Mércores. 24.04.2024
El tiempo
Alberto Pose
09:39
25/12/13

A conta atrás do R.C. Deportivo

A conta atrás do R.C. Deportivo
Pablo Varela repasa aos candidatos a Presidencia do Deportivo
  • Esta crónics foi redactada antes da retirada de Lendoiro da carreira electoral.

Old Trafford. Olímpico de Múnich. San Siro. O antigo campo de Highbury. Tamén Delle Alpi.
Prazas míticas na cúspide do fútbol europeo. Todas elas coñeceron e sufriron nun momento determinado a un pequeno conxunto ataviado de branco e azul que, a miúdo, parecía revivir o espírito irredutíbel da aldea gala de Astérix e Obélix. Un legado imborrábel que moitos afeccionados repartidos por distintos puntos do mundo suspiran por devolver a Riazor.

Agora, o reto é moi distinto. O Deportivo afronta o futuro cunha carga de incerteza que emana, en parte, dunha herdanza fundamentada naqueles anos de grandeza. Os recordos dun tempo mellor nunca quedan atrás, pero o prezo a pagar na actualidade tamén deixou un cansazo físico e mental en moitos dos protagonistas daquela época. Incluído o deportivismo.

É complicado atopar o lado amábel a un proceso electoral onde poucos actores están á altura das circunstancias. Non obstante, Fernando Vázquez e os seus xogadores tomaron un camiño alternativo ó que o conxunto branquiazul estaba acostumado os derradeiros anos. Segue a ser costa arriba, pero agora hai un guía que mide pasos, consecuencias e xera consenso entre a afección. Un cravo ardendo ó que aferrarse en tempos difíciles. O próximo paso é que a candidatura que saia vencedora das eleccións do próximo xaneiro saiba complementar e fortalecer o traballo da área deportiva do clube.

As eleccións, importantes. O proxecto de futuro, indispensábel

O 31 de xullo deste ano, o Deportivo parecía abocado a asumir un cambio de rumbo definitivo ou a perderse na espiral autodestructiva xerada tempo antes. Houbo un tempo no que o fútbol español era o que o continente americano no seu momento: a terra das oportunidades. O Deportivo apostou forte e, sen dúbida, acadou respecto e éxitos, pero no Far West sempre fai falla unha bala na recámara. Agora, a Liga seméllase máis ó Sáhara, e o oasis só está ó alcance daqueles que basean a súa resistencia no amplo das súas arcas.

Por iso, as miradas de gran parte do deportivismo observan case de esguello a traxectoria do equipo –en parte pola tranquilidade que aporta a presenza do técnico de Castrofeito- e centran directamente as súas miradas na convocatoria electoral que terá lugar a inicios do ano que vén.
Poucos haberían imaxinado un proceso desta índole, onde a polémica vai disfrazada a miúdo de emoción, cando precisamente é o máis contraproducente. Coa presenza segura de Lendoiro tralas súas declaracións o pasado mes de agosto, foron aparecendo paulatinamente outros candidatos que, en maior ou menor medida, demostraron que hai alternativas de cara a xestionar a entidade. Sen embargo, o que nun principio puido considerarse como unha ocasión para endereitar o rumbo da nave e devolver a ilusión ós seguidores pasou a ser un doce indixesto.
Un doce demasiado tentador para algúns medios e particulares que perderon a capacidade de mostrar a neutralidade básica nos principios do xornalismo. Pode e débese informar, si. Pode e débese establecer unha visión crítica, tamén. Pero nunca en base a uns intereses determinados.

A oferta electoral foi máis ampla do agardado e moi interesante á hora de analizar os contidos dos proxectos de cada candidato. Paco Zas foi o primeiro en dar o paso e tamén o único, ata o momento, en deixar a carreira pola presidencia. Fíxoo fiel á súa postura durante todo o proceso, con boas maneiras e aludindo tomar esta decisión polo mesmo motivo que impulsara o seu proxecto: o ben do deportivismo. En primeira instancia, a loita semella ser un choque de titáns entre dous homes con capacidade para captar masas, aínda que por medios e motivos diferentes.
Tino Fernández, presidente de Altia –empresa galega punteira no sector das tecnoloxías da información- representa a postura máis ambiciosa e, quizais, máis decidida, das candidaturas que buscan dar un novo pulo ó clube. Augusto César Lendoiro, para ben ou para mal, é e será sempre culpábel de redactar as liñas máis gloriosas do Deportivo, un exercicio de memoria que o propio dirixente corcubionés non se esqueceu de engadir na presentación do seu plan.

Na segunda liña de saída agardan o seu momento os dous candidatos restantes: Germán Rodríguez Conchado –antigo asesor xurídico branquiazul- e Manuel López Cascallar – un mozo diplomado en Relacións Laborais e vinculado os últimos anos á empresa Randstad, adicada á colocación e os recursos humanos-. A priori, as reiteradas saídas de ton do primeiro e a sensación de que para afrontar o futuro do clube é preciso garantir a estabilidade total nas altas esferas da entidade restan enteiros a un Conchado que xa tiña unha proba de fogo coa misión de desmarcarse da súa etapa previa no Deportivo ó carón de Lendoiro. E aquí é onde aparece o realmente interesante, xa que Cascallar, ben sexa polo descoñecemento inicial da súa figura ou por ser etiquetado desde o comezo como o novato do proceso, gaña peso segundo pasan os días por achegar un discurso conciliador e afastado dos principais focos de discusión, un feito que non pasou desapercibido para moitos afeccionados que foron o suficientemente vivos como para non caer no sempiterno e absurdo posicionamento de ‘antis’ e ‘pros’.
Quizais o seu principal hándicap radica en que carece dos apoios económicos ou do poder de convocatoria social que si teñen outros candidatos, o que incluso dá un maior mérito á súa proposta por querer levala adiante sen complexos. En todo caso, unha figura a seguir de cara ó futuro no seno do deportivismo.

O eterno debate entre renovación ou un hipotético continuísmo

Non obstante, a pelexa parece centrarse en Tino Fernández e Augusto César Lendoiro. De forma momentánea, as sensacións invitan a pensar nun duelo directo entre ambos por varios motivos. Tino pisa forte e é visto por moitos como a imaxe que se precisa para revitalizar o Deportivo. Non estivo ligado ó clube con anterioridade e ten claro a onde ten que ir para buscar incrementar o espectro de captación de recursos. O seu éxito á fronte de Altia tamén parece convencer a diversos socios e accionistas que entenden que o modelo económico actual non pode persistir. Sen embargo, Lendoiro parte con relativa vantaxe no ámbito deportivo, ao ser recoñecido por moitos como un home de fútbol coas táboas e coñecementos necesarios. Incluso un binomio conformado por ámbolos dous –con cada un deles encargado de xestionar as parcelas onde mellor poderían funcionar- soaría ben, pero as utopías remataron nas semifinais ante o Porto de José Mourinho no ano 2004.

Gañe quen gañe, o seu primeiro traballo será aínda máis arduo que afrontar a progresiva eliminación dos aproximadamente 160 millóns de débeda, e consistirá en recuperar a confianza dunha afección que demostra día si, e día tamén, que convivir cun pulsómetro noventa minutos cada fin de semana paga a pena. Agora, o próximo presidente do Deportivo deberá devolver esa fidelidade en forma de transparencia, consenso e boa planificación, porque se unha ecuación devolve á senda do éxito, sen dúbida é esa.

Outros artigos de Pablo Varela

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios