Martes. 23.04.2024
El tiempo

A compra do terreo pon en xaque a festa da Carballeira de Baio

A compra do terreo pon en xaque a festa da Carballeira de Baio
festa-carballeira-baio O último domingo de xuño célebrase na Carballeira de Baio unha festa de merendas organizada pola asociación cultural Adro Se algo sinten como seu os veciños e veciñas de Baio é a festa da Carballeira; unha romaría á que asisten todas as familias da vila cada último domingo do mes de xuño. A celebración ten lugar na devesa "de Astray", uns propietarios que levan anos cedendo o terreo para tal fin. Coa intención de preservala, o concello de Zas viu a necesidade de mercar este espazo natural; algo que non sentou moi ben entre algunhas partes. "É unha carballeira única na Costa da Morte que a día de hoxe ten moitos carballos enfermos. A nosa intención é conservala para evitar a súa desaparición xa que salta á vista que necesita un plan de saneamento, de recuperación e de rexeneración", sinala Manuel Muíño - alcalade de Zas -. Un dos molestos coa decisión do equipo de Muíño é o grupo municipal do partido Popular - liderado por David Gómez - quen acusa ao alcalde de "crear un problema veciñal onde non o había co seu capricho de adquirir para o municipio os terreos da Carballeira de Baio". “Non hai necesidade ningunha de que o concello entre nunha disputa coas familias propietarias destes terreos”, asegurou o popular tras coñecer que o executivo local está disposto a iniciar o proceso de expropiación no caso de que as donas non accedan ás condicións de compra que fixa o goberno local. “Todos sabemos que hai maneiras de poder taxar este terreo doutra maneira”, dixo Gómez, quen incidiu en que, de non ser así, ou de non querer facelo así, o concello non debería iniciar o proceso de expropiación e crear un problema onde non existe. “Hai suficientes necesidades que atender e problemas que resolver como para que o alcalde pretenda gastar o diñeiro dos veciños nun capricho seu”, lamentou o popular quen fixo fincapé en que o goberno municipal conta cos cartos para pagar un prezo xusto polos terreos. Contradiccións Para o alcalde de Zas, Lolo Muíño, estas acusacións do partido Popular son contradictorias xa que "di que é un capricho, pero, que lle temos que pagar máis polo terreo". "A nosa sorpresa é que un concelleiro defenda os intereses privados frente os intereses públicos", sinala Muíño. En canto ás negocións pola adquisición do terreo, o alcalde de Zas aclara que unha administración non pode negociar igual que o faría un comprador privado. "Hai un prezo de taxación que non se pode mover e se o propietario non está de acordo con ese prezo - algo que o alcalde considera totalmente lícito - a administración conta co mecanismo da expropiación", aclara Lolo Muíño. O prezo de taxación estipulado é algo máis de 3€ por metro cadrado o que suporía comprar o terreo da Carballeira por uns 30.000€. Organización da festa Dende a asociación cultural Adro - entidade encargada de organizar a festa - esperan que as dúas partes implicadas (propietarios e concello) resolvan as diferenzas para poder organizar a festa. Polo momento, contan co "non" das propietarias, xa que se negan a ceder o terreo para a romaría deste ano a non ser que o concello lle ofreza un valor máis alto. "Estamos dispostas a vender sempre e cando se nos ofreza un prezo normal", sinala Mª del Carmen Astray, unha das propietarias da Carballeira. "A nosa condición é que o alcalde de Zas fale con nós e que cheguemos a un acordo polo ben de todos. De non ser así, este ano non cederíamos o terreo para celebrar a festa", indica Mª del Carmen Astray. Ao respecto, Lolo Muíño aclara que "o concello apoiaría a Adro se decide trasladar a festa a outro espazo, como podería ser Pedra Vixía" pero non está de acordo con que a celebración da festa ou a non celebración se use como forma de presión para as negociacións. Diferenzas a parte, Adro conta cuns prazos límites para a organización da festa que este ano pasaría pola súa 37 edición.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios