Venres. 29.03.2024
El tiempo

A creación da Casa do Concello de Mazaricos

A creación da Casa do Concello de Mazaricos
Plano a Casa do Concello de Mazaricos Plano a Casa do Concello de Mazaricos Santiago Rey Pedreira Santiago Rey Pedreira A construción da actual Casa Consistorial de Mazaricos tivo varios puntos claves: a doazón dos terreos necesarios para o seu encrave por parte de Benito Jurjo (meu bisavó); a súa materialización entre novembro de 1956 e abril de 1960 polo contratista noiés Antonio Mato Blanco; os actos de inauguración que tiveron lugar o 6 de abril de 1960; o custe aproximado que alcanzou a cifra de 2.245.041,23 pesetas; ou as contribucións persoais de moi distinta índole de Fructuoso Pérez Alvite, José Reino Caamaño e José Fernández Montáns. Hoxe, pola contra, queremos centrar esta entrada no autor do proxecto arquitectónico e nas características e resultados do mesmo. O autor do proxecto foi Santiago Rey Pedreira (A Coruña 1902 – 1977). Foi un dos arquitectos máis nomeados do seu tempo. A partir do ano 1928 empeza a desenvolver a súa carreira profesional na cidade da Coruña, incorporando ás súas obras as correntes racionalistas en consonancia ao que estaban facendo nas grandes metrópoles e nos ámbitos máis vangardistas do deseño arquitectónico mundial. A casa nº 157-159 da rúa de Santo Andrés, o primitivo Campo de Fútbol de Riazor ou o Mercado de Abastos de Santo Agostiño, son mostras emblemáticas dos aires renovadores que introduce este creador na cidade herculina. Alcanzou o posto de arquitecto municipal desta capital e a partir dos anos cuarenta, coa caída en desgraza do estilo racionalista, ensaiará novas linguaxes dentro do historicismo propugnado polo novo réxime. O neobarroco do Hotel Fisnisterre pode ser un bo exemplo do seu traballo por estes anos. Dentro desta corrente que reinterpreta vellos estilos, teríamos que situar tamén a Casa do Concello de Mazaricos. Andando os anos, Rey Pedreira únese ao movemento moderno coa incorporación de novos materiais e moitas melloras técnicas e estruturais que permitiran a realización de edificios dunha altura descoñecida ata ese momento por estas latitudes: as Torres Golpe, Coruña e Riazor; o Palacio de Deportes de Riazor ou o Edificio Torres y Sáez, constitúen os principais chanzos creativos dos seus últimos anos de traballo. Como ten escrito Luis Walter Núñez Fontela nunha tese sobre o noso protagonista, este “dominaba todos los aspectos de la profesión: el deseño arquitectónico, las técnicas construtivas, las estructuras, el urbanismo (…)”. Nós podemos engadir que ao longo de cincuenta anos de profesión soubo evolucionar e adaptarse en todo momento ás innovacións tecnolóxicas e estruturais e aos novos programas de necesidades, sen quedar ancorado nas maneiras de facer dos seus afastados inicios. Con relación á tese antes citada, é mágoa que unicamente estude as súas obras máis importantes deixando fóra o proxecto mazaricán, pese aos evidentes valores que posúe e que intentaremos poñer de relevo nas liñas que seguen. Formando parte do estudo de arquitectura de Rey Pedreira dende 1948, estivo tamén o arquitecto Juan González Cebrián. Algúns dos traballos que realizaban eran froito da colaboración de ambos. Outros, pola contra, eran responsabilidade dun ou doutro técnico. O proxecto para o Concello de Mazaricos está asinado por Rey Pedreira en xuño de 1955. Aínda que as inspeccións de seguimento feitas durante a realización da obra foron realizadas, unhas veces por Rey Pedreira e outras por González Cebrián. Planta da Casa do Concello de Mazaricos Todo arquitecto á hora de enfrontarse ao deseño dun edificio ten que ter en conta o programa de necesidades que debe satisfacer a nova construción. Neste caso, tratándose dunha Casa Consistorial, tería que contar con espazos destinados a portería, secretaría, intervención, depositaría, unha oficina para os administrativos, contribucións e arbitrios, alcaldía e salón de plenos; ademais dos correspondentes servizos de aseo. A maiores das funcións estritamente municipais, o edificio tamén tiña que dar cabida ás oficinas do Xulgado, onde non podían faltar un despacho para o xuíz, un arquivo, unha cela para reter a potenciais delincuentes, os consabidos aseos e unha portería, que neste caso compartía co Concello. Non acababa aquí o programa de prestacións que tiña que cumprir o edificio. Dúas das principais prazas de ambas institucións: os secretarios do xulgado e do concello acostumaban estar cubertas por persoal chegado dende outras latitudes, e polo tanto sen vivenda en Mazaricos. Por este motivo, tamén se lle fixo sitio entre a longa ringleira de espazos da infraestrutura a deseñar e construír, a dúas vivendas, unha para cada un dos funcionarios citados. Ademais dos diferentes e ineludibles espazos para o axeitado cumprimento das diferentes funcións do edificio, o arquitecto tamén ten que atender outra serie de necesidades relacionadas coas condicións simbólicas e representativas que deben posuír este tipo de construcións oficiais. Alá polos séculos XII e XIII as localidades que contaban con “cartas pueblas”, e dicir, con concello; acostumaban reunirse no adro da parroquia, acubillados por unha estrutura con soportais que formaba parte dun dos laterais da igrexa. Pero será en Italia nos séculos XIV e XV cando, coa crecente importancia das vilas e cidades debido ao seu activo dinamismo artesanal e comercial, se creen os chamados “palazzos comunales”. Unha tipoloxía de edificio municipal que influirá en toda Europa á hora de deseñar este tipo de construcións ata ben entrado o século XX. Desta tipoloxía creada nos últimos decenios da Italia medieval sobresaían tres elementos: a torre; a “loggia”, é dicir, unha estrutura “porticada”; e unha ampla trama de ventás que podían estar presididas por un ou varios balcóns. As novas e puxantes comunidades civís querían representar tamén a forza do seu mandato, elevando na sede do seu poder unha torre que competira e superara ás ergueitas polos outros estamentos de poder: a igrexa e a nobreza, por aquela altura, considerados por moitos, caducos e sen lexitimidade. A ampla rede de xanelas era unha clara referencia da apertura da institución á poboación da comunidade da que formaba parte. Dentro desta apertura á sociedade, os balcóns eran os lugares privilexiados para a comunicación entre os representantes civís e a comunidade que sustentaba o seu poder político. Pero se había un lugar onde esta apertura e esta comunicación se materializaba dunha maneira efectiva, era nos espazos “asoportalados”. Herdeiros das vella estruturas cubertas dos adros eclesiásticos, onde se reunían os veciños en Concello aberto; agora nun perfecto xogo de interpenetracións entre espazos abertos e fechados, públicos e privados ou libres e restrinxidos; serán o punto de unión perfecto de todo o corpo social organizado para gobernarse a si mesmo. Rey Pedreira tamén tivo en conta á hora de deseñar o seu proxecto as características da localidade na que se inxería: A Picota. Unha minúscula vila de, aproximadamente, 33 casas e algunhas outras construcións complementarias que abranguían dende pendellos para animais, ata un forno para cocer pan ou un obradoiro de carpintería. Nesta limitada nómina edilicia atopábamos dous tratamentos ben diferenciados na configuración exterior dos diferentes inmobles: por un lado estaban os rematados coa pedra vista seguindo a arquitectura tradicional do País. Pola contra, as fachadas da maioría das vivendas articulábanse con ventás alongadas enmarcadas por molduras e con balconciños de obra, e coroando as frontes: cornixas molduradas ou frisos de sinxelas liñas. Estes trazos unidos aos acabados pictóricos de ricas e rechamantes cores, dan como resultado unha arquitectura que nas súa formas exteriores, e salvando as distancias de escala e de calidade, lémbrannos a arquitectura que dende finais do século XIX viñeran erguendo os indianos enriquecidos por todo o País. Como teremos tempo de ver, o noso arquitecto, non foi alleo a este rico substrato histórico e construtivo na súa proposta edilicia. Antes de analizar polo miúdo esta obra cargada de detalles e sutilezas de prolixa descrición, apuntemos nunhas liñas as súas características principais. Estamos ante un edificio con dúas partes ben diferenciadas: unha torre con catro andares revestida de pedra, e o resto da edificación que a partir de agora denominaremos “a zona de oficinas”, con tres plantas rematadas por un tellado a catro augas. Os paramentos exteriores están revestidos de morteiro e pintados de branco, agás algúns elementos estruturais e decorativos que sobresaen polo seu acabado en cor gris. Na parte frontal do baixo da fachada principal, que abrangue a torre e a zona de oficinas, sitúase a “loggia” ou soportal que, no seu prolongamento, tamén ten presenza nas frontes laterais dereita e esquerda. As catro caras de todo o edificio están perforadas por unha rica e variada nómina de ventás: con tamaños, guarnicións e acabados diferentes; aínda que todas dentro dunha liña de acción que unifica as súas diferenzas. Plano Lateral da Casa do Concello de Mazaricos Plano Lateral da Casa do Concello de Mazaricos Tratemos agora máis devagar a forma en que o noso arquitecto lle dou solución ao amplo programa de necesidades funcionais e simbólicas. Empecemos esta análise polo interior, polas diferentes plantas do edificio que, coas súas divisións espaciais, dan resposta ás principais esixencias. A parte frontal da planta baixa na zona de oficinas e na torre está ocupada polo amplo soportal xa citado. Un soportal que na zona correspondente á torre se amplifica ao longo da totalidade do espazo que comprende este elemento cargado de simbolismo. O ingreso ao interior está nunha posición lixeiramente excéntrica en relación ao longo total da fachada. En primeiro termo atopamos un vestíbulo e ao fondo, sen solución de continuidade, a caixa das escaleiras que vertebra todo o edificio en altura. Á dereita destes importantes tránsitos de comunicación atopábase unha oficina de contribucións e arbitrios, que coido que nunca cumpriu esta función, xa que este espazo foi ocupado pola escola de nenas da zona da Picota e arredores. A parte esquerda era a utilizada polos diferentes servizos do xulgado, agás un pequeno habitáculo con luces á fachada principal e con ingreso tanto dende o vestíbulo como dende o interior do xulgado, que tiña a función de portería das dúas institucións: o Concello e o Xulgado. Xulgado que se inscribía nun cadrado case perfecto, dividido pola metade por un corredor interrompido na súa parte final por unha pequena cela para reter a posibles delincuentes. A un e outro lado deste espazo de tránsito, atopamos a xa citada, portería e o xulgado propiamente dito, con luces á fronte principal; ao outro lado e iluminadas dende a fachada posterior estaban o despacho do xuíz, o arquivo e o aseo. Na primeira planta, que en todo edificio destas características está considerada como a parte máis nobre do inmoble, situábanse as instalacións do Concello propiamente ditas. Á dereita do vestíbulo estaba a secretaría, e no espazo xerado pola torre, -claramente diferenciado do resto das estancias polos grosos muros que o limitaban- tiña asento a alcaldía. A primeira instancia de poder ocupaba o ámbito construtivo máis importante do edificio e aberto, tanto á fronte principal coma á lateral dereita, por dúas grandes e voadas balconadas. Á esquerda da alcaldía e con acceso dende esta mesma dependencia e tamén dende o vestíbulo, encravábase o Salón de Plenos: tamén nunha posición sobranceira e, como veremos máis adiante, sinalado na fachada principal por un tratamento construtivo especial. Á esquerda do vestíbulo e tamén arredor dun corredor central, aglutinábanse o resto dos servizos municipais: oficinas para administrativos, depositaría, intervención e aseos. O segundo andar ocupábano as vivendas das que xa falamos. Unha máis grande, tanto en número de estancias como na superficie das mesmas, e con saída á fachada principal e á lateral dereita. Contaba con un gran salón comedor que se situaba no espazo da torre, cociña, tres dormitorios e baño. A máis pequena estaba iluminada dende a fachada posterior e a lateral esquerda e contiña a cociña, o comedor, unha sala, un dormitorio e un baño. Completaban o edificio o baixo cuberta e a terceira planta da torre; sen utilidade específica no proxecto e que, ata a súa rehabilitación para ampliar os servizos municipais nos anos noventa do século pasado, servían de almacéns. Todo o interior do edificio estaba pintado de branco, agás os elementos de carpintería que lucían un azul bastante esvaecido. De todos estes espazos temos que subliñar a escaleira. Articulada por tres tramos de chanzos arredor dun ollo central de boas proporcións. Con un pasamán de obra coroado por unha moldura que, ademais de sobresaír en anchura do paramento que a sostiña, tiña un tratamento de cor diferente, un azul semellante ao da carpintería. A caixa de escaleiras contaba con iluminación directa do exterior con ventás abertas ao baixo e á segunda planta. En liñas xerais lembraba unha obra de estética racionalista, debedora dos primeiros pasos do arquitecto. Severa e sinxela, pero con algúns detalles como o sinuoso e envolvente descorrer do pasamán ou o arranque dende o baixo, onde os chanzos se expandían máis alá do preceptivo, nun xogo que lembraba o fluír dunha fervenza. Foi unha pena que as obras que se levaron a cabo na década pasada para instalar un ascensor, botaran abaixo esta peza estrutural na que se depositaban os trazos con máis personalidade do deseño interior do edificio. Desta división interior que vimos de describir xa pouco queda a día de hoxe, de aí o uso reiterativo que fixemos dos tempos pasados na verbalización do texto. Sucesivos procesos de reestruturación e rehabilitación foron transformando a compartimentación e os usos do edificio dende a década de 1980. Só se conservan algunhas divisións de pouca entidade e os espazos xerados pola torre que continúa, na súa segunda planta, dándolle acubillo á alcaldía. Como dicíamos sucintamente liñas máis arriba ao referir as características xerais do edificio, estamos ante unha estrutura con dúas partes ben diferenciadas: a que chamamos zona de oficinas e a torre. O primeiro que nos chama a atención é o forte contraste entre a torre revestida de pedra e o cromatismo da zona de oficinas. Cromatismo composto por dúas cores, o branco a modo de baixo continuo e o gris para certos elementos decorativos e estruturais: as molduras que separan os tres andares, os enmarques das ventás e dos soportais, os modillóns que pautan a cornixa,… Acheguemos agora máis o foco na descrición dos alzados, deixando para máis tarde a análise da torre que, pola súa singularidade, trataremos de maneira integral. A fronte principal, igual que o resta da zona de oficinas, está dividida en tres corpos ou plantas. No primeiro corpo atopamos as catro aberturas de forma trapezoidal do soportal. Aberturas que se encontran enmarcadas por unha faixa lixeiramente realzada e de cor gris. Centrando a parte superior dos linteis, a modo de clave, aparece unha consola de poderosa volumetría. A imposta que serve de transición ao segundo corpo está apoiada sobre modillóns, situados en liña cos machóns que articulan a galería asoportalada. Son semellantes ás consolas citadas anteriormente pero de proporcións algo maiores. O segundo corpo ten un tratamento especial en consonancia coa planta nobre situada neste andar e co Salón de Plenos que se abre, precisamente, a esta fronte. A moldura de imposta que debía separar este corpo do seguinte é substituída por unha especie de viseira con cuberta de tella que se adianta poderosamente ao muro de feche. Sustentan esta estrutura e enmarcan as ventás catro grandes tirantes a modo de xigantescas ménsulas que se funden coa moldura de imposta que separa este corpo do anterior, coincidindo e prolongando verticalmente os machóns que pautan o soportal. Se as ventás do primeiro corpo son cadradas, aínda que retranqueadas ao interior dos soportais; as do segundo apaisadas e guarnecidas por unha faixa tenuemente resaltada; no terceiro corpo tamén atopamos un modelo diferente. Neste caso son rectangulares de orientación vertical e apoiadas en piares sobrevoados máis alá do paramento de feche. Quizais o trazo máis singular deste corpo sexa o enmarque destas ventás. Partindo dos piares ascende formando un ángulo duns 30 graos que se quebra e ensancha no primeiro terzo para continuar ascendendo ata fundirse cun friso inmediato ao aleiro. Friso que se atopa puntuado, coincidindo coa parte central de cada xanela, por modillóns que xogan a soster o moi adiantado perfil do aleiro que coroa o edificio e serve de transición ao plano inclinado da cuberta. As outras tres fachadas teñen unha configuración relativamente semellante. No primeiro corpo a maioría das xanelas son rectangulares e de orientación vertical, con piares sobrevoados e apoiados en ménsulas. Esta disciplina vese truncada polas catro ventás que na fachada posterior iluminan a caixa da escaleira, o aseo e o arquivo; e por unha quinta que na fronte lateral esquerda cumpre a mesma función con relación á pequena cela, agora desaparecida, para reter a potenciais delincuentes. Estes cinco ocos son relativamente pequenos e de forma trapezoidal. Os paramentos exteriores do primeiro corpo están animados por unhas bandas horizontais esgrafiadas sobre o morteiro que, de forma epidérmica e esquemática, nos lembran o almofadado tan socorrido nos edificios da Idade Moderna. Estas bandas eran máis densas no proxecto orixinal que na versión construída. O segundo corpo conta con ventás máis grandes, neste caso cadradas, enmarcadas por unha faixa lixeiramente realzada e de cor gris e apoiadas en piares que non sobrevoan máis alá do paramento exterior. Continúan as bandas biseladas horizontalmente sobre o morteiro, agora unicamente catro liñas percorren as distintas fachadas. A liña que subdivide as dúas últimas bandas québrase nun ángulo aproximadamente de 30 graos ata tocar o encadre dos ocos que ten debaixo e que, en certo sentido, se prolonga verticalmente nos peitorís das ventás alcanzando a liña da imposta inferior. Esta interrupción do almofadado déixalle sitio a unha especie de clave de cor gris que suspendida a certa distancia das xanelas, repítese, como xa vimos, noutras partes do edificio. O terceiro corpo destas tres frontes ten unha articulación idéntica ao que vimos en posición similar na fachada principal. O mesmo tipo de xanela, os mesmos enmarques que nos lembran algúns exemplos barrocos ou modernistas, o friso pautado por modillóns e o destacado e sobresaínte aleiro. Dende estas fachadas obtemos unha visión máis completa das dúas potentes e alongadas chemineas de tradición pacega que animan e acentúan a altura desta parte do inmoble. Deixamos para o remate desta descrición da Casa Consistorial o elemento máis característico da mesma: a torre. Estamos ante un prisma de base cadrada lixeiramente decrecente, de cuberta aparentemente plana, e cuns 14,50 m. de altura. Para lograr o decrecemento do que falábamos, as súas catro frontes teñen unha tenue inclinación que aparece sinalada claramente nas tres esquinas visibles das torre. Esquinas que non son tales, xa que na súa base introdúcese un ángulo recto duns 41 cm. en cada cara. Esta anchura inicial vaise estreitando a medida que este avanza ata o cénit da torre, onde desaparece e, agora si, toda a estrutura remata nun cadrado perfecto. Toda esta estrutura está revestida por pequenas lousas de pedra, agás os esquinais que están conformados por grandes pezas de cantería. Coincidindo, máis ou menos, coa placa que separa a segunda planta da terceira, cada un dos tres ángulos visibles aparece animado por unha gárgola de esquemáticas liñas. Para rematar a torre, en vez de botar man da trasnoitada e moi socorrida liña de ameas de tradición medieval e pacega, púxolle o ramo á obra cun sinxelo aleiro de topetes, cun voo moi escaso a semellanza dos que aparecen na arquitectura tradicional e que contrasta poderosamente co amplo aleiro da zona de oficinas. Se na zona de oficinas as diferentes plantas estaban claramente marcadas por liñas de imposta, os catro andares da torre carecen de calquera subdivisión horizontal. Agora será a sucesión de ocos o único elemento que nos informa da súa estrutura interior. Ocos que se repiten con exactitude nas dúas frontes visibles en toda a súa extensión: a principal e a lateral dereita. Na planta baixa en concordancia co resto da fronte principal, pero a maior escala, atopamos os soportais de forma trapezoidal. Na planta nobre, como xa dixemos, ábrese unha amplísima porta ventá con voado balcón protexido por varanda de ferro. Este oco ten un enmarque abucinado por grandes pezas de granito esgrafiadas con estrías de dirección oblicua. A terceira planta está animada por unha ventá apaisada e enmarcada por unha faixa de granito lixeiramente realzada e cun piar que sobrevoa sobre o paramento. O último andar no proxecto orixinal non contaba con ningún oco de iluminación propiamente dito. A pequena xanela de orientación vertical que agora aparece en cada fronte, era o lugar reservado para encaixar o escudo de Mazaricos. Elemento emblemático que por aquel tempo non posuía. A esfera do reloxo ponlle punto e final aos ocos que articulan as dúas frontes en sucesión ascendente e de tamaño decrecente. O feito de marcar nos ángulos o nivel de inclinación dos muros da torre é un dos maiores achados creativos de toda a construción. Con esta inclinación o noso arquitecto crea un verdadeiro módulo que se repite a menor escala: nas caras internas dos machóns que estruturan o soportal, nos tirantes que sustentan a viseira da fronte principal. E cun grao de inclinación algo superior: nas fiestriñas trapezoidais dos baixos da fachada posterior e lateral esquerda; nos enmarques que guarnecen as ventás da segunda planta; nas consolas que a modo de clave puntúan a parte superior dos soportais, dinamizan a cornixa e centran a zona enmarcada, sobre as xanelas, pola decoración que a modo de falso almofadado percorre os paramentos da primeira planta. Outro dos achados máis singulares do deseño da torre foi baleirar totalmente a súa base coa incorporación dos soportais. Onde sería normal que atopáramos zócalos ou estribos de reforzo, temos a contundente e poderosa volumetría do torreón suspendida sobre un bacío, apenas contrarrestado polos machóns das esquinas. Este feito unido á maina inclinación centrípeta dos paramentos e á sucesión decrecente do tamaño dos ocos que perforan as súas frontes; dotan a esta estrutura dun dinamismo e dun sentido ascendente que polo seu sorprendente arranque non é alleo ao exemplo da Torre Eiffel. Supoño que a estas alturas xa quedaría sen ningún lector, pois aínda me queda un pouco máis que dicir. Rey Pedreira xunguiu no seu proxecto múltiples influencias, empezando polas máis próximas e rematando polas máis afastadas no tempo e no espazo. O novo edificio reflicte a dupla realidade construtiva da vila na que se encrava: a pedra vista da torre coroada de sinxelos topetes aseméllase á arquitectura tradicional. Na zona de Oficinas tamén se deixan sentir algunhas características presentes no casarío que había por aqueles tempos na Picota. Referímonos a trazos de influencia indiana e colonial. Influencias que tamén poden chegar de máis lonxe. O tratamento da cornixa co adiantado voo do aleiro, a ausencia de pinchóns onde a cada fronte lle corresponde unha auga do tellado; lémbranos algúns exemplos da arquitectura doméstica do americano Frank Lloyd Wright. A torre coa pedra vista, a súa sorprendente volumetría, a súa considerable altura, a acumulación de elementos simbólicos (“loggia”, balconada, “escudo”, reloxo) constitúe o sólido apoio de toda a edificación. Un apoio con raíces profundas na tradición construtiva do País, pero filtradas por un proceso creativo que logra contemporizalas. O Consistorio mazaricán móvese, en liñas xerais, dentro das correntes historicistas da época. Tendencia que apreciamos con claridade na utilización de diferentes elementos estruturais e decorativos procedentes de diferentes épocas. En ningún momento pretendeu o autor que a Casa do Concello se mimetizara nun castelo medieval como, en certo sentido, propugnou Antonio Palacios no proxecto que fixo para o singularísimo Concello do seu Porriño natal. Nin tampouco intentou imitar unha construción pacega como así ocorre cos Consistorios de Marín ou Redondela. Non. Con trazos de diferentes xeiras arquitectónicas (a torre medievalizante, as chemineas pacegas, algúns enmarques das ventás de tradición barroca, o aire doméstico e indiano do corpo de oficinas, o racionalismo da escaleira,…), Rey Pedreira fusionounos nunha obra de forte personalidade e con nidias referencias á arquitectura máis contemporánea. A torre é un bo exemplo deste uso anovador. Parte dunha estrutura de formigón armado con paramentos de ladrillo revestidos de pedra, na que mestura materiais de longa tradición histórica con algúns elementos decorativos de diferente procedencia. En ningún momento o técnico coruñés pretende que o resultado se confunda cunha verdadeira torre de época medieval, nin tan sequera anterior ao século XX. Para inscribila dentro do movemento moderno busca e atopa solucións de grande creatividade que podemos sintetizar na tenue inclinación cara o interior das súas paredes; en deixar constancia exacta desa inclinación nos ángulos; na escolla dun perfil trapezoidal para os soportais, afastándose dos recorrentes arcos apuntados, de medio punto ou con lintel sobre pés dereitos; no baleirado da base elevando o resto da construción sobre un bacío, ou rematando toda esta estrutura cuns sinxelos topetes, dunha maneira totalmente allea a calquera retórica grandilocuente. Rey Pedreira seguindo as pautas que a tradición construtiva establecía para este tipo de edificios públicos: a torre, os soportais, unha densa rede de ventás e balcóns, as pedras de armas que nunca chegaron a materializarse, o reloxo,… Conseguiu prestixiar, monumentalizar e singularizar o edificio, imprimíndolle un vigor e un atrevemento moi propios do século XX.
  • Suso Jurjo, técnico de Cultura do Concello de Mazaricos.
 

Outras reportaxes mazaricás de Suso Jurjo

Novas relacionadas

Fonte

  • Suso Jurjo para o Concello de Mazaricos.

Comentarios