Xoves. 25.04.2024
El tiempo

A Asociación de Amas de Casa: 25 anos ao servizo das mulleres e do Concello de Mazaricos

A Asociación de Amas de Casa: 25 anos ao servizo das mulleres e do Concello de Mazaricos
Facemos propio o artigo-homenaxe de Suso Jurjo destes días nas redes, despois da celebración da Gala dos seu 25 anos.

A Asociación de Amas de Casa: 25 anos ao servizo das mulleres e do Concello de Mazaricos

Imaxe dun dos grupos de pandereteiras da Asociación de Amas de Casa en 2009 Imaxe dun dos grupos de pandereteiras da Asociación de Amas de Casa en 2009 “As mulleres de Galicia son as máis traballadoras: fan o caldo, van á feira e tamén son labradoras” Traballo, traballo e traballo. E a pesar de traballar máis cós homes, social e legalmente viviron sempre nunha posición subalterna. Menosprezadas polo machismo máis feroz, polo patriarcado máis rancio que, por un lado, aproveitábase delas canto podía, e polo outro, negáballe toda capacidade de decidir sobre si mesmas. Vivían, segundo fora a súa situación familiar, unicamente en función dos intereses de seu pai, de seus irmáns, do seu marido ou dos seus fillos. Coa chegada da democracia esta situación empezou a mudar grazas á loita das propias mulleres. Unha loita que continúa porque o camiño andado é importante, pero aínda queda un bo treito para que, máis alá das boas intencións da lexislación vixente, a súa situación sexa dunha verdadeira igualdade. Hai 25 anos dende Mazaricos, un grupo de mulleres constituíron a ASOCIACIÓN DE AMAS DE CASA DE MAZARICOS, co obxectivo de contribuír co seu esforzo a que a metade da nosa poboación, as mulleres, tiveran os dereitos, a consideración e a presenza que lle correspondían en tódalas esferas da vida social. Para conseguir estes obxectivos dende os primeiros momentos abriron varias frontes de acción: A programación de charlas e conferencias sobre os temas máis variados: alimentación, consumo responsable, saúde, condución segura, música popular,… A organización de cursos de cociña, de manualidades, de diferentes técnicas relacionadas cos tecidos,… Fixeron e fan excursións nas que percorreron unha boa parte de Galicia. E tódolos anos organizan unha festa de confraternidade para tódalas persoas que forman parte da Asociación. Tamén dende os primeiros tempos colaboraron na organización da maioría das actividades culturais de carácter municipal: Festivais de disfraces de Entroido, Festivais de Nadal, Día da Letras Galegas, Festas patronais,… Se a Asociación Neria en colaboración co Concello organizaba unha peregrinación para promocionar o Camiño de Santiago a Fisterra, alí estaba a Asociación de Amas de Casa de Mazaricos agasallando co seu bo facer aos camiñantes. No ano 2009 o Concello de Mazaricos irmandouse cunha localidade do norte de Italia: Rudiano. Unha delegación de veciños e autoridades deste pobo visitaron Mazaricos e organizáronse unha serie de actividades no seu honor. Naqueles actos a Asociación brillou con luz propia. Se alguén tiña dúbidas da importancia do traballo que estaban realizando, naquelas xornadas quedou claro que eran imprescindibles para que as cousas lograran o éxito desexado. Entre tódalas súas colaboracións temos que destacar unha que empezou de maneira humilde pero, ano tras ano, foi levedando ata colocarse entre as citas ineludibles do noso calendario festivo. Refírome á Festa de Bolo do Pote. Foi alá polo 1998 cando xurdiu a idea de organizar unha festa gastronómica arredor dos tradicionais e bastante esquecidos, daquela, bolos do pote. Ao ano seguinte celebrouse a primeira edición grazas ao traballo desinteresado das Amas de Casa, neste caso contaron coa axuda das Asociacións de Hostaleiros e de Veciños da Picota, e co apoio económico do Concello. Traballo que moitas veces tiveron que realizar en moi malas condicións e traendo elas das súas casas: isto, aquilo e aquilo outro. Nestes mesmo ano unha pequena delegación desta Asociación presentou o noso produto no Salón Internacional do Turismo Gastronómico de Ourense, con grande éxito de crítica e público. Imos pola 18 edición e medrando. Deixo para o remate a actividade na que máis traballaron, na que puxeron máis esforzo, máis sensibilidade, a nena bonita de tódalas súas accións nestes 25 anos: a recollida, ensinanza e difusión da nosa música tradicional. Foi no ano 1994, durante o primeiro e longo mandato de Carmen de Vinculeiro como presidenta, cando se abriu este camiño, coma a maioría dos camiños polos que seguiu transitando a asociación ata o día de hoxe. Ante o abandono que sufrían no noso Concello este tipo de actividades, miraron de implicar as persoas necesarias para que esta realidade mudara: buscando rapazas e rapaces, mozas e mozos que quixeran aprender a cantar, bailar e tocar a pandeireta; procurando o profesorado que se encargara do ensino destas materias e que se axeitara ás peculiaridades horarias da nosa xente; e buscando os locais nos que puideran ter lugar os ensaios, naquela época nin sequera isto era fácil. No ano 1997 presentáronse oficialmente os primeiros grupos nun festival que sobre este tipo de música se organiza en Negreira, no que conseguiron o 3º premio. Aquel recoñecemento foi un importante estímulo que confirmaba que vogaban pola ruta correcta e que o seus esforzos empezaban a dar froitos. O grupo XIADA, unha das numerosas pólas que formaban parte da árbore musical da Asociación, neste caso composto polas mozas pandereteiras, no ano 2001 e coa colaboración do Concello saca un CD: MÚSICA EN MAZARICOS. O que nos demostra o alto nivel de calidade á que chegara por aquelas datas. Dende o 2004 e ata este último ano, organizan nos veráns o DÍA DA NUIÑEIRA, onde ademais de intervir tódolos seus grupos, actúan outros moitos de diferentes lugares de Galicia. Por aqueles anos tamén ampliaron a súa oferta formativa a tódalas idades: tendo grupos de nenas e nenos, mozas e mozos, adultos e maiores. Un enchente de creatividade musical que honra o nome de Mazaricos por onde queira que vaia actuar. No ano 2009 e grazas a Felisa Segade, a profesora de pandeireta, un grupo de cinco nenas, naquel momento das máis pequenas, participaron no proxecto da Asociación de Gaiteiros de Galicia, 13 LÚAS, sobre as cancións do ciclo anual galego, e do que editaron un libro CD/DVD. O Día de Galicia celebrado en Madrid o ano 2013 tivo de convidadas especiais ás mozas e mozos de baile e pandeireta, ofrecéndolle aos veciños da Vila e Corte unha singular mostra dos nosos ritmos e das nosas cantareas tradicionais. No verán de 2015 organizaron no santuario da Romaxe a 1º FOULIADA DE MAZARICOS, na que participou un bo mando de agrupacións, de aquí e de fóra de aquí, que teñen o seu norte na música galega. Neste último curso, ademais das modalidades de baile e pandeireta de anos anteriores, ampliaron as ensinanzas con clases de gaita, percusión e acordeón. Todo un mundo do que pronto veremos logrados froito Os grupos de música tradicional que durante estes anos foi formando a Asociación tamén representaron ao noso Concello en diferentes programas televisivos que, dun xeito ou doutro, trataban sobre Mazaricos: Galicia Enteira, Galicia para o Mundo, Grandes Lugares,... A dotación de traxes axeitados para tódolos compoñentes dos diferentes grupos, é outra das parcelas nas que traballou e segue traballando a Asociación e unha das teimas más enriquecedoras do actual profesor de baile: José Codesido. Vestir adecuadamente cada unha das súas creacións arrequenta moi positivamente o resultado final. Dende aquel primeiro grupo de mulleres presidido por Carmen de Vinculeiro (Carman Cancela García) ata este último dirixido por Laura de Colúns (Laura Prado Lado), pasando polas que entremedias tiveron esta mesma responsabilidade: Esther do Canillo (Esther Muíño Silva), Manola do Cuíña de Sanfoga (Manuela González Maceiras), outra vez Carmen de Vinculeiro, e Irene de Ventura (Irene Atán García), todas traballaron arreo para manter en pé a Asociación e para cumprir os obxectivos que se marcaran dende a súa orixe. Nesta longa tarefa, ademais da implicación de todo o alumnado e das distintas directivas, foi importante a participación dos pais dos rapaces, levándoos e traéndoos cando fixo falla, e dos diferentes profesores e profesoras que, dende o inicio desta actividade, non escatimaron esforzos para vencer os atrancos que foron aparecendo polo camiño. En fin, a Asociación de Amas de Casa de Mazaricos é unha institución fundada, constituída e xestionada por mulleres. E en contra da inxusta fama que teñen as mulleres de levarse mal entre elas, é a asociación que mellor funciona e a que máis leva traballado polo benestar do noso Concello. “Arriba pandeiro duro, abaixo manta mollada; onde estean as mulleres os homes non valen nada” Unha boa mostra do esforzo e da dedicación que pon a Asociación en tódalas cousas que fai, tivémola este sábado pasado na Gala que organizaron na Casa de Cultura da Picota para conmemorar estes primeiros 25 anos. Foi un acto cargado de emoción onde tódolos participantes deron o mellor de si mesmos para que todo saíra á perfección. Todos e todas puxeron a entrega e a paixón necesarias para que o resultado fora óptimo: dende a nena máis pequena ata Tania Fuegho, que presentou a gala co saber, a graza e o enxeño que lle valeron os éxitos que semana tras semana colleita no LUAR, o programa de máis audiencia da Televisión de Galicia. Só me resta darlle as grazas e felicitalas por esta brillante traxectoria e desexarlles que sigan por este camiño durante moitos, moitos anos máis. No apartado gráfico ofrecemos a imaxe dun dos grupos de pandereteiras da Asociación de Amas de Casa, neste caso acompañadas polo gaiteiro José Baña Atán, actuando na recepción que o Concello de Mazaricos lle fixo aos veciños e autoridades de Rudiano no ano 2009.  
  • Suso Jurjo, técnico de Cultura do Concello de Mazaricos.
 

Novas relacionadas

Outras reportaxes mazaricás de Suso Jurjo

Novas relacionadas

Fonte

  • Suso Jurjo para o Concello de Mazaricos.

Comentarios