Venres. 19.04.2024
El tiempo

A mocidade da Costa da Morte tamén se rebela por un ensino público

A mocidade da Costa da Morte tamén se rebela por un ensino público
Concentración polo ensino público no IES Baio

Desta volta o seguemento do alumnado da Costa da Morte da Folga Estudiantil, por un ensino público e encontra da reforma educativa do goberno central, foi masiva. Ducias de centros da bisbarra fixeron folga durante este mércores 17 de outubro, e mesmo se celebraron concentracións de protesta en varios puntos, como o IES Ponteceso ou diante do IES Fernando Blanco de Cee, como vemos nas fotos que nos foron chegando.
Unha folga que continúa hoxe 18 de outubro, pois moitos pais e nais están apoiando que os rapaces non acudan ás escolas.

Desta volta, as mobilizacións partiron ademais de diversos focos. As ANPAs, Asociación de Pais e Nais das escolas convocaron varias das manifestacións. Noutros centros foron os propios alumnos, mentres que os sindicatos de estudiantes como Galiza Nova foron os convocantes nos centros onde teñen afiliados. Todos con varios berros pero cunha soa voz: "Por un ensino público de calidade"; "Non aos recortes en educación!", "O ensino é un dereito, non un privilexio!".

Moitos centros foron os que secundaron, en maior ou menor medida, a folga: o IES Agra de Raíces e o IES Fernando Blanco en Cee, o IES Maximino Romero de Lema de Baio, o IES Terra de Soneira de Vimianzo, o IES Ramón Caamaño de Muxía, o IES Fin do Camiño de Fisterra ou o IES Lamas de Castelo de Carnota. Ou o propio IES Ponteceso, onde foron os propios alumnos os que artellaron ea folga:

Manifestacion no IES Ponteceso polo ensino publico Manifestacion no IES Ponteceso polo ensino público na Folga Estudiantil do 17 de outubro de 2012

Deixámosvos sen máis co Manifesto que Galiza Nova preparou para a ocasión.

Manifesto de Galiza Nova para a Folga Estudiantil do 17 de outubro

Manifestacion de GalizaNova diante do IES Fernando Blanco de Cee polo ensino publico na Folga Estudiantil do 17 de outubro

A Educación é un dereito, un dereito de todas e todos, que os gobernos teñen a obriga de garantir nas mellores condicións. Só a través do ensino público se poden minorar as diferenzas sociais e se poden formar as xeracións do futuro nos valores da liberdade, da igualdade, dos dereitos humanos e da democracia. O ensino non é unha mercadoría. Nunca pode ser medido con criterios de rendibilidade económica. A súa oferta e calidade debe estar garantida para todas e para todos, independentemente da procedencia socioeconómica ou xeográfica, coa aplicación de medidas compensatorias necesarias para garantir a igualdade de oportunidades.

Porén, o Goberno da Xunta, presidido por Núñez Feijóo, veu aplicando sucesivos recortes ao ensino público galego durante estes tres cursos e reduciu en 425 millóns os orzamentos en relación aos do ano 2009. As súas decisións provocaron a destrución de máis de 2500 prazas de profesorado, o peche de 12 centros escolares, a supresión de 132 unidades en Educación Infantil e Primaria, e a redución en comedores escolares. Xunto a isto, o goberno do PP eliminou a gratuidade dos libros de texto mentres incrementou o IVE do material escolar, co conseguinte gasto para as familias. Ao mesmo tempo non cobre as baixas do profesorado inferiores a quince días, mentres mantén e incrementa as axudas aos centros privados concertados que, nos tres últimos anos, recibiron perto de 1.000 millóns de euros, entre eles os centros que segregan o alumnado por sexo, malia a sentenza do Tribunal Supremo en contra da subvención a este tipo de centros que non poden percibir fondos públicos por atentar contra o principio de igualdade. Tras estes 3 anos e medio de goberno do PP na Xunta de Galiza iniciamos o actual curso 2012-2013 con graves recortes no ensino galego que afectan á súa calidade e poñen en perigo o seu carácter de servizo público universal e, polo tanto, a igualdade de oportunidades do estudantado galego.

A crise económica está a servir de escusa para o PP aplicar o seu proxecto ideolóxico, que pretende converter o ensino público nun negocio máis, ao servizo de intereses dunha minoría, a costa de que as fillas e fillos d@s traballadores se vexan expulsad@s do ensino. Dentro desta estratexia da dereita política, social e económica enmarcase a aprobación por parte do Consello de Ministros do goberno Rajoy do Anteproxecto de Lei Orgánica para a de Mellora da Calidade do Ensino. Un proxecto que supón unha involución pedagóxica sen precedentes que pretende volver ao modelo educativo do franquismo.

A nova reforma educativa imporá 4 reválidas, para segregar e expulsar da educación o alumnado con máis dificultades. A contrarreforma educativa establece exames de carácter estatal aos 8, 11, 15 e 18 anos, coincidindo co remate das etapas educativas, o que provocará a separación d@s estudantes en función do seu rendemento e as súas cualificacións. Polo tanto, eliminarase a avaliación continua e o papel de inclusión e igualdade social do ensino, para transformalo nunha educación elitista e clasista. Isto sumado ao incremento das ratios de estudantes por aula, que poden chegar a 30 alumnos/as por profesor/a en Infantil e Primaria, 36 en Secundaria e 42 en Bacharelato, provocará a masificación das aulas, impedirá unha atención personalizada do alumnado e suporá unha diminución da calidade do ensino e un maior fracaso escolar.

A contrarreforma do PP busca que @s estudantes sexamos man de obra barata. @s estudantes de 3º da ESO terán que escoller se orientan os estudos a FP ou Bacharelato. Esta escolla tan temperá, e sen posibilidade de retorno, busca reducir ao máximo o alumnado que cursa o Bacharelato e que acede á universidade. Se temos en conta o deterioro da oferta de FP´s esta tampouco será unha saída para moit@s estudantes e parad@s que buscan unha formación máis actualizada. A isto temos que engadirlle a redución da oferta de Bacharelato que teñen que impartir os centros, pasando do mínimo de dúas modalidades a unha. Polo tanto, o estudantado das zonas rurais ou con dificultades económicas terá que estudar a opción que lle ofreza o centro máis próximo ou pagar do seu peto o desprazamento a outro centro, noutra zona. Isto reducirá aínda máis a poboación no rural, incrementará o abandono escolar e dificultará que se cursen os estudos desexados.@s estudantes e as familias pagarán máis, por un ensino de peor calidade.

En setembro, o goberno do PP decidiu aumentar o IVE do material escolar un 21%, que se suma á subida doutros produtos básicos e do transporte, nun momento de dificultades económicas para a maioría das familias. A eliminación de 2.500 profesores dende a chegada de Feijóo ao goberno galego, a masificación de estudantes nas aulas e a redución de contidos para moitas materias, mais non para a relixión (!!), empeorarán gravemente a calidade do ensino que recibirán @s estudantes que seguirá sen ser laico.En Galiza auméntanse as taxas universitarias, mentres na maior parte de Europa son gratuítas. O goberno Feijóo incrementará as taxas de 1ª matrícula para os vindeiros tres anos, o que vai impedir o acceso ao ensino superior das persoas economicamente máis desfavorecidas. Este curso xa se aumentou a 2ª matrícula nun 20%, a 3ª nun 66% e a 4ª nun 90%. Mentres en Alemaña, Dinamarca, Austria, Finlandia, Noruega ou Suecia a matrícula é gratuíta, no Estado Español o PP obrigará ás familias a pagar a maior parte dos estudos dos súas fillas e fillos. Ao mesmo tempo, o PP endurece os requisitos para percibir axudas ao estudo. A partir deste curso necesitaremos ter aprobados o 85% dos créditos nas carreiras técnicas e o 100% nas restantes e unha media superior a 6 puntos. O PP pretende que o ensino pase a ser un privilexio dunha elite e non un dereito de tod@s.

Ademais esta reforma educativa reducirá dun 45% a un 35% a planificación dos contidos escolares por parte do goberno galego, o que, xunto cos recortes, supón unha invasión das competencias da Xunta de Galiza en materia de educación e unha maior españolización.

Por todo isto, o estudantado galego rexeita os sucesivos recortes no ensino público galego, tanto por parte da Xunta como por parte do Goberno Central. Así mesmo, rexeitamos á contrarreforma educativa do PP, impulsada polo goberno Rajoy e aprobada xa no Consello de Ministros, porque supón a imposición dun modelo educativo sectáreo e clasista. Por todo isto pedimos a súa retirada e anunciamos que no caso de que isto non aconteza continuaremos as mobilizacións ata que se rectifiquen estas políticas. As mozas e mozos galegos cremos que é necesario defendermos os nosos dereitos e non permitir que destrúan o noso futuro os mesmos que están condenando ao paro e a miseria a amplas capas da sociedade galega. Por isto os membros da comunidade educativa -estudantes, nais e pais e traballadores do ensino- censuramos e reprobamos as políticas do goberno Feijóo e polo tanto, chamamos a expulsar ao goberno do Partido Popular da Xunta de Galiza. Non permitamos que gobernen os que están a desmantelar o ensino público galego. Parémoslles os Pés. O ensino é un dereito e non un privilexio!

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC ([email protected]).
  • Alumnado do IES Ponteceso.
  • Nota de prensa de Galiza Nova Costa da Morte.

Comentarios