Venres. 29.03.2024
El tiempo
Domingo Guerra
07:38
12/01/18

A conta (413) «Acredores por operacións pendentes de aplicar ao presuposto»

A conta (413) «Acredores por operacións pendentes de aplicar ao presuposto»
O Ministerio de Hacienda y Administraciones Públicas colgou, na súa páxina web (www.minhafp.gob.es), os datos obtidos ata o día 22 de decembro de 2017 do saldo da “conta 413” de todos os municipios de España que remitiron esa obrigatoria información. Nesta conta, como indica a súa denominación, rexístranse as cantidades pendentes de imputar ao presuposto, é dicir, as facturas carentes de cobertura orzamentaria por non axustarse aos requisitos legais de aprobación do gasto. Excepto Corcubión, Dumbría, Fisterra, Malpica, Mazaricos e Zas, é dicir, 6 dos 18 municipios que configuran Quepasanacosta, todos os demais concellos enviaron ao Ministerio de Montoro información declarando a existencia, en maior ou menor contía, deste irregular tipo de operacións. Porque, como se acaba de resaltar, trátase de obrigas respecto das que non se ditou o correspondente acto formal de recoñecemento e liquidación, pero que, ao proceder da realización de gastos ou prestación de servizos a favor do concello, deberán terse en conta para non desvirtuar as magnitudes económicas, orzamentarias, patrimoniais e financeiras da entidade local. Como se pode comprobar na táboa adxunta, os importes máis elevados das obrigas pendentes de aplicar ao orzamento dos nosos concellos corresponden a Laxe (1.231.763,71 euros), Ponteceso (1.925.983,01 euros) e Coristanco (2.487.451,58 euros), situación que se debería corrixir con urxencia, porque deste incumprimento especialmente preocupante poden derivarse responsabilidades das que, por certo, non son alleos os 9 restantes municipios. Porque se incumpriron os principios orzamentarios de limitación cuantitativa, cualitativa e temporal dos créditos do presuposto de gastos, evidenciando deste xeito a práctica incorrecta de executar gastos sen consignación orzamentaria e facendo que a valiosa función do orzamento, como instrumento de xestión e control da actividade económico-financeira da entidade local, adquira unha importancia cada vez menor. E iso, como cidadáns, non o debemos consentir.  
  • Domingo Guerra ([email protected]). Economista. Especialista en economía pública e política económica pola USC.
 

Outros artigos sobre Economía Municipal de Domingo Guerra

Fonte

Comentarios