80), Tito.
  • Goles: 1-0, m.5: Nené; 1-1, m.20: Pesco; 1-2, m.44: Raúl.

Porteno - Montelouro-Foto-Edu Olveira
Foto de Edu Olveira

Moi ben saíu o Porteño ante o equipo loureán, nun choque con numerosas baixas nos dous bandos. Os primeiros 25 minutos foron de cor rosa, co gol de Nené, e algunha ocasión máis. Pouco a pouco o equipo de Purrúa foise metendo no partido, subindo liñas. A volta de Pesco aos terreos de xogo despois de tres meses deu aire aos loureáns e así se notou xa co gol inicial (en posible fóra de xogo, segundo os visitantes), e dando o pase de gol a Raúl para completar a remontada antes do desconto.

Saíu o cadro local con presión alta tralo paso polos vestiarios, creando ocasións sobre todo en xogadas a balón parado, incluídos os saques de banda, pero era o Louro o que máis facía dano á contra. Puido ter caído algún gol para calquera dos dous lados, pero ao final, vitoria dun Monte Louro que mete presión ao Outes ao tempo que afianza a súa praza na Promoción.

Porteno - Montelouro-Foto-Edu Olveira 1
Foto de Edu Olveira

Todas as Crónicas da 3ª Galicia

   

Todas as táboas en www.futboldacosta.com

Comentarios