Xoves. 28.03.2024
El tiempo

A Costa solidarízase con Lidia e Jose ante o seu berro desesperado

A Costa solidarízase con Lidia e Jose ante o seu berro desesperado

Lidia e José viven en Cee cos seus 3 fillos de entre 1 e 7 anos. Levan 4 meses na vila da Xunqueira pois tiveron que voltar de Pamplona, onde viviron durante varios anos cobrando un soldo de 1.600€. Pero José perdeu o traballo hai un ano, e a axuda de 426€ que reciben non chega para pagar o piso na capital navarrica, polo que voltaron á Costa da Morte.

A situación foise facendo máis e máis difícil, pero eles nunca se imaxinaron vivir nunha situación así. Foi nun exercicio de desesperación cando a propia Lidia decidiu colgar 13 carteis pola vila de Cee solicitando axuda para pasar un Nadal decente. E "bendito anuncio", como nos conta ela mesma. >"Estamos alucinando coa resposta da xente. Parece que son Belén Esteban!! Onte foi un boom de chamadas ata as 0:00h da noite. Dende Italia, dende Suiza, dende Tenerife... Ata me dixeron que ían facer unha Plataforma en Tuenti, e a verdade é que non sei o que é isto, pero estamos moi ilusionados con estes apoios e o máis importante é que as criaturas van poder ter algún regaliño para reis e comer un poliño polo Nadal...".

I é que efectivamente a revolución que causaba na rede o cartel, colgado inicialmente por Chiara Laia a través do Facebook e compartido dende o perfil de QPC, está a ser espectacular. Máis de 500 compartidas e máis dun millar de persoas falando do asunto dan conta da solidariedade da veciñanza nestas datas de Nadal. De feito, nós mesmos recibimos felicitacións de numerosas persoas por "permitirlles axudar" ou por compartir solidariedade na Costa da Morte.
Ao tempo xa nos aseguraron que a axuda está a piques de chegar e que nestas semanas van chegar xentes con comida e regaliños dende Lugo, Burgos, as Canarias e outras partes da zona como O Pindo. "Ata nos pediron o número de conta", apúntanos unha ilusionada Lidia.

  • Como chegastes a esta situación?

Lidia: Nós nunca imaxinamos estar nunha situación coma esta. Unha vez que vimos que en Pamplona non podíamos sobrevivir sen traballo tras 8 meses no paro, decidimos volvernos para aquí, onde o piso é moito máis barato. Ao principio tivemos algo de axuda por parte da familia, pero as relacións non son as mellores e ata unha noite tivemos que durmir nunha tenda de campaña.

A cousa está tan complicada que ata vendín uns pendentes de ouro da miña filla. Non temos televisión e non podo solicitar praza na gardería que está a tope e o alcalde aínda me dixo que me ía buscar un traballo pero aínda estamos esperando. A día de hoxe sobrevivimos coas sobras do Colexio Eugenio López, que se portan moi ben con nós e podemos levar o que sobre da comida dos nenos. Pero temos que facer encaixe para que os cativos non noten que comen o mesmo 3 veces ao día. Estamos aprendendo a facer unhas pizzas coa carne dos macarróns espectaculares...

Doe velos acostumándose á situación: a pequena de 7 anos xa se detaca das cousas, e ás veces pregunta "Outra vez sopa, mamá?". O mediano, de 3 aniños, xa nos sorprende con reflexións do estilo "non podemos comprar chuches porque non temos cartos, verdade mami?"
Ademais un dos nenos está con neumonía ingresado no hospital, o que fai moito máis complicada a situación.

Jose xa leva presentados un cento de currículos pola zona para traballar do que saia. É oficial de primeira de xeso, ten 40 anos e busca traballo do que sexa, ben para casas en plan arranxo ou camareiro, pintor, escaiola. Pero a cousa está mal e non atopamos nada. Iso é o máis importante para saír de aquí.

  • Que esperas do futuro, tes confianza en que a situación mellor?

Lidia: Penso que aquí imos poder facer a nosa vida moito mellor que en Pamplona. Temos pensado quedar aquí, pero precisamos un traballo para min o para meu home. Polo de agora as criaturas van poder pasar un Nadal especial. E iso llo temos que agradecer a todos vós.

De feito, non podo máis que agradecer a vós e a todos os que amosaron o seu apoio tanto persoalmente como a través da internet. Queremos agradecer a a Chiara e a vós, Quepasanacosta, pola vosa labor social. Esta axuda non ten prezo.

QPC tamén agradece a solidariedade polo Nadal

Dende a redacción de QPC tamén queremos agradecer a solidariedade amosada por toda a comunidade QPC a través da rede. Máis de 500 persoas compartiron no seu perfil este cartel trala publicación dende o Facebook de QPC, algo que demostra que a comunidade xerada ten unha clara conciencia social.

Desexamos que a familia de Lidia e Jose poidan disfrutar dun Nadal agarimoso, e que en breve consigan un traballo co cal saír adiante.

Nós tamén vos damos as gracias!

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios