Venres. 19.04.2024
El tiempo

A Costa do Retraso

A Costa do Retraso
Ben coñecemos o significado desta palabra na Costa da Morte. Non só polo precario servizo de transporte colectivo ao que sempre hai que esperar. E non é que sexa ademais por mor do noso ritmo caribeño. Senón que a maioría dos grandes retrasos da nosa bisbarra son por conta allea. A Xunta, sexa cal sexa a cor gobernante, é a nosa deudora principal e unha das mellores especialistas en poñer primeiras pedras e esquecer os prazos. De retrasos podemos botar un bo repaso. Así que imos ir falando ben da VAC, do Parador, do Parque do Megalitismo e do Señor Dombate, do Xeriátrico ou do Parque Empresarial de Vimianzo, de Vaosilveiro, e se estiramos un pouco, ata chegamos canda Pepe Miñóns e a súa petición do Tren das 3C de comezos do século pasado. Paso a paso.

VAC

Varios son os retrasos arredor da VAC. Comezamos pola variante máis adiantada, a que vemos na imaxe. A Variante da VAC de Sardiñeiro está a un 75% de execución, cando xa tiña que estar rematada e contará, alomenos, cun ano de retraso. Pero ademais, botando un repaso, podemos ler nunha nova do 26 de decembro de 2008 que o treito da autovía entre Carballo e Baio entrará en servizo a finais de 2010 mentres que o seguinte treito, entre Baio e Berdoias- abrirase ao tráfico tan só 6 meses despois. Pouco que dicir, sómentes que ningunha das dúas obras comezaron.

A ponte pantasma de Vaosilveiro

Un dos mellores exemplos de todo este retraso é a ponte de Vaosilveiro. No medio do Camiño xacobeo entre Fisterra e Muxía, e xa co ano Xacobeo case rematado, os peregrinos tiveron que dar unha volta de 4 quilómetros, sen apenas sinalización, para superar o río Castro. As peticións de toda clase de estamentos e entidades para a contrución da mesma non foi suficiente para que a máis grande necesidade do Camiño fose realizada en ano xacobeo. Así e todo, falamos dunha petición histórica. Xa van de 10 anos que os hostaleiros da zona piden a construción da ponte ante as continuas queixas dos peregrinos.

O Parque Empresarial de Vimianzo e o Xeriátrico

Dous por unha no Concello de Vimianzo. O Parque empresarial leva listo para estrear dende finais de 2008. Pero falta o máis importante, as empresas. O alto prezo das parcelas e a nula negociación que permiten as entidades públicas fan que tras ano e medio de ser inaugurado o único que creza no terreo do polígono sexan as malas herbas. Tres cuartas partes do mesmo co Xeriátrico. Apurouse para rematar antes de que rematase a lexislatura bipartita, aló por marzo de 2009. Pero cando o PP chegou ao goberno, anulou todos os procesos de selección e aínda non tivo tempo para poñelos en marcha. Máis de 50 traballadores e uns 150 maiores agardan pacientemente.

O Parador de Muxía

En abril de 2008 saía a concurso o Parador de Lourido. 2 anos e medio despois temos proxecto, e de milagre. Pois a Xunta a piques estivo de botar abaixo o concurso de ideas do anterior goberno bipartito e provocar un retraso de anos. Xa propiciou un grande retraso de polo menos 8 meses entre que se anunciara a suspensión do concurso e finalmente se dera por válido. O Proxecto Penelas será finalmente o construido.

Dombate e o Parque do Megalitismo

20 anos os que esperou Dombate porque lle cambiaran a boina. 20 anos nos que unha das maiores xoias do megalitismo galego estivo baixo unha carpa de obra, unha carpa da construción. Así e todo resistiu e xa comezaron as obras o pasado febreiro. Do que non comezaron as obras foi do Parque do Megalitismo. Por unha banda unha Xunta despistada, e pola outra, as clásicas rivalidades localistas do "eu tamén quero" impediu que este bonito proxecto teña, sequera, unha ubicación. O pasado setembro de 2009, a Xunta achegábase ao Castro Borneiro para tratar o "Proxecto Sectorial do Megalitismo da Costa da Morte", apuntando que "o importante é “levalo adiante con éxito” e non centrar o debate sobre a súa ubicación". Nada de prazos e así non hai problema cos retrasos...

O Tren das Tres C, un retraso centenario

E xa que estamos, e tirando e tirando, chegamos a comezos do século pasado, e preguntámoslle a Pepe Miñóns polo tren A Coruña - Carballo - Corcubión. Dinos que xa o solicitou e que está en fase de estudio.... Podíamos engadir tamén aquí outras necesidades históricas en materia de comunicación, como un servizo de transporte público en autobús digno, tanto intracomarcal como provincial; ou unha rede de internet de calidade. Pero sería un pouco tramposo pois nunca houbo promesas de que se foran a realizar en un prazo decente de tempo, polo tanto retraso, o que é retraso, non o poderíamos catalogar. Pero bueno, non dubiden en facernos chegar algún outro retraso que se vos ocorra, que de seguro que foron máis de un os que se nos escaparon.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios