Venres. 19.04.2024
El tiempo

A Fundación López Abente e a SEMESCOM unen forzas para coidar o patrimonio

A Fundación López Abente e a SEMESCOM unen forzas para coidar o patrimonio
A Fundación Gonzalo López Abente xa está en marcha. De feito, esta semana desenvolve o seu primeiro acto público, para o que conta co Seminario de Estudos Comarcais para a Promoción do Patrimonio Cultural da Costa da Morte (SEMESCOM). Boa unión esta de figuras do eido cultural costeiro, de xeito que se atopamos aos Manuel Vilar, Marta Rey ou Xosé María Lema Suárez, xunto cos Rivadulla Corcón ou Xan Fernández Carrera, o resultado non pode ser negativo. A cita será o venres día 4 ás 8 da tarde na Casa das Beiras de Muxía, xunto á Biblioteca Municipal. E servirá para presentar o DVD "As imaxes de Santiago nas igrexas e santuarios da Costa da Morte". Ademais, tamén se proxectará o DVD Faros da Costa da Morte, presentado xa en Corcubión e as Terras de Soneira. Ambos documentais foron realizados polo Seminario de Estudos Comarcais para a Promoción do Patrimonio Cultural da Costa da Morte.

"As imaxes de Santiago nas igrexas e santuarios da Costa da Morte"

Ficha técnica

  • Guión: Manuel VILAR / Xosé Mª LEMA.
  • Dirección: Xosé Mª LEMA.
  • Produción e imaxe: Marcos GALLEGO.
  • Narración: Elena MAREQUE.
  • Edición e posprodución: Mon MOARES. Peregrino: Manuel VILAR.
  • Fotos: Eva LÓPEZ AÑÓN, Xosé Mª LEMA.
  • Duración: 16 min.
  • Subvencionado por: Deputación da Coruña (Proxecto Singular “Percorrendo Vieiros da Costa da Morte”) .

Sinopse

Un peregrino chega de afastadas terras a Compostela. Unha vez visitada a catedral, sente o impulso de continuar a súa viaxe cara ás terras da Fisterra, considerada a fin do mundo polos antigos. Interesado pola iconografía xacobea, leva na súa mente as representacións do Apóstolo que viu na catedral compostelá (o peregrino da Porta Santa e da fachada do Obradoiro, o belicoso cabaleiro con espada na man matando mouros, os sedentes do altar maior e do Pórtico da Gloria…). Tiña noticia de que nas terras máis occidentais, de ricas lendas xacobeas, atoparía outras iconografías. Evocando no seu pensamento estas antigas lendas emprende o Camiño de Fisterra para comprobalo: ademais das iconografías máis tradicionais –o peregrino e o matamouros- nas igrexas e santuarios da Costa da Morte o peregrino poderá contemplar outras imaxes de Santiago que practicamente só existen neste territorio, como a da Barca de Muxía –onde o Apóstolo aparece axeonllado a pé da barca na que ven a Virxe María (iconografía semellante á do Pilar de Zaragoza)- ou a de Cereixo, onde se representa a translación en barca do corpo sen vida de Santiago de Palestina a Galicia (é a translatio Beati Iacobi). No documental tamén aparecen os senlleiros Santiagos peregrinos de Santa María das Areas de Fisterra, os sedentes de Coucieiro e da Ameixenda, os cabaleiros das fachadas de Traba e do Briño (Borneiro) etc.

Novas relacionadas

Máis novas

Fonte

Comentarios