Venres. 29.03.2024
El tiempo

75 traballadores de Ferroatlántica arrincaron a marcha reivindicativa a pé cara Compostela

75 traballadores de Ferroatlántica arrincaron a marcha reivindicativa a pé cara Compostela
[fbvideo link="https://www.facebook.com/concellocee/videos/1523259131082274/" width="800" height="500" onlyvideo="1"] Alí saíron este mércores 5 de xullo, xa ás 8:00h da mañá, camiño de Compostela. Unhas 75 persoas, case todos traballadores das fábricas de Ferroatlántica de Cee e Dumbría (uns tirando de horas sindicais e outros que aproveitan así as súas vacacións ou días libres), arrincaban esta camiñata reivindicativa contra a segregación das actividades e a venda das centrais hidroeléctricas de Cee e Dumbría. Facíano dende Concello ceense acompañados do alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño, e a voceira nacional do BNG, Ana Pontón. Farán o Camiño de Santiago ao revés en 4 etapas baixo o lema “As nosas centrais non se venden. Evitemos o espolio dos nosos recursos naturais”. Esta primeira etapa concluíu coa recepción oficial Concello de Mazaricos, que estaba prevista para as 16:00h, pero dada a boa marcha foi adiantada ás 13:30h. Algún quedará a durmir na Picota e outros voltarán a casa. A mobilización, convocada polo comité de Ferroatlántica de Cee, Dumbría e CCHH, é, segundo afirmaba á saída o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, “unha marcha pola dignidade, contra a colonización e en defensa do emprego”. Dende o Comité valoran moi positivamente a cifra de participantes, tendo en conta que pola semana moita xente traballa e non pode facer unha ruta coma esta. “Para a última etapa, a do sábado de Bertamiráns a Santiago, si que esperamos que veña xente acompañarnos, para entrar e Compostela con máis forza”, uníndose así ás 12:00h na Alameda ao comezo da gran manifestación polas rúas da capital do país. Actitude do PP No decurso desta primeira etapa, Paulo Carril - secretario xeral da CIG - denunciou que “estamos, con esta mobilización, denunciando tamén a actitude do goberno do PP, que abandona á súa sorte aos galegos e galegas, neste caso da Costa da Morte, por non ser claro e contundente, como levamos pedindo desde a CIG cos traballadores/as desde hai moitos meses, contra o intento de venda das centrais hidroeléctricas por parte de Villar Mir”. Para o secretario xeral da CIG este é un exemplo claro “do que é a espoliación dos nosos recursos naturais, do que é a colonización de Galiza, e para mellor gloria e fortuna, neste caso de Villar Mir, un exemplo de cómo se utilizan os nosos recursos naturais para enriquecer grandes fortunas españolas e para crear emprego fóra do noso país”. Por iso considerou que esta é “unha marcha de dignidade, contra a colonización e unha marcha pola defensa do emprego ao que emprazamos a todos os galegos e galegas, a todos os traballadores/as porque o que nos estamos a xogar é se os nosos recursos naturais reverten na creación de emprego e na industrialización da nosa nación ou serven para seguir constatando exemplos de espoliación e colonización dos nosos recursos”. “Cos postos de traballo non se xoga” Pola súa banda Afonso Mouzo, portavoz do comité, lembraba que xunto coa CIG, o persoal de Ferroatlántica leva sete meses continuados de loita e aseguraba que con esta mobilización agardan “facerlle ver ao presidente da Xunta que cos postos de traballo da comarca non se xoga”. Mouzo lembrou tamén que Núñez Feijóo se comprometera a pronunciarse no mes de xuño pero “estamos a 5 de xullo e aínda estamos esperando a que se pronuncie”. Considerou que esta actitude da Xunta débese a que “ten coa empresa medios cambalaches” e asegurou que “non é de recibo que teña a 400 familias directamente afectadas” e manteña, aínda así, o silencio. Chamamento a todas as galegas e galegos O portavoz do comité fixo un chamamento a todos os galegos e galegas a mobilizarse diante deste “espolio” de recursos. “Fixéronse encoros nos ríos para abastecer as fábricas de ferroaleación cando son de todos os galegos e galegas, non de Villar Mir”, asegurou e concluíu afirmando que “non hai ninguha lei que lle permita a Villar Mir vender os ríos por 255 millóns de euros. Iso é un atraco a todos os galegos/as”. [fbvideo link="https://www.facebook.com/cigconfederacionintersindicalgalega/videos/819388028211818/" width="800" height="500" onlyvideo="1"] Parada na fábrica de Dumbría para facer foto de familia dos traballadores de Ferroatlántica en marcha reivindicativa Parada na fábrica de Dumbría para facer foto de familia dos traballadores de Ferroatlántica en marcha reivindicativa ANAPONTON NA MARCHA TRABALLADORES FERROATLANTICA marcha a pe Ferroatlantica por Dumbria Chegada a mazaricos da marcha a pe dos traballadores de Ferroatlantica Á 13:30 tiña lugar a chegada a Mazaricos da marcha a pe dos traballadores de Ferroatlantica [fbvideo link="https://www.facebook.com/concello.demazaricos/videos/1499265723463792/" width="800" height="480" onlyvideo="1"]

Autobuses a Compostela

Buses para a Manifestacion de ferroatlantica do 8 de xullo Para a cita do sábado os Concellos de Camariñas, Carnota, Cee, Corcubión, Zas, Dumbría, Fisterra, Mazaricos, Muxía e Vimianzo están xestionando autobuses. Poden anotarse antes do 6 no 649 09 87 81.  

Novas do #CasoFerroatlántica

Artigos relacionados

  Fonte Redacción QPC ([email protected]).

Comentarios