Martes. 16.04.2024
El tiempo

A futura carballeira de Laxe

A futura carballeira de Laxe
A futura carballeira de Laxe non só contará con carballos, senón que terá outras especies autóctonas como o castiñeiro, loureiro, azoutacristos, abeleiras e o acivro. Así o están determiando as xentes da Asociación Ambiental Contramínate, que leva traballando dende o pasado outono no Proxecto Landras, a través do cal están creando, a base de sementar xunto comunidade educativa do CPI Cabo da Area de Laxe, un fermoso bosque autóctono na zona da Insua. Grazas a ANPA, as familias prepararon un terreo e facilitaron o traballo ós máis pequenos, executando unha Unidade Didáctica proposta, que contempla a plantación de árbores para enriquecer o bosque da Insua con plantas autóctonas, entre outras actividades de educación ambiental. Unha acción que busca que a rapazada aprenda a amar e coidar dos bosques da súa contorna, que poderá gozar nun futuro próximo, xa como adolescentes e adultos.

Unha carballeira con historia

Repoboado en 1977 con pino pinaster, o bosque da Ínsua loitou durante anos para sobrevivir en condicións adversas. A plantación fíxose con mimo, colocando cada un dos plantóns nun tubo plástico para protexelos do sal e do vento. Como resultado daquel investimento público e do moito esforzo para consolidar o chan e crear un bosque, propiedade municipal, hoxe gozamos dun lugar de abrigo con vistas abraiantes. Este Proxecto Landras nace do “desexo de enriquecer este piñeiral con exemplares autóctonas”. Para isto, cada alumn@, desde infantil ata secundaria transplantou unha árbore nada nun dos seus viveiros locais, coas sementes recollidas nos bosques do concello. Aproveitaron os claros e o espazo liberado polas torres de alta tensión para os carballos, mentres que ás zonas abrigadas e ó sotobosque, reserváronse os acivros. Cada árbore quedou sinalizada cunha estaca onde figura o nome da persoa que o plantou. En total levan plantados uns 350 exemplares. Este mércores remata a plantación: queda agardar á primavera para que cada nen@ visite á súa árbore e vexa rexurdir a plantación dun bosque que xa é noso”, sinalan dende Contramínate.

Novas relacionadas

Fonte

  • Contramínate.

Comentarios