Imprimir

A Costa da Morte, nai nutricia inesgotable de anécdotas

Xosé María Lema Suárez | Catedrático de Xeografía e Historia de ensino secundario desde 1992, exerce de profesor no IES Antón Losada Diéguez, da Estrada. Membro correspondente da Real Academia Galega (2002) e numerario (patrón) do Museo do Pobo Galego (2005), é o primeiro presidente do Seminario de Estudos Comarcais para a Promoción do Patrimonio Cultural da Costa da Morte (SECCOM).

que pasa na costa | 05 de maio de 2014

Na investigación para o libro dos 50 anos do C.D. Baio e da Liga da Costa atopei, entre as anécdotas, a que me aconteceu a min mesmo o 15 de marzo de 2003 no campo Platas Reinoso de Baio, por mor dun partido entre a Selección histórica da Costa e os veteranos do Deportivo da Coruña, organizado por La Voz de Galicia, Radio Voz de Bergantiños e o Concello de Zas. Os integrantes da selección costeira foran elixidos polos internautas. A min, como era de esperar, non me escollera ninguén para esta selección, pero fora convidado ao acto por José Manuel Ferreiro -redactor de deportes da La Voz de Carballo- debido a que tamén se lles ía facer entrega aos xogadores dos dous equipos de cadanseu exemplar do meu libro Historia do C.D. Baio e da Liga da Costa (1989), pois o daquela tenente de alcalde de Zas, Julio Díaz Rellán, facilitáralle a Ferreiro os derradeiros exemplares que quedaban en depósito na Casa do Concello de Zas.

Un soporte en forma de libro para as sinaturas e dedicatorias

Alá me presentei e ata fun admitido, vestido de paisano, na foto de familia previa ó comezo do partido, pois entre os seleccionados aínda había uns cantos da miña quinta. Para facer o saque de honor viñera o xa ex adestrador do Deportivo Arsenio Iglesias. Ao principio do encontro Ferreiro empezara a repartir o meu libro entre os xogadores, a esgalla, e o primeiro que viron eles nel -sobre todo os da Costa- foi un lugar moi acaído para que a estrela mediática presente -o raposo de Arteixo, claro- lles botase unha sinatura con ou sen dedicatoria: nas páxinas de garda había uns espazos en branco preciosos. Pois alá foron un tras outro en procesión co libro aberto nas primeiras páxinas, e o ex técnico deportivista non daba abasto asinando exemplares dunha publicación na que non tivera arte nin parte, na que nin sequera aparecía o seu nome. E todo isto na miña presenza, que ollaba con cara de parvo a longa ringleira coa remota esperanza de que a algún dos que a formaban se lle ocorrese solicitar tamén o meu autógrafo, pois algo tivera que ver con aquel soporte en forma de libro que portaban nas mans.

Pois resulta a ningún deles se lle pasou polo maxín, nin un tan só. Deste xeito, rendéndome á evidencia, eu tamén acabei por coller un dos exemplares, agardei a que Arsenio rematase co seu maratón de sinaturas, e, aínda que estiven nun tris de lle pedir que mo asinase e dedicase como a todos os demais, no último momento reflexionei sobre o ridículo da situación e dei en pedirlle que mostrase para que o amigo José M. Casal, fotógrafo de La Voz, nos inmortalizase coa foto que acompaña este texto. Con suma amabilidade, o sabio de Arteixo accedeu a servir de escaparate, como se ve na instantánea. Penso que nunca soubo que eu era o autor; desde logo, dicir non llo dixen.

Sempre contei esta anécdota moi divertido, ríndome a cachón de min mesmo e daquela situación tan surrealista e ao mesmo tempo tan real, pois respondía perfectamente aos parámetros do mundo actual. A min serviume de cura de humildade, para poñer, unha vez máis, os pés na terra e decatarme de que na realidade dos medios hai famosos? e hai «famosiños». E deixei morrer o conto.

Os fillos do náufrago inglés

A outra anécdota aconteceume non hai moito, exactamente o 29 de xaneiro deste ano 2014, cando tiven unha proveitosa xuntanza no Club Arao de Lectores da Ponte do Porto para falar da miña novela Costa do Solpor (2013). Unha experiencia estupenda, pois unha cousa é presentar unha obra que aínda non se leu e outra responder ás preguntas das persoas que si o fixeron, e que poden estar interesadas e mesmo intrigadas en certos aspectos da trama ou nas características dalgúns dos personaxes.

Sempre se ten dito que ás veces a realidade supera á ficción, e iso foi o que me aconteceu na agradable conversa que tiven cos lectores -máis ben lectoras- da Ponte do Porto, Camelle e Camariñas. Boa parte dos escenarios naturais da narración atópanse, precisamente, na costa norte do concello de Camariñas, e o primeiro que me sorprendeu -ou non- foi a rápida identificación dos lectores do Club Arao da maior parte dos lugares onde se desenvolvían os acontecementos, por moito que estivesen cambiados de nome (os Coídos Xemelgos, a Area Escorredía...). Pero resulta que tamén os dous principais protagonistas desta historia de aventuras de piratas, labregos e fidalgos, eran nativos desta zona. Previamente, eu advertira de que na trama había personaxes imaxinarios e outros que realmente existiran, pois cal non sería a miña sorpresa cando, nun momento dado, unha das lectoras me fixo unha pregunta que seica lle andaba bulindo na cabeza desde que lera a obra:

- «O fillo do náufrago inglés, o chamado Chavián, foi un dos que existiu realmente, ¿non si?».

Cando lle dixen que non, que o Chavián do Vao era un dos personaxes saídos do meu maxín -aínda que con características doutros reais- decateime de que quedara ben amolada coa miña resposta, pois ela estaba convencida de que era descendente do pai do tal Chavián, Alfred, o náufrago inglés que quedara a vivir nunha aldea da costa norte camariñá a mediados do século XVIII. Era lóxico que mantivese esa crenza. Madía levaba: ¿Como non ía mantela se ela era da Casa do Inglés de Camelle, situada no chamado Rueiro do Inglés desta vila?

Esta é a marabillosa realidade da Costa da Morte: casos reais que superan aos imaxinados na literatura de creación. Non é segredo ningún que boa parte da poboación destas terras da beiramar descende de estranxeiros chegados por mar, algúns deles náufragos, que acabaron formando familia sen volveren nunca máis aos seus países.

O rapto de doncelas

Pero a cousa non quedou aí e na proveitosa parolada do Club Arao aínda me contaron outro caso se cabe máis incrible, pois entra xa no fabuloso mundo das lendas. Nun dos capítulos da novela relátanse un par de historias de mociñas da beiramar -de Galicia e de Bretaña- raptadas por piratas. Pois ben, outra das lectoras, coido que de Camariñas, relatou unha lenda que lle contara a súa avoa, que á súa vez a recibira da súa: que en tempos moi antigos aparecían de cando en cando barcos de Inglaterra pola costa para roubaren mozas galegas. Levábanas ao seu país e logo devolvíanas en canto daban a luz. Disque era porque parían fillos máis sans e fortes ca os das nais inglesas.

«Toda lenda ten un pouso de verdade», repítese na novela. En fin, non nos cabe a menor dúbida de que a Costa do Solpor -a Costa da Morte, que diga- é un pozo sen fondo para a inspiración de todo tipo de escritores. Unha alma mater (nai nutricia) inesgotable.

Máis información

Artigos de Lema Suárez en QPC

Fonte

Podes ver este artigo na próxima dirección /opinion/xose-maria-lema-suarez/a-costa-da-morte-nai-nutricia-inesgotable-de-anecdotas/20140505073143099779.html


© 2019 que pasa na costa

COPYRIGHT 2019 QUE PASA NA COSTA