Venres. 19.04.2024
El tiempo

A Pipa: Ponteceso e Baíñas, en sorprendente caída tras un comezo prometedor

A Pipa: Ponteceso e Baíñas, en sorprendente caída tras un comezo prometedor
Ponteceso goleado en Camarinas-Foto-SD O Ponteceso caeu goleado en Camariñas-Foto-SD A 5ª xornada da competición na Costa mantén ao Castriz como líder forte e a un Club Deportivo Baio que se coloca a rebufo dos xalleiros e mostrando os seus credenciais para o ascenso. Pero as notas máis sorpresivas, polo negativo das mesmas, son os novos tropezos de Ponteceso e Baíñas, que colocan aos primeiros en posición moi complicada e aos segundos en zona de descenso. O once de Barca viuse superado ampliamente por un Camariñas excepcional, malia a mocidade que impera nas súas filas, e encaixou un resultado moi rechamante e duro, con sete goles encaixados, o que lle coloca na 15ª praza da clasificación xeral, moi afastado dos postos de privilexio, mentres que o once da Vila do Encaixe sitúase a tres puntos da promoción e a catro dos primeiros clasificados. Dous partidos chamaban poderosamente a atención nesta xornada: o que disputaba o líder no seu terreo, ante o Baíñas, e o duelo de Mazaricos, coa visita do Baio. Os rossoneros saldaron a contenda vencendo ao Baíñas por 3-1, mostrando solvencia e superioridade sobre o seu rival, ratificando o seu liderado na táboa, mentres que deixa aos visitantes en zona de descenso, con tres puntos en cinco xornadas. En Mazaricos, os locais viron como un solvente Baio, cun bo traballo de contención e contrarrestando perfectamente o estilo de xogo dos homes de Néstor, sempre moi complicados no seu terreo de xogo, sumaban os tres puntos en xogo e erguíase á segunda praza da clasificación, deixando moi lonxe da mesma aos amarelos, que coquetean perigosamente coa zona de descenso. Triunfo do Cerqueda no reducto dun Coristanco que é o único conxunto da categoría que non sumou nin un só punto, con cinco derrotas noutros tantos encontros, e que viu como un Cerqueda moi serio liquidaba a contenda na primeira metade da mesma, para defender a súa renda na segunda parte e sacar os tres puntos que lle sitúan na terceira praza, cos mesmos puntos que o Baio e a un punto do Castriz. Retomou a senda do triunfo o Corme, logo de dous encontros coa pólvora mollada, pero ante os pupilos de Emilio Corzón, os azuis sacaron adiante o compromiso, non exento de dificultades, e mantéñense a dous puntos do liderado, sendo, xunto co líder, o único equipo que non coñece a derrota na competición costera. Ante o Porteño, o Cee, que viu truncada o seu impoluta marcha na xornada pasada en Corcubión, sumaba un triunfo importante para non perder o ronsel dos primeiros clasificados, e mantense na quinta praza da clasificación, a tres puntos do primeiro posto, mentres que o Porteño mantense na zona media da clasificación. Montelouro e Laxe repartíronse os puntos nun choque moi disputado e no cal calquera dos dous puido sumar o triunfo, do mesmo xeito que Esteirana e Malpica, que viron como o seu choque finalizaba co mesmo resultado que en Louro (2-2) e deixa a tres dos conxuntos na zona media da táboa clasificatoria e fai que o Laxe some o seu segundo punto consecutivo, tralo empate da semana pasada no seu terreo de xogo ante o líder, Castriz. Para rematar, importante triunfo dun Buño que parece disposto a estar na zona alta desde o principio de tempada e escapar dos problemas de última hora, sobre o San Lorenzo, que ve freada a súa marcha ascendente e que queda a tres puntos dos postos de privilexio da táboa clasificatoria, empatado co seu rival desta tarde e o Camariñas. A próxima xornada trae un atractivo San Lorenzo-Castriz, onde o líder terá que demostrar a súa fortaleza ante os pupilos de Óscar Suárez. O Baio intentará o salto ao liderado derrotando no Pratas Reinoso á Esteirana, mentres que en Buño partido grande entre Cerqueda, terceiro clasificado, e Cee, quinto, separados por dous puntos na clasificación xeral. Laxe e Coristanco buscarán o primeiro triunfo da tempada no duelo que lles enfronta a ambos na localidade laxenxe, mentres que o Baíñas intentará saír do pozo do descenso no duelo ante un Monte Louro complicado de bater. Partido de gran rivalidade en Ponteceso, coa visita dun Buño en alza ante un Ponteceso tocado tralos últimos traspés. En Malpica, partido complicado para os homes que prepara Esmorís coa chegada do Camariñas, mentres que o Corme quere volver enlazar coa primeira praza buscando o triunfo en Ponte do Porto, campo sempre difícil para puntuar. Para rematar, o Corcubión recibe no seu terreo de xogo a un Mazaricos irregular e buscará mellorar a súa delicada situación neste principio de tempada. A Preferente A mellor noticia en Preferente esta semana foi o excelente triunfo do Soneira en Arteixo, ante un rival que, ao principio, era un dos candidatos ao ascenso, pero que tras este inicio de campaña parece afastarse do seu obxectivo. Os vimianceses suman, deste xeito, o primeiro triunfo da tempada, e esperan que sexa o pistoletazo de saída a mellorar a súa clasificación. Sorpresa en Sofán pola derrota do once preparado por Josito ante o Laracha de Carlos Brizzola, non polo triunfo rojiverde, senón pola rotundidad do mesmo, un 1-5 que non deixa lugar a dúbidas, aínda que se cimentou nuns segundos corenta e cinco minutos onde os visitantes mostráronse tremendamente efectivos ante un once local que se viu superado. En Santa Comba, o Xallas, cunha pájara tremenda nuns minutos da segunda metade, deixou que o Bertamiráns se levase os tres puntos do remozado terreo de xogo de Fontenla, que presentaba un aspecto excepcional tralo cambio de céspede realizado no último mes, deixando aos pupilos de Iván Cancela na zona baixa da táboa e sendo, co Betanzos, o único conxunto que aínda non sumou o triunfo. Na próxima xornada, o Xallas buscará ese primeiro triunfo en Sada, ante un Sporting que a pasada xornada víase superado, no seu propio terreo, polo Estudiantil, encaixando un rotundo 0-5, situación que espera aproveitar o conxunto verde para sumar a vitoria. En Vimianzo, o Soneira recibe a un Escairón do que lle separa un punto, nunha boa posibilidade para os locais de dar un bo salto na táboa clasificatoria e comezar a poñer terra por medio da zona de descenso. Partido grande para o Sofán coa visita ao Polvorín lucense, filial do Club Deportivo Lugo e cuxo obxectivo é estar nos postos de promoción de ascenso, e que na última xornada viuse derrotado polo líder, Noia, en terreo deste, quedando a tres puntos do liderato, na cuarta praza. A 1ª Galega Dous triunfos e dous empates pecharon a primeira autonómica para os equipos da Costa, xustamente os triunfos dos dous que máis os necesitaban (Sporting Zas e Outes, ambos a domicilio), mentres que empataban Dumbría, que cede o liderato ao Sigüeiro, e Fisterra, o "rei do empate". O Sporting mostrouse moi superior ao Agolada de principio a fin, cun Álex Flores extraordinario, autor dos catro tantos sportinguistas, e aínda que ao final os locais maquillaron o resultado, o once zasence mereceu os tres puntos con maior amplitud. O Outes, pola súa banda, soubo nadar e gardar a roupa, para derrotar, a domicilio, a un Esclavitud que parece perder fol trala derrota en Zas e afástase da zona nobre da táboa clasificatoria, mentres que os xogadores de Manu Roque estabilizan a súa posición, pero sen poder descoidarse un ápice. En Dumbría, o Piloño sorprendeu aos pupilos de Julián Ferreiro, facéndose cun punto moi importante ante un once local que se fixo acreedor ao triunfo, pese ás dificultades que se atopou co conxunto do Piloño. Novo empate do Fisterra, cuarto en cinco xornadas, nesta oportunidade no seu terreo e ante un Unión que dista moito de ser o conxunto que esperan os seus afeccionados, pois era candidato ao ascenso e queda moi lonxe dos postos de privilexio e sen coñecer a vitoria, pero sendo, co Fisterra, o equipo que suma máis empates (4). A próxima xornada trae un atrayente derbi en Zas, coa visita do Fisterra dirixido por Nacho Barreiro, os dous equipos que a pasada campaña mantiveron un duelo impresionante na procura da Liga da Costa, que caeu ao lado fisterrán. O Outes, no seu terreo, quere manter a liña ascendente e superar ao Agolada, mentres que o partido grande da xornada será a vista do Dumbría ao líder, Sigüeiro, pedra de toque complicada para os azuis, que non queren deixar escapar na táboa ao once local. A 3ª Galega Impresionante comezo de campaña dun Muxía que quere volver á Liga da Costa esta tempada sen ter necesidade de disputar ningún tipo de promoción, e sumou o seu terceiro triunfo nesta oportunidade no complicado campo dun Seaia que pecha a clasificación. Sorpresa en Cabana, onde o once local, que llas prometía moi felices trala excelente imaxe de pretemporada, viu como o Ameixenda lles arrebataba un empate e os deixa moi lonxe do liderato e ata dos postos nobres da táboa. Nantón, Lira e Castrelo pugnan en pos do Muxía, e os tres gañaron nesta xornada, pola mínima, pero lonxe de casa os dous últimos, en Camelle e Outes, mentres que o Nantón facíao no seu terreo ante o Volantes. A cuarta xornada traerá un apaixonante Lira-Nantón, onde ningún quere perder para seguir nese duelo pola cabeza, cun Muxía que busca a cuarta consecutiva coa vista do Outes B, e un Castrelo que se prepara para enfrontarse en Vimianzo ao Cabana que quere reaccionar. O Ameixenda e Volantes buscarán os tres puntos nos seus terreos ante Camelle e Sporting Seaia, para ir situándose en zonas máis esperanzadoras na táboa clasificatoria, en especial os ceenses.
  • Manuel Corredoira, Entrenador Nacional Nivel 3 de Fútbol e Director Deportivo pola RFEF, formador da Escola Galega de Adestradores, e actual coordinador das Escolas de Fútbol Base de Zas.
A pipa de Corredoira

A Pipa de Corredoira

Fonte

Comentarios