Mércores. 24.04.2024
El tiempo

A participación veciñal, fundamental na redacción da estratexia de mellora do espazo público de Carballo

A participación veciñal, fundamental na redacción da estratexia de mellora do espazo público de Carballo
  Ter un documento de estratexia de mellora do espazo público, de mobilidade, de fomento do uso da bici… xa é todo un paso para un Concello na Costa da Morte. Pero que ademais conte coa cidadanía para a súa redacción parece extraído dun conto futurista. Pero non, acontece en Carballo, estes días, e sen a implicación veciñal nin a exposición mediática que merece un proxecto así. Esta semana o Concello presentaba en sociedade un documento que sae tras ano e medio de procedemento, e despois do mes de exposición pública da “Estratexia de mellora e xestión do espazo público”. O seu proceso de elaboración ten contado absolutamente a participación veciñal, e o documento final “ vai servir de guía á hora de deseñar a cidade que queremos”, como sinalou a concelleira de Planificación e Mobilidade Urbana, Milagros Lantes. Pouca xente para a reunión aberta ca cidadanía na Biblioteca Rego da Balsa, celebrada esta pasada semana. Pero en todo caso, cómpre destacar a presencia de moitos veciños e veciñas a título individual e tamén en representación de diferentes colectivos, que puideron expresar o seu parecer e que presentaron as súas suxestións e achegas. O Concello xa permite descargar o borrador da Estratexia, e estas son algunhas ideas que se van intentar ir implementando en 2, 4 ou 8 anos:
  • Programa de mellora dos modos non motorizados mediante accións coma a homoxeneización da rede de itinerarios ciclistas ou a creación dunha rede de itinerarios peonís.
  • Accesibilidade e espazo público, a través da unificación dos pavimentos táctiles nas rúas, por exemplo.
  • Programa de control e ordenación do tráfico e estrutura da rede viaria, no que figuran aspectos coma a xerarquía das rúas, a ordenanza de circulación (tamén en fase de aprobación), o acougado do tráfico ou a ordenación dos accesos aos centros educativos.
  • Programa de distribución urbana de mercadorías, que inclúe, xunto a outras actuacións, a prolongación da rúa Vila de Negreira ata Bértoa, que conta cun apartado específico debido á súa importancia para a ordenación futura do tráfico.
  • Fomento do transporte público, con medidas consensuadas coa Administración competente para poder utilizar no casco urbano as distintas liñas de transporte regular ou escolar, entre outras medidas.
  • Regulación do estacionamento con mellor sinalización ou a creación de aparcadoiros de proximidade.
  • Programa de seguridade viaria.
  • Programa de mellora da calidade ambiental e aforro enerxético.
  • Programa de promoción de boas prácticas en mobilidade.
Carris bicis de Carballo O documento analiza a necesidade de seguir apostando pola unificación dos carrís bicis de carballo

Novas relacionadas

Comentarios