Venres. 19.04.2024
El tiempo
José Luis Louzán
12:09
11/11/19

A persistencia no erro

A persistencia no erro

O sucedido onte non ten nada de inesperado. É probable que alguén pense que “facer cousas diferentes produce resultados distintos” pero, salvo para unha boa frase, este axioma atribuido a Albert Einstein non ten por quee cumprirse.

Alguén debería falar con Iván Redondo e darlle as grazas por tanta sabedoría. Este señor vn sendo, para quen non o coñezades, o epítome do asesor político “high class”. Unha sorte de gurú que dá receitas e consellos a xente coma Pedro Sánchez para que este ignore as bases do seu partido e prefira convocar unhas eleccións antes que sentarse a negociar. Un tipo que foi durante anos conselleiro do PP (si, do PP) e que agora vai de social-demócrata e espíritu libre. Jordi Évole, o xornalista, revelaba esta pasada semana que, en xuño!, os socialistas xa tiñan decidido que non ían negociar nada con Podemos e que preferían ir a eleccións.

Hai despois quen usa unha difícil equidistancia para xustificar que Sánchez non tivo máis remedio que convocalas e expoñer ao país enteiro a un tsunami de fascismo consumado en 52 deputados tardofranquistas no congreso dos deputados disfrazados de verde. Hai quen afirma, sen poñerse vermello, que se alguén ten a culpa de todo isto é Pablo Iglesias, obviando que se someteu as bases de Podemos (a estas si lle preguntan cousas a miúdo) a decisión de si aceptar, unha vez máis, o regalo dun goberno en solitario a quen carece dos apoios suficientes para mantelo e consumalo ou si apostar por unha coalición. Os inscritos en Podemos votaron masivamente que en coalición ou nada, pero a culpa é de Iglesias. Aha...

A segunda oportunidade que se nos ofrece ten un valor aínda maior que a do 28 de Abril pasado. Un acordo de coalición entre Socialistas e Unidas Podemos, con apoio de forzas progresistas e a abstención dos independentistas se presenta coma mínimo complicado. A verdade é que a cousa pinta mal, para que enganarnos. Pero o único xeito realista de facer que o ascenso (tamén fictício, ollo ó parche) de VOX pase por unha anécdota, está na existencia dun goberno que estabilice os próximos catro anos e deixe en evidencia o nivel de xenofobia, misoxinia e fascismo ao que chegan os do partido ultra. Non hai máis. E non hai menos.

Así as cousas, as preguntas a respostar en Moncloa hoxe son sinxelas, e debe ser o PSOE quen as resposte: Entenden por fin que todo pasa por un goberno de coalición? Comprenden Abalos, Calvo e sobre todo Sánchez o grave das súas decisións ou de aceptar coma bos os consellos de quen foi conselleiro preferente de Rajoy durante anos?. E aínda tan importante coma esto, aceptan no partido socialista que os tempos mudaron e que se fai preciso entender que a única forma de lograr un goberno progresista pasa por convivir e negociar con ese aos que tanto desprezan?... non, non falo de VOX, falo de Unidas Podemos.

Todos son responsables dos seus actos e Sánchez deberá respostar polos seus, ao igual que Iglesias polos del. Deben falar, deben ceder e deben acordar... ambos. O demais, será so outra forma de persistencia no erro, perigosa e kafkiana, moi propia do tempo que nos tocou vivir.

Veremos.

OUTROS ARTIGOS DE JOSÉ LUÍS LOUZÁN

INFORMES SOCIOECONÓMICOS DE JOSÉ LUÍS LOUZÁN

Comentarios