Xoves. 28.03.2024
El tiempo

A Costa da Morte, epicentro do relevo xeracional da regueifa, esa inmensa arma de construción masiva”

A Costa da Morte, epicentro do relevo xeracional da regueifa, esa inmensa arma de construción masiva”
Xornada Enregueifate en Carballo

Estase convertindo a Costa da Morte nun verdadeiro espazo de recuperación etnografica da regueifa. Proxectos como Regueifesta ou Enreguéifate están ratificando que a nosa bisbarra é unha potencia en materia regueifeira. E o máis importante, están permitindo que o relevo sexa unha realidade, gracias á implicación dos colectivos escolares.

A última cita tivo lugar este pasado sábado no Forum Carballo foi a “Xornada Enreguéifate”. Unha sesión á que acodiron unhas 70 persoas, docentes e non docente, pero membros da comunidade educativa, para que vaian tomando nota de cara ao fomento e aproveitamento educativo da improvisación oral.

Unha das grandes conclusións é clara: “A regueifa é unha arma de construción masiva”. A partir de aquí, todo será positivo.

O músico, mestre e regueifeiro Manolo Maseda foi o encargado de romper o xeo presentando o proxecto Regueifesta, no que participa dende hai dous anos alumnado de Baio e de Vila de Cruces e onde reside o xermolo de Enreguéifate. O seu principal obxectivo é espallar a improvisación oral en verso no ámbito escolar, tendo en conta as múltiples potencialidades educativas que ten e valéndose dela como unha ferramenta de transformación social.

Así, baixo o título “improvisar para transformar o camiño da lingua”, o director do instituto baiense relatou a súa experiencia dentro desta andaina, a través da cal o alumnado integra o repente na súa vida diaria á vez que se relaciona con mozos e mozas doutros lugares de dentro e fóra do país expresándose publicamente en lingua galega. E velaquí o obxectivo principal da iniciativa Enreguéifate, promovida polo Servizo de Normalización Lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Santiago de Compostela e Teo: apoiar a difusión da improvisación oral en verso para contribuír, por medio dela, á promoción do uso da lingua galega.

Regueifa 2.0

Enreguéifate supón, pois, un movemento expansivo que ademais pretende traer ao século XXI a improvisación oral en verso, dando lugar ao que podería denominarse a “Regueifa 2.0”. Sobre isto saben moito Alba María e Sara Marchena, pertencentes a unha nova xeración de regueifeiros/as na destaca a ampla presenza de mulleres -de feito, o vindeiro sábado 24 de febreiro celebrarase nas Cruces o II Encontro de Mulleres Repentistas da Galiza. Estas dúas mozas ofreceron un obradoiro teórico-práctico sobre como educar en igualdade a través da improvisación oral, contando coa participación dun público moi activo e interesado nesta temática.

Un movemento mundial

Deseguido, o docente, escritor e regueifeiro Séchu Sende, outro dos impulsores do proxecto Regueifesta, centrou o seu relatorio en facer un repaso das diferentes expresións da improvisación oral en verso dentro de Galicia (a regueifa, os brindos do Courel, os Xenerais da Ulla, as bombas de Mormentelos e Castiñeira...) e a súa ligazón con manifestacións deste tipo noutros lugares do planeta (Euskadi, Cataluña, Portugal, Madeira, Brasil, Cuba...). Ademais, aproveitou para lembrar que o repente tamén deu lugar a outras formas de improvisación oral modernas, coma o freestyle, onde se abre unha liña moi interesante de traballo coa rapazada.

O caso de Bergantiños

Despois de desfrutar conxuntamente dun cocido regueifeiro, a sesión de tarde abriuse poñendo o foco na regueifa en Bergantiños, unha área onde esta práctica sobreviviu ao longo dos séculos e onde naceron moitos dos referentes do repente en Galicia. Para iso, xunto con Alba María, estiveron presentes o regueifeiro Antonio de Xornes e a regueifeira Lupe Blanco, bisneta do recoñecido improvisador bergantiñán Blanco de Muíño Seco. Nas súas intervencións fixeron un percorrido pola historia da regueifa na comarca até chegar ao presente, resaltando neste punto o interese que mostra actualmente a mocidade por darlle continuidade e actualizar esta tradición. Así mesmo, quixeron deixar claro que toda persoa galega, polo seu ADN cultural, ten a capacidade innata de improvisar; se ben en xeral é precisa unha maior visibilización desta práctica para lograr a súa expansión.

A regueifa como ferramenta didáctica

A continuación, os docentes Séchu Sende e Manolo Maseda ofreceron unha serie de ferramentas didácticas deseñadas para levar a regueifa á aula. Recentemente comezouse a implantar en algúns centros educativos galegos unha materia optativa sobre a improvisación oral en verso, un primeiro paso para que os docentes e as docentes se acheguen a este movemento e fagan que o alumnado se sume a el. Para iso, Enreguéifate tamén ofrece obradoiros dirixidos ao alumnado nos que entrar en contacto coa improvisación e aventurarse a regueifar. Sumado a iso, nesta primavera convocarase por segundo ano consecutivo o certame Enreguéifate de regueifas en vídeos, cunha categoría xeral e outra específica para estudantes dos centros educativos galegos.

A Festa

Non podía faltar a sesión práctica, que como ten que ser, deuse na Taberna (O Mexillón) pola noitiña.

Lupe Blanco e Antonio de Xornes de regueifa na Taberna o Mexillon Lupe Blanco e Antonio de Xornes de regueifa na Taberna o Mexillon Máis información   Novas relacionadas   Fonte

Comentarios