Venres. 19.04.2024
El tiempo

A ANPA do CEIP de Malpica esixe unha solución aos problemas de persoal

A ANPA do CEIP de Malpica esixe unha solución aos problemas de persoal

Continúan facéndose efectivos os recortes no ensino, e continúan os pais e as nais dos centros da volta decatándose dos perxuizos. Hoxe é a ANPA Ventorrillo, do CEIP Milladoiro de Malpica a que envía un comunicado denunciando os problemas de persoal do plantel, tanto de gardas como de persoal administrativo, unha vez que xa non existe a figura do conserxe.

Preguntaron na Xunta, preguntaron na Consellería, pero un polo outro e a casa sen varrer. Esixen unha solución xa que non impida o devir da actividade normal, e ameazan con mobilizarse.

Carta da Anpa Ventorrilo do CEIP Milladoiro de Malpica

Desde hai uns anos, o noso alumnado, igual que o do resto de Galicia, vén sufrindo os recortes de profesorado que, ademais do lóxico efecto na calidade do ensino en xeral, afecta en particular aos centros de primaria. Isto é porque ademais de reducirse case a cero o número de horas de gardas de dirección tampouco dispoñen, como si sucede nos de secundaria, de persoal administrativo.

Os centros en que, ademais, carecen de conserxe, atópanse con que nunha parte importante do seu horario lectivo non hai ninguén que poida, poño por exemplo, abrir a porta a unha nai ou a un pai que acuda para comunicar calquera problema ou levar calquera documento; ninguén que se achegue para levar o correo ordinario á oficina correspondente, mesmo ninguén que poida responder o teléfono en moitos casos.

Desde a nosa ANPA requerimos información e todo o mundo tira a pelota no tellado do outro: o concello non pode contratar sen ter a asignación correspondente da Xunta e a Xunta di que ese é persoal dependente do concello, pero este afirma que a contía económica debe ser enviada desde a Xunta.
E así, a casa sen varrer e nós e o noso alumnado sen atender eficazmente. Nós consideramos que alguén ten que poñer solución XA.

En primeira instancia esiximos ao goberno municipal de Malpica que realice as tramitacións precisas e nos defenda ante a consellería ou consellerías correspondentes; é obvio que cando non existe unha partida pero urxe unha solución para calquera asunto... créase. Vémolo cada día en situacións en que se detecta unha carencia que afecta aos cidadáns de xeito prolongado. E a educación dos nosos fillos e fillas é, desde logo, un asunto vital e urxente para nós. Non queremos agardar un curso escolar máis, nin dous. Todos sabemos que con vontade política case todo se pode axilizar.

Ademais esiximos tamén da Xunta que aprobe as modificacóns precisas para que os centros de ensino non vexan aínda máis mermada a súa actividade e a súa capacidade de funcionamento, que afecta de xeito moi directo ao alumnado e de xeito indirecto a toda a comunidade educativa e ao pobo de Malpica en xeral.

Ou é que sempre teremos que manifestarnos, facer sentadas, berrar e aparecer en portada da prensa para que se escoite a nosa opinión e as nosas peticións sexan atendidas debidamente?
Se é preciso, farémolo.

  • ANPA Ventorrillo do CEIP Milladoiro de Malpica.

Novas relacionadas

Máis novas sobre a loita contra a LOMCE

Fonte

Comentarios