Venres. 29.03.2024
El tiempo

A Pipa: Goles, emoción, incerteza, bo xogo e entrega de principio a fin

A Pipa: Goles, emoción, incerteza, bo xogo e entrega de principio a fin
Imaxe do Muros-Volantes-Foto-Manuel Caamaño Imaxe do derbi Muros-Volantes-Foto-Manuel Caamaño Estes foron os ingredientes que presentaron os equipos nunha xornada de excelentes partidos en todas as categorías, con triunfos importantes e derrotas nalgúns casos non sorprendentes, pero si un tanto inesperadas. En definitiva, fútbol en pura esencia na Costa. Na 2ª Galega da Costa, non cede o Mazaricos, que conta os seus partidos por triunfos, e en Louro sufriu de xeito abondo para derrotar ao conxunto local. Os amarelos adiantáronse no marcador ao comezo do choque, cun tanto de penalti, e aumentaron a súa vantaxe aos cinco minutos da segunda metade. Recortaría o equipo de Oscar Leis, pero logo quedaríase con nove futbolistas por senllas expulsións no minuto 80, o que aproveitaría o Mazaricos para sentenciar a contenda. Á beira do Mazaricos marcha a Esteirana, que logrou un triunfo dos que deixan pegada no terreo do Outes, por 1-2, nun gran encontro, tendo que remontar o tanto inicial dos homes de Cambeiro, pero é que os azulgrana ten grandes esperanzas nesta campaña, cun equipo novo e con ilusión, soubo sacar adiante o difícil compromiso nun Cunchido que presentou unha gran entrada de afeccionados. Sufriu moito o Ponteceso para derrotar no seu terreo do Pinguel a un Malpica que se defendeu con moitísima orde. Pese a todo os locais puideron adiantarse no marcador aos 12 minutos, nun penalti que detivo o meta malpicán Nacho, debutante nesta xornada. Os dous goles chegarían no tramo final da contenda, a falta de quince minutos, deixando os tres puntos no casillero local. O Buño alcanzou o seu primeiro triunfo da tempada en Zas, ante un Sporting que se adiantou no marcador moi pronto e que na primeiro metade gozou de varias oportunidades para sentenciar a contenda. Tralo descanso, e logo de realizar unha parada de gran mérito Brais, o Buño aproveitaría dous erros defensivos locais para darlle a volta ao marcador e logo defenderse moitísimo orde ante o acoso local. Gran partido en Vimianzo, onde unha das sensacións da tempada, o Lira, atopouse cun Pablo Muiño impresionante, que con tres tantos na segunda metade, facía que o choque se decantase ao lado do Baiñas, que logra, deste xeito, o seu primeiro triunfo da tempada, pese a que o Lira nunca deu o partido por perdido, nin con 2-0 nin con 4-1. Tamén rompeu a boa liña do Camariñas o Corme, que se volveu a atopar coa vitoria no Cairo, e venceu aos da vila dos Encaixes por 3-1. Un gol de Alejandro, a dous minutos do descanso, foi crucial para o desenlace final do choque, pois ata ese momento a igualdade foi a tónica. Na segunda metade, acrecentouse o dominio local, sobre todo trala expulsión de Javi Antelo, marcando un novo gol os pupilos de Angel. Impresionante o choque entre Cerqueda e Muxía, cun tempo para cada equipo. Na primeira metade, os visitantes colocaron un claro 0-2 no marcador, cun gol no primeiro minuto de xogo, pero na segunda parte, os homes dirixidos por Periscal saíron máis enchufados, recortando moi pronto e empatando a falta de vinte minutos, que foron moi intensos e onde calquera puido levarse os tres puntos ao seu casillero. Primeiro triunfo do Coristanco, que superou en Cee ao Unión nun choque moi intenso e cos tres goles na segunda metade. Pese a todo, o Coristanco realizou un bo primeiro tempo, onde xa puido adiantarse no marcador e cando o fixo, aos cinco minutos da segunda metade, chegaría o mellor xogo local, empatando o sempieterno Leo. Nunha contra, a falta de cinco minutos, chegaría a sentenza visitante, pese aos intentos de empate locais. Na próxima xornada, o líder, Mazaricos, recibe ao Lira, mentres que os seus perseguidores, Esteirana e Ponteceso, mediranse en Esteiro, no partido máis atractivo da xornada. O Corme, cuarto, visita a un Coristanco que quere referendar o triunfo do pasado domingo, con bos partidos no resto da xornada, que se conforma co Montelouro-Cerqueda; Muxía-Cee (duelo de históricos no Novo Arliña); Camariñas-Outes; Malpica-Sporting Zas e Buño-Baiñas.

Preferente

Os triunfos do Sofán e Dumbría aúpan aos homes de Iván Cancela e Diego Lobelos aos postos de cabeza na clasificación, mentres que o Xallas viu como o Castro levábase os tres puntos de xeito inesperado da Fontenla. Nas Eiroas, dous tantos de Fabián, en cinco minutos, sentenciaron o duelo entre Sofán e Boimorto, deixando o triunfo ao lado de quen máis o mereceu, sobre todo tras uns primeiros trinta minutos excelsos no xogo local. Na segunda metade, o Boimorto quixo, pero non puido, e o Sofán soubo nadar e gardar a roupa. No Conco, o Dumbría volveu mostrar a súa fortaleza, tanto na faceta defensiva como no aporte ofensivo dos seus xogadores, e non deu ningunha opción ao Outeiro de Rei, liquidando o choque nos primeiros 50 minutos. Xusto triunfo e quinta praza para os pupilos de Lobelos. Inxusta derrota do Xallas na Fontenla nun partido onde os xalleiros mereceron moito máis e viron como se lles anulaba un tanto, na primeira metade, onde primeiro houbo penalti claro a Doro e, tras deixar o árbitro continuar a xogada, marcaba Alex Blanco e o liña sinalaba fóra de xogo do propio Doro que non interviña na acción. Tralo gol visitante, o Xallas quixo, pero atopouse cunha rocosa defensa visitante que impediu o seu gol. Na próxima xornada, o Xallas renderá visita a un Ordes crecido, mentres que o Sofán visitará ao Outeiro de Rei e o Dumbría fará o propio á Estrada, para medirse ao Estudiantil.

1ª Galega

Só o Soneira sumou os tres puntos en disputa nesta xornada, onde o Baio empataba no Pratas Reinoso e Fisterra e San Lorenzo perdían ampliamente. En Riveira, os pupilos de Rafa Suárez vencían e convencían ante un once local moi irregular. O Soneira mostrouse moi superior e suma tres puntos que lle colocan a un punto do liderato. Non tivo fortuna o Fisterra en Silleda, onde encaixou un inesperado 4-0, con tres goles encaixados na segunda metade, na que os verdes non estiveron nada atinados. Xa o partido púxoselles costa arriba co gol inicial dos locais e, con 2-0, fallaron o lanzamento dun penalti, que puido meterlles no partido. En contraposición, o debut de varios xuvenís, como nota positiva no conxunto fisterrán. O Baio, pese a adiantarse no marcador con gol de Norberto, viu como o Agolada, aos catro minutos da reanudación, daba a volta ao marcador, empatando a falta de quince minutos o once blanquiazul, que puido gañar a contenda, pero que tamén puido ver como se lle escapaban os tres puntos. Non ten fortuna o San Lorenzo, que nesta ocasión viu como un moi mellorado Siigüeiro aproveitábase da mocidade e inexperiencia local para vencer nas Pedreiras por 0-3, cun tanto a pouco de iniciarse a contenda e dúas máis no tramo final do encontro. Resultado moi forte para os méritos de ambos equipos. Na próxima xornada buscará o seu primeiro triunfo o San Lorenzo nas Pedreiras ante o irregular Riveira, mentres que o Soneira medirase en Vimianzo ao Silleda coa mente posta no liderato. Complicado partido en Ara Solís, onde o Fisterra recibe a un difícil Unión de Asados, viaxando á Pobra do Caramiñal o Baio, para medirse a un Pobra que é capaz do mellor e do peor.

3ª Galega

O Cabana é o novo líder da Terceira Autonómica tralo seu gran triunfo no difícil terreo de xogo do Porteño, outro dos grandes candidatos á loita polo ascenso a Segunda. Os pupilos de Oscar Mingui, cun gol aos catro minutos de iniciarse a contenda, soubo sacar os tres puntos en xogo, pese aos intentos locais de conseguir, polo menos, o empate. Non cede o Ameixenda do mestre Manolín, e en Vimianzo sufriu moito para derrotar a un Castrelo que se colocaba con 2-0 no marcador ao final dos primeiros 45 minutos. Na segunda metade, os visitantes, tras un golazo de Álex, foron capaces de remontar a contenda e levarse os puntos en disputa. O derbi de Muros saldouse cun empate a cero tantos, que mantén aos locais invictos e frea a marcha dun Volantes que non quere quedar lonxe da cabeza. Pouco fútbol e moita intensidade, como adoita suceder, cun ambiente excepcional de afeccionados nas gradas. O outro encontro da xornada disputouse en Camelle, onde o once local recibía ao Laxe, invicto, ao que vencía por 2-0, con dous tantos de Barreiro, un en cada tempo, e onde o Laxe acusou, e moito, a baixa por lesión de Oscar Toja. Terceiro triunfo consecutivo do Camelle, que se coloca a un punto do liderato. Gran partido en Corcubión onde o once local remontou por dúas veces senllas vantaxes do Nantón, adiantábase no minuto 61 e vía como un gol de Pablo, en propia porta, no último minuto, situaba o empate a tres goles no marcador, que deixa aos visitanets na cuarta praza e aos locais moi lonxe dos postos de privilexio. Para rematar, non tivo problemas o Seaia para sumar un amplo triunfo ante o mozo conxunto do Outes B, pese a que se adiantou o marcador e chegou a colocar o 2-2 antes do descanso. Un gol a falta de dous minutos para retirarse os dous equipos ao vestuario, e dous máis na segunda metade, colocaron o 5-2 final para o conxunto local. Na próxima xornada, descansa o líder, Cabana, polo que os seus perseguidores intentarán arrebatarlle, polo menos momentaneamente, a súa privilexiada posición. Pero non o terán fácil, por canto o Camelle rende visita a un Castriz que quere achegarse á cabeza, e o Ameixenda recibirá en Cee ao inexperto Corcubión. Partido grande en Nantón, coa visita do Porteño, mentres que o Laxe buscará retornar á senda do triunfo ante o Seaia. Muros, en Outes, e Volantes, ante o Castrelo, parten inicialmente como favoritos ante os dous conxuntos que contan os seus choques por derrotas.
  • Manuel Corredoira, Entrenador UEFA PRO, Nacional Nivel 3 de Fútbol e Director Deportivo pola RFEF, formador da Escola Galega de Adestradores, actual coordinador das Escolas de Fútbol Base de Zas e Delegado da Federación Galega de Fútbol para a Costa.
A pipa de Corredoira

A Pipa 17/18

Fonte

Comentarios