Martes. 16.04.2024
El tiempo

A Deputación e o concello de Zas renovan a xestión das Torres do Allo

A Deputación e o concello de Zas renovan a xestión das Torres do Allo
Visita-ao-Museo-das-Torres-do-Allo O concello de Zas xestiona dende hai 2 anos a difusión e as visitas das Torres do Allo Un ano máis, e xa van dous, a Deputación da Coruña e o concello de Zas volveron a asinar o convenio de colaboración que continúa co labor de promocionar as Torres do Allo, un monumento de referencia na Costa da Morte e que mes a mes segue batendo récords de visitantes.

Un maior coñecemento do ben, implicación da veciñanza na súa posta en valor,  desenvolvemento dun programa para o seu uso educativo e inclusión na estratexia turística municipal son algúns dos obxectivos do novo convenio de colaboración que continúa o modelo iniciado pola área de Patrimonio e Contratación, dirixida polo deputado Xesús Soto, para a xestión das Torres do Allo por parte do Concello de Zas.

Neste sentido, o novo convenio subscrito polo deputado Xesús Soto e o alcalde Manuel Muíño contempla a xestión do servizo de atención aos visitantes, comunicación e promoción do ben, creación dun espazo didáctico e a aprobación dun programa de actividades de animación.  Especial atención mereceu na avaliación da xestión anterior, o esforzo polo concello de Zas de dar a coñecer o que está considerado Ben de Interese Cultural e que é o primeiro monumento na principal vía de entrada á Costa da Morte. “Desde o concello desenvolveuse un importante labor de difusión, tamén a través das redes sociais e con soportes propios co fin de dar a coñecer as Torres do Allo como recurso turístico e patrimonial non só de Zas senón de toda a Costa da Morte e iso confirma a conveniencia de poñer o patrimonio da Deputación nas mans dos concellos en que se asentan”, valora o deputado Xesús Soto.

convenio-colaboracion-torres-allo-concello convenio-colaboracion-torres-allo-concello

Ao respecto, o alcalde Manuel Muíño confirma a axilidade e a proximidade á veciñanza do monumento desde que a xestión depende directamente do concello. “Agora a referencia é o propio concello e desde alí dáse resposta a consultas, solicitudes de visitas ou achegas de materiais informativos”, sinala.

Actividades

O convenio entre a Deputación e o Concello prolóngase ao longo de todo o ano e, ademais do espazo didáctico, o plan de comunicación e o investimento en recursos humanos contempla actividades de animación como organización de exposicións, Room escape, visitas teatralizadas, día do xogo tradicional, concurso fotográfico, mercado tradicional de San Ramón, monografías e congreso, e outras iniciativas de conmemoración das festas tradicionais. O orzamento ascende a 46.596,37€ que a Deputación da Coruña achega ao Concello de Zas para a xestión global do monumento.

Neste mesmo mes de maio inícianse as actividades escolares con visitas didácticas e obradoiros para o que o pazo do Allo estará aberto todos os venres co fin de que os centros podan achegarse con reserva previa. As visitas adáptanse a cada ciclo educativo co fin de mostrar os valores artísticos, históricos, medioambientais, científicos e etnográficos do Allo.

Canda as visitas, desenvolverase un programa de obradoiros que inclúe un taller de plantación de sementes chamado “Sementes do Allo”, obradoiro de tecido artesanal,  “Tecendo a miña roupa,  circuíto de probas a “Xincana do Allo” ou o de escudos heráldicos co obradoiro “Escudo de Familia”.

Desde que a xestión depende do concello de Zas, as Torres do Allo incrementaron o número de visitas e no período vacacional do 23 de marzo ao 1 de abril un total de 662 persoas achegáronse a visitar o monumento.

As Torres do Allo forman parte tamén dos itinerarios do programa de Turismo Escolar da Deputación da Coruña e forman parte co castelo e os muíños de batán de Vimianzo e o propio Dolmen de Dombate de Cabana de Bergantiños do círculo monumental de bens da Deputación da Coruña que conforman, en tan só cinco quilómetros á redonda, un circuíto de especial interese monumental e artístico na entrada da Costa da Morte.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios