Xoves. 28.03.2024
El tiempo

A folga do ensino déixase notar nos centros da Costa da Morte

A folga do ensino déixase notar nos centros da Costa da Morte

Hoxe, xoves 10 de maio de 2012, o alumnado de todo o país tiña convocadas folgas antes os continuos recortes en materia de educación. E malia que desta volta a convocatoria non foi tan extendida como outras veces, xa que estamos a fin de curso e xa que os centros de ensino xa levan unhas cantas folgas enriba este curso, a incidencia da folga de hoxe deixouse notar entre o alumnado da bisbarra. Non tanto, iso si, coma a folga do pasado mes de setembro.

Así, notamos que os grupos de 1º de Bacharelato de moitos dos centros si secundaron a folga. Non así os de 2º, que a piques de rematar o curso e meterse na Selectividade non puideron perder un día máis de clase. Iso si, cómpre destacar a resposta dos alumnos do IES de Ponteceso, onde convocaron unha manifestación a medio día para deixar patente que apoian as mobilizacións e rexeitan os recortes.
Unhas mobilizacións apoiadas polo colectivo Galiza Nova Bergantiños, que seguen coa campaña contra os recurtes baixo o lema "O ensino é un dereito, non un privilexio". Unha campaña informativa mediante unhas charlas e a realización de repartos polos distintos institutos da comarca, que culminaba hoxe cunha concentración diante do IES Ponteceso na que contaron con arredor dun cento de alumnos e alumnas.

No propio centro pontecesán tamén faltaron os alumnos do Ciclo de Administrativo, dos máis guerrilleiros da zona. En Bergantiños, tamén o IES Alfredo Brañas de Carballo notou a folga. Os de 1º de Bacharelato non apareceron e en 4º da ESO tamén houbo algo de incidencia.

Pola Ponte do Porto, no IES Pedra da Aguia "estas cousas chegan tarde", segundo nos comentaban os directivos e non faltou ninguén.

Falamos tamén co IES Terra de Soneira, outro dos centros máis reivindicativos pero no que houbo menos seguemento que outras veces. Así, en 2º de Bacharelatos e nos Ciclos Formativos non faltou ninguén; en 3º da ESO só faltaron un 25%; en 4º da ESO o seguemento da folga non chega ao 40%. Iso si, en 1º de Bacharelato faltou un 80%; do alumnado.

Xa chegando a Cee, no IES Fernando Blanco tamén baixou a resposta. Faltaron practicamente todos en 1º de Bacharelato, e nos Ciclos tamén faltaron case todos, con máis dun 75%. Pero nada en 2º nin na ESO.

Apoio político

O que quixo facer patente o seu apoio ás mobilizacións do alumnado foi o BNG de Bergantiños. O grupo da oposición manifestou o seu apoio as mobilizacións convocadas polo estudantado galego para o día 10 de maio, así como as concentracións convocadas para hoxe mesmo pola Plataforma en Defensa do Ensino Público Galego (na Coruña será ás 19:30 na Praza de Pontevedra).

O BNG presentará ademais mocións en todos os concellos de Bergantiños, "en defensa do ensino público galego e rexeitando os recortes aprobados polo goberno central, a través dun decreto que, ademais de invadir competencias da Xunta de Galiza, degrada enormemente a calidade do ensino público".

Novas relacionadas

Máis novas

Fonte

Comentarios