Venres. 19.04.2024
El tiempo

45 anos de fútbol costeiro en NY

45 anos de fútbol costeiro en NY
Imaxe do CD Ibeira do ano pasado, conxunto formado por emigrantes galegos e da Costa da Morte en Nova York

Xa coñecemos a longa historia da emigración carnotá en Nova York gracias á serie de artigos De Carnota a Astoria de Manuel Vilar. E pouco a pouco imos coñecendo pedazos da historia costeira nos EEUU. Hoxe o facemos a través do fútbol, da man do Presidente do C.D. Iberia, David Lago, que nos como nos conta, o clube afronta o seu 45 aniversario.

I é que falamos dunha historia única: un equipo de futbol formado por galegos en Nova York con 45 anos de historia. O Club Deportivo Iberia fundouse en Astoria (como non, que diría Vilar), no corazón de Nova York, en agosto de 1967, por un grupo de amigos galegos. Durante os últimos 45 anos o equipo foi o que representou a colonia española na gran mazá.

De Carnota e Muros a NY

Os vínculos do CD Iberia ca Costa da Morte son moitos, se ben durante décadas xogadores nados na nosa bisbarra ou fillos de emigrantes foron os protagonistas. Por exemplo, o pai do propio David Lago é de Serres-Muros. A día de hoxe hai ata 7 xogadores da Costa da Morte, como Antonio Trillo (Pedrafiguera-Carnota), Juan Lago (Muros), David Formoso (Serres-Muros) ou Cristian Sande (Muros). Mesmo dous dos mellores xogadores que teñen xogado son de Carnota como son Pablo Trillo (Pedrafiguera-Carnota) e Oscar Leis (Carnota). Os dous xogaron na 1ª División da Universidad (NCAA) pero por mor das lesións e atender os estudios post-graduados xa non poden xogar.

Non quedan aí os nomes coñecidos no fútbol da Costa. Algún dos que participaron co Iberia aínda anda polos campos da Costa como o muradán, agora no Soneira, Bibi. Tamén pasou por alí Ruben (porteiro de Muros que xogou no Noia), Bernardo e Juan Carlos Rama (Louro) e Barullo (Tal-Esteiro).

A vinculación é tal, que hai algún xogador que participa no tremendamente coñecido Campionato de Barrios de Esteiro todos os veráns cando están de vacacións, e que este ano, na 35 edición, quedou nas vitrinas dos Ciclóns .

Unha cea para o 45 aniversario

O equipo mantense a base de patrocinadores que adoitan ser empresas, restaurantes, etc., dirixidos por galegos fincados en Nova York. Todos os anos celébrase a cea de aniversario nos salóns de Casa Galicia, a cal é a sede oficial do equipo para reunións da directiva, e como non, para comer un petisco ou ver os partidos da liga española. Nos últimos anos asistiron unha media de máis de 200 persoas ás ceas, que serven como outra fonte de ingresos importantes.

A de este 2012 , a cea do 45 aniversario celebrarase o 20 de outubro na Casa Galicia de NY. Os organizadores esperan que asistan ao redor de 250 persoas.

Un equipo de éxito

Sobre o céspede o C.D. Iberia tamén é un referente na Cosmopolitan League (a liga máis antiga dos Estados Unidos. Ten títulos nas súas vitrinas como a "Knickerbocker State Cup" (a Copa do estado de NY) en 1972, se ben no 2010 quedou subcampión, perdendo na final a penaltis. Gañou a liga de Segunda División dúas veces e a de Terceira División en tres ocasións.

Así, no ano 2000 ascendeu á prestixiosa Primeira División da Liga Cosmopolitana, na cal a maioría dos outros equipos contaban con xogadores semi-profesionais. Os primeiros anos nesta categoría foron difíciles porque no C.D. Iberia non paga aos xogadores e os custos dos campos, seguros, etc., eran altísimos. Pasaron 11 anos en 1ª División e chegaron a quedar subcampións do seu grupo no 2007-2008.
Durante estas campañas difíciles en 1ª División houbo que traer a xogadores estranxeiros de orixe Italiana, Arxentino, Nixeriano e algún Serbio para poder competir. Neste período o equipo foi perdendo a súa esencia galega dentro do campo, aínda que fóra, todos os directivos seguiron sendo galegos.

Descenso obrigado e volta ás orixes

Ao acabar a tempada 2010-2011 a directiva do club decidiu voluntariamente baixar de 1ª a 3ª División e xogar cun persoal integramente formado por galegos. "A decisión foi difícil porque loitamos moito durante anos para chegar e manternos en 1ª División pero ao final non estabamos representando á colonia galega/española como era a intención", recoñece o presidente Lago. Dentro do campo o equipo liderado por Carlos "Chiki" Vazquez, procedente de Ramiras-Ourense (O pichichi da liga con 17 goles), Andrew Rodríguez (Celanova) e Cristian Sande (Muros) quedou campión de liga con 9 puntos de vantaxe nunha liga moi igualada, e na cal participaron equipos como o filial do mítico NY Cosmos. O persoal está formada por 22 xogadores, dos cales 18 son galegos (algúns nados en Nova York de pais inmigrantes e outros nados en Galicia) 1 santanderino, e 3 americanos que levan moitos anos co club e están casados con galegas ou en busca dunha. Os nosos xogadores proceden de todas partes de Galicia, concretamente de Muros, Ribeira, Carnota, Santa Corda, Celanova, A Rúa de Valdeorras, Serra de Outes, Portosin, Quiroga e Castro Caldelas.

Logo dunha tempada moi exitosa o equipo decidiu quedar un ano mais en 3ª División, renunciando ao ascenso para asentarse economicamente e seguir formando a promesas galegas. A directiva actual esta formada por algúns dos fundadores iniciais que son Jose Cajigal e Carlos Méndez. Estes dous señores levan 45 anos traballando e loitando para que non se acabe o seu pequeno soño galego en Nova York. A nova xeración de directivos que decidiu volver ás súas orixes galegas son un grupo de amigos novos que roldan de 25 a 30 anos, e que levan entre 10 e 15 anos no club (no Iberia a maioría dos seus xogadores empezan con 16 anos). Actualmente e equipo é liderado por David Lago, Diego Monteagudo, Juan Lago, Carlos Vazquez e varios máis.

A polos 50 anos e unha xira galega

O propio David Lago conta con ilusión o futuro do clube: "O Club Deportivo Iberia é un equipo forte de xogadores unidos, e esperamos chegar a celebrar o noso 50 aniversario en 5 anos. Durante os próximos anos tamén se está planeando a posibilidade de facer unha xira por Galicia e xogar algúns partidos amigables de pretemporada con equipos dos pobos dos nosos xogadores". Agardamos pois poder velos nos vindeiros anos nun torneo de verán cos equipos de Carnota e Muros.

"De Carnota a NY", con Manuel Vilar

Outras novas

Fonte

  • Redacción de QPC ([email protected]).
  • Información e foto da man de David Lago, Presidente, C.D. Iberia.

Comentarios