Imprimir

4 novos tesouros en forma de pecios na augas da ría de Corcubión

que pasa na costa | 13 de setembro de 2011

Continúan aparecendo tesouros nas nosas augas. E así o refrenda o balance dos últimos traballos de prospección arqueolóxica subacuática e de cartografía dos pecios localizados en campañas anteriores no entorno do cabo de Fisterra e da ría de Corcubión. Durante a campaña, desenvolvida no mes de xullo e que desprendeu uns magníficos resultados tanto a nivel científico como patrimonial, descubríronse catro novos xacementos, dous deles pertencentes á flota de 1596 ao mando do avanzado de Castilla Martín de Padilla, e outros dous documentados como vapores ingleses de finais do século XIX e principios do XX en profundidades de ata 54 metros.

Comprobáronse ademais máis de 50 puntos, nos que destaca a localización dunha áncora de ferro de tipo Almirantazgo. Os traballos foron levados a cabo por un equipo de sete persoas ao longo de 22 días, totalizando máis de 200 inmersións e ao redor de 260 horas de traballo submarino.

O 4 novos tesouros

No transcurso das prospeccións realizadas na ría de Corcubión traballouse sobre os catro novos xacementos, rexistrándoos, situándoos xeograficamente e realizando unha supervisión previa. Ademais interveuse sobre outros catro pecios xa localizados con anterioridade. Un dos obxectivos para o presente ano era documentar os pecios da flota de 1596. Localizáronse ata o momento 6 naufraxios dunha flota de ao redor dun centenar de naves que partiron dos portos de Lisboa e Sevilla e dirixíanse a Irlanda transportando un exército que debería apoiar aos irlandeses na loita contra a ocupación inglesa da illa.
Na presente campaña foron documentados dous dos pecios da flota de 1596, xa localizados anteriormente. Destaca nun deles a presenza dun leme duns catro metros de lonxitude, virtualmente intacto, conservando gran parte dos seus ferraxes. Un achado practicamente único no mundo que é particular na arqueoloxía subacuática por ser este tipo de elementos os que primeiro adoitan desaparecer en caso de naufraxio.

Artillería

Durante a prospección arqueolóxica foron descubertos, enterrados na area nunha nova localización, elementos de madeira, probablemente pertencentes a outra nave da flota de 1.596 que sería a sétima localizada. Este achado permite aos arqueólogos acoutar unha nova zona de prospección para futuras campañas que permitan situar este xacemento. Nos pecios localizados desta flota documentáronse numerosas pezas de artillería de diferentes tipos e materiais como bronce, ferro fundido e ferro forxado.
Armamento lixeiro entre os que destacan arcabuces e espadas, ademais de numerosa munición en chumbo, ferro e pedra. Elementos da impedimenta do exército tamén foron documentados como chumbo para fundir munición, cureñas de artillería terrestre, equipos cirúrxicos do corpo de sanidade ou elementos pertencentes á vestimenta de soldados ou tripulantes. Entre os materiais de uso cotián destaca a localización dunha vaixela de mesa de peltre, probablemente pertencente a algún oficial embarcado nunha das naves. Noutro dos pecios consérvanse aínda unha gran cantidade de moedas de prata, destinadas a sufragar os gastos do exército expedicionario. Asemade puidéronse documentar grandes pezas de madeira pertencentes á estrutura dos buques. Daqueles materiais extraídos para evitar a súa desaparición o afectación, procederase á súa restauración.

Corveta francesa Bayonnaise

Ademais dos traballos sobre a flota de 1596, nesta campaña avanzouse na cartografía dos restos da corveta de 32 canóns francesa Bayonnaise afundida na praia de Langosteira en Fisterra, o 28 de novembro de 1803 e que conserva gran parte da súa estrutura de madeira. Púidose documentar as súas cadernas, forro exterior e forro interior, ademais dun forro externo de pranchas de cobre para evitar a adherencia de organismos mariños sobre a obra morta do casco. Entre os obxectos transportados, ademais de pezas de artillaría, numerosa munición, recuperáronse nesta campaña os primeiros obxectos de uso cotián dos seus tripulantes, en concreto restos de dous zapatos de coiro e unha culler de prata.

Vapores ingleses do século XIX

Este ano avanzouse nunha faceta que non fora abordada ata este momento, nin nesta campaña, nin practicamente en augas españolas en tarefas de arqueoloxía subacuática. A comunicación por parte de pescadores do porto de Fisterra da presenza de elementos que puidesen ser buques afundidos, levounos a ampliar o rango de profundidades nos que ata agora se viña desenvolvendo o proxecto. Así se documentaron varios vapores de finais do século XIX e principios do século XX en profundidades ata os 54 metros. Estas inmersións precisan de medios diferentes aos utilizados ata agora, que levan consigo o emprego de gases respirables diferentes ao aire comprimido e equipos especiais para traballar ás devanditas profundidades. Estes pecios forman parte do Patrimonio Histórico Español por canto permaneceron máis de cen anos somerxidos, segundo establece a Convención da Unesco sobre a Protección do Patrimonio Cultural Subacuático subscrita por España.

Esta nova metodoloxía de investigación en augas máis profundas deparará novos resultados, pois ata o momento ninguén se mergullou en tales pecios e estes se achan intactos para a investigación.

Cairos de elefante

Entre os resultados máis significativos de todas as campañas realizadas ata agora no marco do presente proxecto, destaca a localización dun naufraxio no cabo Fisterra que conserva o que sen dúbida é o cargamento máis rico localizado nunca en augas españolas en arqueoloxía subacuática. Trátase dun vapor proveniente de África no que se conservan numerosas xoias, pedras semipreciosas e outros elementos suntuarios pertencentes aos seus pasaxeiros, ademais dun número significativo de moedas de prata e cobre. Numerosos obxectos provenientes da vida a bordo de pasaxeiros e tripulantes son de destacar entre as pezas recuperadas.

Do seu cargamento podemos destacar a presenza dun elevado número de cairos, ou defensas, de elefante, cuxa cantidade total non pode establecerse totalmente por canto este buque non puido ser estudado ata o momento en profundidade nin recuperado a maioría do seu riquísimo cargamento.

Presentación en sociedade

A presentación dos resultados contou hoxe coa participación do director xeral do Patrimonio Cultural, José Manuel Rey Pichel, a delegada territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Belén do Campo e o director das prospeccións, Miguel San Claudio.

Estes traballos foron promovidos pola Xunta de Galicia e o Ministerio de Cultura ao abeiro do convenio de colaboración asinado en setembro de 2010 e presupostado en 75.000 euros para o desenvolvemento do Plan Nacional de Protección do Patrimonio Cultural subacuático. No marco deste convenio e a maiores das actuacións levadas a cabo na ría de Vigo, entre finais deste mes de setembro e principios do mes de outubro executaranse outras actuacións arqueolóxicas nas rías de Viveiro e Ribadeo

Expectación internacional

Estes traballos espertaron interese internacional, non só pola existencia dunha flota pertencente a unha época tan importante desde o punto de vista da historia naval, senón en xeral pola riqueza de naufraxios de todas as épocas localizados no ámbito do cabo Fisterra. Deste xeito, os traballos contaron coa participación dun doutorando do departamento de antropoloxía a Universidade de Texas e unha investigadora do Hellenic Institute of Maritime Archaeology. Asemade, o estudo dos buques da frota de 1596 entra de cheo dentro do ámbito de investigación do departamento de antropoloxía da University of Texas, A&M. Na actualidade estase a estimar a colaboración do proxecto en estudos da madeira dos pecios a través do Centro Holandés de Dendrocronoloxía, Fundación Ring.

O proxecto, ademais, vén colaborando dende hai varios anos co Departamento de Ciencia dos Materiais e Enxeñaría Metalúrxica e Química Inorgánica da Universidade de Cádiz, no estudo e análise da composición dos forros de cobre presentes en varios dos buques afundidos. Por outra banda, os traballos serán presentados, nun relatorio, no 4º Congreso Internacional de Arqueoloxía que se celebrará en Zadar, Croacia do 28 de setembro ao 2 de outubro.

Novas relacionadas

A Cara máis íntima do naufraxio

Máis novas de naufraxios

Artigos relacionados

Fonte

  • Nota de prensa da Consellerá de Cultura e Turismo.
Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/costa-da-morte/4-novos-tesouros-en-forma-de-pecios-na-augas-da-ria-de-corcubion/20110913170528068723.html


© 2019 que pasa na costa

COPYRIGHT 2019 QUE PASA NA COSTA