Xoves. 25.04.2024
El tiempo

A Costa da Morte sofre un pequeno Aznalcóllar

A Costa da Morte sofre un pequeno Aznalcóllar
Mapa de Adega sobre a situación no Monte Neme A pasada madrugada os veciños de Aviño, en Malpica, e Razo da Costa, en Carballo, erguéronse sobresaltados tras escoitar un pequeno aluvión. Acababan de sufrir un pequeno tsunami que baixou polo monte semellante, aínda que en moita menor proporción, ao que en 1998, contaminou boa parte das beiras do Guadiamar, preto do Parque Nacional de Doñana. No caso galego non foi case nada, pero puido ser moito. A 150 metros monte arriba atópase a balsa da mina de Monte Neme, agora abandonada, e que acumula millóns de litros de auga. Precisamente, coas chuvias dos últimos días, un pequeno tramo do muro de terra de contención da balsa cedeu e, polo monte abaixo, unha mestura de lama, auga e pedras arrasou todo o que se atopou ata case chegar ás aldeas. Fotografía tomada do Twitter do usuario @bely_beln En total, preto de 24.000 metros cúbicos de auga que, grazas a que non baixaron concentradas, senón que se desviaron por varias partes do monte, e que tiveron que percorrer un quilómetro ata os núcleos habitados, non causaron, finalmente, grandes danos. Ademais, as árbores do monte serviron de parapeto para que o aluvión non fora pior.

Carballo e Malpica, afectadas

Carballo foi a zona máis danada. Alí, na aldea de Razo da Costa, preto de dez casas sufriron inundacións de "pequena consideración", segundo relata a Galicia Confidencial o concelleiro de Obras Públicas de Carballo, Luis María Lamas. En Aviño, na veciña Malpica, foi unha casa a que se viu afectada. "E puido ser máis se non fora por un muro de bloques que rodea a casa e que fixo de parapeto da auga que baixo que acabou canalizandose cara ao mar", sinala. Durante o día de hoxe, varias maquinas e operarios estiveron traballando na zona para desentullar varias pistas e estradas que quedaron cubertas pola lama. A última hora do luns, a situación xa estaba normalizada.

A Xunta non actuou a tempo

O da rotura da balsa de Neme era un desastre anunciado. En abril do pasado ano, o concello alertou xa da posibilidade dun desbordamento desta balsa polas intensas chuvias. Falouse entón coa Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Xunta que enviou un técnico que, xunto co xerente da empresa -é unha compañía mineira Valenciana que logo da crise deu en creba- e persoal do concello de Carballo trasladaronse á balsa para analizar a situación. Detectaron, in situ, problemas de fraxilidade na estrutura. Entón Minas anunciou un plan de seguridade para a zona e a reparación da balsa para o verán de 2013. Un plan que non foi realizado. De feito, o propio concello realizou unha nova inspección á balsa o pasado setembro e volveu poñerse en contacto coa Xunta para a subsanación do problema. Pero, recibiron a calada por resposta. Cinco meses despois desa advertencia, a natureza non agardou e converteu o que podería solventarse "cuns tubos e unha canalización", segundo o concelleiro, nun pequeno desastre medioambiental. Por iso, e como acontece a miúdo, a Xunta reaccionu tarde. O secretario xeral da Consellería de Economía e Industria púñase en contacto no medio día do luns co concello de Carballo para anunciar que a Dirección Xeral de Enerxía e Minas rehabilitará esa balsa que, aínda conserva millóns de litros de auga.

Críticas de AGE e Salvemos Cabana

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) denunciou xa, a través do seu deputado Antón Sánchez, que este feito vén probar como "toda a cidadanía paga os riscos privados asumidos por unha empresa". "Este é o modelo que o PP defende para a mina de Corcoesto... O que sucedeu a pasada noite en Monte Neme é bastante para desmontar ese discurso irresponsable que só responde aos intereses colonizadores encarnados no proxecto de Corcoesto", subliña Sánchez. Tamén Salvemos Cabana lembrou o risco potencial que supón o permitir un conxunto de balsas mineiras "moito máis grandes e con residuos de alta toxididade" na proxectada mina de Corcoesto. Por iso, insisten en que a Xunta debe de considerar o chamado "Principio de Cautela" ou "Principio de Precaución" para permitir determinados proxectos mineiros. Tamén o pasado ano a SGHN denunciaba a posibilidade de que se producira un novo Aznalcóllar no Esteiro de Anllóns ante a construcción das balsas de contención de cianuro proxectadas na mina de Corcoesto. Neste vídeo de Tingalaranga pódense ver as consecuencias deste pequeno desastre medioambiental: http://www.youtube.com/watch?v=cXzIInr5szM&feature=player_embedded

Fonte

Comentarios